0 Gardados para despois

36 murais unen o pasado e o futuro da Ribeira Sacra

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


En 2015 botou a andar o proxecto Un toque de cor na Ribeira Sacra, unha iniciativa do Consorcio de Turismo da comarca para que un grupo de artistas realizasen 36 murais en medianeiras, inmobles abandonados, muros e outros espazos dos 21 concellos que conforman a entidade. O obxectivo era que estas intervencións de arte urbana contribuísen á recuperación de lugares abandonados, dotándoos de beleza e dimensión artística, con creacións que ademais fixesen referencia a elementos identitarios da zona, ás súas lendas e tradicións ou ás súas producións e profesións típicas, converténdose finalmente en elementos de orgullo local e de atracción de visitantes.

Dous anos máis tarde, o proxecto está a piques de completarse, coa realización do derradeiro mural, que ocupará unha medianeira dun edificio situado entre as rúas de San Lázaro e Duquesa de Alba de Monforte de Lemos. A obra, realizada polo colectivo Cestola na Cachola, fai referencia á tradición produción de viño na comarca e tamén ao carácter ferrroviario da vila monfortina, representando a antiga locomotora Mikado, que se conserva no museo do tren da localidade.

Os outros 35 murais xa locen nas paredes e muros de Taboada, Paradela (2), Chantada (2), Portomarín (2), Sober (2), A Pobra de Brollón, A Peroxa, Carballedo, O Saviñao, Quiroga, Os Peares, Ribas de Sil, Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín (2), Esgos, Pantón, Xunqueira de Espadanedo (2), Parada de Sil (2), Montederramo e A Teixeira (2).

Os murais "xeran patrimonio, permítennos converter espazos decadentes en cadros de gran tamaño. Están na rúa, en contacto directo con viandantes, e teñen a capacidade de moverse, excitar, provocar e animar, sendo un vehículo sensibilizador", destacan os responsables do proxecto, que explican que ademais da acción de recuperación de espazos degradados, se busca "pór en valor elementos materiais e inmateriais da comarca, pois todos os murais fan referencia a lendas, oficios, festas da Ribeira Sacra". Os 36 murais conforman unha ruta turística que o Consorcio está comezando a presentar por todo o Estado, como xa fixo o pasado ano na feira Fitur, en Madrid. A acción, ademais, pretende contribuír a difundir a candidatura da Ribeira Sacra para ser declarada Patrimonio da Humanidade.

Unha parte importante das creacións foron realizadas polo colectivo Cestola na Cachola, nomeadamente polos artistas Xoana Almar e Miguel Peralta. Entre os murais que se poden ver nos concellos da zona destacan especialmente algúns, pola súa espectacularidade ou simbolismo. Por exemplo, o titulado "Anduriña asolagada", nos Peares, con referencias á emigración, situado na medianeira dun edificio á beira da vía do tren, no camiño seguido por moitos galegos e galegas emigrados a outros territorios de España e Europa no século pasado. Ou o mural dedicado a "Os Barquilleiros do Sil", en Parada de Sil; os barquilleiros marchaban ás grandes cidades (especialmente a Madrid) e animaban as feiras vendendo estas obleas de fariña de trigo, auga, mel e canela e a xente da vila saía a despedilos dende os miradores nos acantilados do río Sil, chamados agora Balcóns de Madrid.

No concello da Teixeira un mural homenaxea as tecedeiras, tendo en conta que Ribeira Sacra ourensá había moitas tecedoras que traballaban principalmente coa la e o liño. "Practicamente desapareceu esta técnica, pero os deseños, formas e cores que escribiron estas mulleres na tea foron unha importante páxina da historia galega que non debemos esquecer", destacan Xoana Almar e Miguel Peralta. Nalgún lugar o mural non foi realizado nas paredes ou muros dunha vivenda, senón que cobre todo un anfiteatro: na Pobra do Brollón os dous autores representaron as cores da vide nas distintas estacións do ano, todo un recoñecemento á importancia da produción vinícola na zona.

Outras obras fan referencias a lendas moi presentes no imaxinario popular da comarca. Coma os xacios representados en Ferreira de Pantón, uns seres mitolóxicos subacuáticos que habitaban nos ríos Miño e Sil. Ou a historia da Pena da serpe de Vilaescura que agora se lembra nunha parede de Sober. Ou a do Ermitán de San Mamede, que se pode ver en Montederramo. Ou O Irrio, representado en Castro Caldelas; "a orixe desta máscara pérdese no tempo e pode ser que tivera unha natureza totémica (segundo Vicente Risco). Hai versións que din que representa un cobrador de impostos para a nobreza e outras que foi un rebelde contra os condes e o defensor do pobo. "Cando pensaba en pintar esta máscara nunha parede destas dimensións tiven dúbidas por se sería unha imaxe moi dura, pero falando coa xente de Castro Caldelas sentín que sería un orgullo pintar esta icona do pobo", destaca o seu autor, Miguel Peralta.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O Rexenera Fest xa enche de arte as rúas de Carballo

Carballo acolle durante toda esta semana unha nova edición do Rexenera Fest, o Festival Internacional de Arte Pública. Dende este luns e ata o domingo, as rúas da vila serán o lenzo no que nove artistas intervirán noutros tantos puntos estratéxicos do rueiro "para facer da vila un lugar non só máis fermoso senón tamén máis humano e habitable", destaca a organización do evento. Ademais, o Forum Carballo acolle a master class “Stencil aplicado ao mural”: Aprendizaxe da técnica do stencil”, impartida por Andrea Michaelsson, alias BTOY. 

Nove artistas intervirán noutros tantos puntos estratéxicos do rueiro "para facer da vila un lugar non só máis fermoso senón tamén máis humano e habitable"

Os e as nove artistas que xa están dando forma á súas obras nas paredes e muros da localidade son: Sekone (Galicia), que estará pintando na rúa Avenida de Fisterra; Yoseba (Galicia), que estará pintando estará pintando na rúa Vila de Negreira; Cinta Vidal (Cataluña), estará pintando na rúa Vázquez Parga; Saturno (Cataluña), que estará pintando nunha das paredes do edificio do Fórum; Animalitoland (Arxentina), que estará pintando nun dos edificios da rúa Río Anllóns; Jorit (Italia), que estará pintando nun dos edificios da rúa Luís Calvo; Curiot (México), que estará pintando nun dos edificios da rúa Gardenias; e Nada / Iria Fafián (Galicia), que estará pintando nun dos edificios da rúa Doutor Fleming. Ademais, o tamén galego Isaac Cordal realizará unha instalación nun dos edificios da rúa Saúde, dando continuidade ao seu proxecto Eclipses de Cemento, unha definición crítica do noso comportamento como unha masa social.

Obra de Yoseba MP en Ordes