O Bierzo celebra o bicentenario do nacemento de Antonio Fernández Morales

Antonio Fernández Morales © Grupo As Médulas

Neste 2017 celébrase o bicentenario do nacemento de Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-Cacabelos, 1896), autor en 1861 de Ensayos poéticos en dialecto berciano, unha obra escrita en galego que se anticipou mesmo aos Cantares Gallegos de Rosalía. É, dende hai anos, un dos nomes que soan como homenaxeado no Día das Letras Galegas e, de feito, o pasado ano acompañou a Casares, Carvalho Calero e Plácido Castro no cuarteto de finalistas.

O vindeiro sábado 17 de xuño Cacabelos acollerá varios actos de celebración do 200 aniversario de Fernández Morales, organizados polo Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo, coa colaboración da Xunta de Galicia, Concello de Cacabelos, Consello Comarcal do Bierzo, Instituto de Estudios Bercianos e La Moncloa.

Ás 11.30 horas comezarán os festexos, coa lectura dos seus escritos na Rúa Santa María, número 16, a carón da casa na que Fernández Morales viviu. Manuel González Prieto, membro do Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo, presentará o acto, no que participarán Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Luis Alberto Arias e Gerardo Álvarez, en representación do Consello Comarcal do Bierzo, ademais de representantes do Concello de Cacabelos. Haberá unha lectura de poemas a cargo de Eduardo Campelo Nieto, estudante de primaria en Vilafranca do Bierzo, varios estudantes de bacharelato do IES Bérgidum Flávium (Cacabelos), Ana Carballo, vicepresidenta do Instituto de Estudios Bercianos e Felipe Lubián, académico correspondente da Real Academia Galega polas Portelas. Pechará Xosé Luís Méndez Ferrín, que pronunciará un discurso. Ademais, o grupo 2naFronteira musicará varios poemas do escritor berciano.

O Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo convidou a crear unha caricatura, haiku, poema, fotografía, deseño gráfico, canción,.. a partir dun verso dunha serie de poemas do autor

Ás 12.30 hora, en La Moncloa inaugurarase a exposición “Fernández Morales hoxe: creacións e recreacións”. O Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo convidou a crear unha caricatura, haiku, poema, fotografía, deseño gráfico, canción,.. a partir dun verso, dous versos, máximo, dunha serie de poemas do autor recollidos na obra Ensaios poéticos en dialecto berciano (1861). Os poemas seleccionados foron os seguintes: "O fiandón da aldea", "A Ponferrada", "Villafranca i a vendima", "Os magostos", "O Entroido", "Na volta da sega" e "As rogativas a san Crispín". En total, seleccionáronse 16 traballos: unha caricatura de Siro López, fotografías de Xurxo Lobato e Victor Miguel Villar López, un debuxo de Carlos López, unha acuarela de Jose Luis Almajano Esteras, un alalá cantado por Carmen Penim do grupo 2naFronteira, un deseño gráfico de Diego Jiménez Merayo, un haiku de Mercedes Queixas Zas, e poemas de Noelia Estévez Rionegro, Marco Paone, Rosa Enríquez, Raúl Gómez Pato, Suso Díaz, Romina Bal, Igor Lugris e  Manuel González Prieto.

Nese mesmo acto tamén se presentará o libro Antonio Fernández Morales, autor berciano. Bicentenario do seu nacemento (1817-2017), editado por Fervenza e coordinado polo Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura Galegas do Bierzo, ao coidado de Manuel González Prieto. Na obra colaboran varios autores, con traballos sobre o escritor homenaxeado e sobre a cultura galega no Bierzo: “Un xardín que chaman Bierzo”, limiar de Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia;  “Antonio Fernández Morales, autor berciano”, unha serie de apuntes sobre a vida de Antonio Fernández Morales;  “Selección de poemas”, unha selección de poemas do autor, debidamente revisados: O fiandón da aldea, A Ponferrada, Villafranca y a vendima, Os magostos, O San Roque en Paradela, O Entroido e Na volta da sega; e “Fernández Morales hoxe: creacións e recreacións”. Traballos de Siro López, Xurxo Lobato e Victor Miguel Villar López, Carlos López, Jose Luis Almajano Esteras, Carmen Penim, Diego Jiménez Merayo, Mercedes Queixas Zas, Noelia Estévez Rionegro, Marco Paone, Rosa Enríquez, Raúl Gómez Pato, Suso Díaz, Romina Bal, Igor Lugris e  Manuel González Prieto.

 

Escrito en favor de Fernández Morales

O ano pasado un grupo de figuras bercianas do ámbito da cultura difundiron un escrito apoiando a candidatura de Fernández Morales como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Entre os asinantes estaban Amancio Prada, Juan Carlos Mestre, César Gavela, Valentín Carrera, Xabier Lago Mestre, José Antonio Balboa, Ester Folgueral, Elena Soto ou Héctor Silveiro, membro da Comisión Cultural Martín Sarmiento e académico correspondente polo Bierzo da RAG. O texto destacaba "o valor intrínseco do libro Ensayos poéticos en dialecto berciano", equiparable en calidade ao doutras obras de autores galegos contemporáneos" malia ser unha obra "desafortunadamente interpretada pola crítica galega e esquecida ata os anos 90".

Para este grupo de bercianos, a celebración de Fernández Morales "axudaría a andar o camiño da consideración da fala natural das xeraciois pasadas de bercianos e tamén de milleiros de persoas do Bierzo do século XXI"

Para este grupo de bercianos, a celebración de Fernández Morales "axudaría a andar o camiño da consideración da fala natural das xeraciois pasadas de bercianos e tamén de milleiros de persoas do Bierzo do século XXI, pais e nais que escollen voluntariamente que os seus nenos e nenas estuden a lingua de Morales e de Rosalía na escola, tras da súa incorporación ao ensino en colexios e institutos (máis de mil familias) e procurar novos espazos para o galego no Bierzo".  Sería, segundo lle lembraban á RAG, "un paso máis na defensa do galego no Bierzo, que está atravesando unha situación verdadeiramente dramática ao ser o territorio con maior perda de falantes", algo do que, segundo recordan, o propio Consello de Europa advirte, polo que aconsella intervir con "propostas que dinamicen o uso da lingua galega".

Cartel da homenaxe © Grupo As Médulas
Portada do libro © Edicións Fervenza
Casa de Antonio Fernández Morales, en Cacabelos © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.