A Xunta non contempla deixar de tratar os actores como funcionariado

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o elenco na presentación de Martes de Carnaval no Café Derby de Santiago, do que Valle-Inclán era asiduo Dominio Público Xunta de Galicia

As polémicas dan visibilidade e Valle-Inclán, o creador do esperpento, estaría contento de que estas arrodeen a estrea este xoves por parte do Centro Dramático Galego (CDG) da súa obra Martes de Carnaval. Esa podería ser unha das conclusións da rolda de prensa de presentación da montaxe na que este martes o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, amosou a súa disposición a realizar algún cambio no proceso de selección dos elencos por parte do CDG pero sempre “dentro do marco legal” que o levou a convocar un concurso público similar ao que se esixe para contratar funcionarios, que estivo salpicado de diversas irregularidades e que para varios artistas limitou o seu traballo creativo.

O conselleiro de Cultura ábrese a “algún cambio dentro do marco legal”, pero sen mudar este, e considera que a polémica sobre o elenco de Martes de Carnaval, que se estrea este xoves, é “positiva” para a montaxe

Ao conselleiro de Cultura preguntóuselle este martes se á vista de que o procedemento legal para a selección de actores e actrices non respondeu nin ás necesidades artísticas nin ás legais, o seu departamento estuda impulsar algunha reforma legal para mudar ese procedemento no futuro. A resposta de Rodríguez foi que, logo de recibir peticións nese sentido do sector, a consellería está aberta a estudar “algún cambio dentro do marco legal” para facelo máis “flexible”. Pero insistiu en varias ocasión en que “hai un marco legal que debemos cumprir” e que “non se lle pode pedir a unha administración que salte o marco legal”. Nada dixo o conselleiro da posibilidade pola que se lle preguntaba directamente de que a administración e os seus dirixentes políticos impulsen unha modificación dese marco legal.

Para Rodríguez, o CDG e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadi), da que depende, son “ente de dereito público sometido a uns controis para evitar arbitrariedades”. “Se é unha compañía pública, o é para todo”, engadiu, logo de asegurar que a polémica non cuestiona “a calidade artística” dos actores e actrices finalmente elixidos. Unha polémica que para o conselleiro axudará a dar visibilidade á representación do CDG. “Todo o que xera expectativas, ruído, axuda a que se enfoque máis a atención” e “iso é positivo”, sentenciou. Unha visión que tamén comparte, nun texto de presentación da montaxe, a directora do CDG, Fefa Noia, que salienta a importancia de que Valle-Inclán siga a despertar polémicas de todo tipo en Galicia e estea “na boca de todos”. “Permítanme ir un pouco máis aló e imaxinar a un Valle desgonzado [...] rindo a cachón entre caixas por ter sido capaz de abrir de novo a caixa de Pandora dos dixomedíxomes”, chega a dicir.

“Todo o que xera expectativas, ruído, axuda a que se enfoque máis a atención” e “iso é positivo”, di o conselleiro

Este xoves, ás 21 horas no Salón Teatro de Santiago, a polémica dará paso ao esperpento e Martes de Carnaval converterase na primeira montaxe de Valle-Inclán en galego por parte do CDG agora que veñen de quedar liberados os dereitos sobre a súa obra que impedían a tradución. A representación está formada por dúas pezas, As galas do defunto, ambientada no 1898 no que a pensou Valle-Inclán, e A filla do capitán, situada no 2017 actual co que a directora quixo establecer paralelismos. “A historia que ao principio parece lonxana vaise acercando”, salientou Marta Pazos, directora da montaxe. Unha posta en escena que para Fefa Noia “non nos vai deixar indiferentes”, con dez actores e actrices que chegan a representar 60 personaxes distintas con 80 mudanzas de vestiario.

A representación xirará por Galicia ata xuño e volverá a Santiago en xullo

Logo da estrea deste xoves, Martes de Carnaval permanecerá en Santiago ata o domingo día 23 en sesións convencionais e do luns 23 ao xoves 27 para funcións escolares, e logo xirará por Galicia: Tui (5 de maio), O Barco de Valdeorras (12 de maio), Ourense (19 e 20 de maio), A Coruña (2 e 3 de xuño), Rianxo (9 de xuño), Pontevedra (15 de xuño) e Vigo (22 de xuño). Polo medio, o 11 de xuño representarase en Valencia no Festival Tercera Setmana. E volverá a Santiago do 28 de xuño ao 16 de xullo.

Cartel da montaxe de Martes de Carnaval do Centro Dramático Galego Dominio Público Centro Dramático Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.