"A solución non pasa por cambiar o proxecto do MARCO e producir exposicións do gusto popular"

Entrada do MARCO CC-BY-SA Elisardojm2

En decembro do pasado ano Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO de Vigo, anunciaba que abandonaría o seu posto en novembro de 2017, momento no que finaliza o seu contrato, despois de anos de recortes orzamentarios, sinalando que “ata hai pouco aínda tiña esperanzas de que despois da crise se podería recuperar parte do orzamento recortado” pero que "agora, coa crise económica aparentemente superada, estamos metidos noutro tipo de crise, na que o modelo do MARCO e de moitas outras institucións culturais non é sostible".

Abriuse nese momento unha situación de incerteza e dúbidas sobre o futuro do museo e foron moitas as voces que se dirixiron ao Padroado da Fundación MARCO para que mantivese o camiño aberto polo centro nos últimos 15 anos, convocando un concurso público para o nomeamento dun director ou directora acorde coa calidade do museo. Os meses foron pasando e as dúbidas non fixeron máis que aumentar, sobre todo despois de que o alcalde da cidade, Abel Caballero, anunciase que introduciría cambios no funcionamento da institución a partir de novembro. Este mércores, ademais, sóubose que o Concello de Vigo se fixo co control total do Patronato, pasando de ter 3 membros no órgano a contar con 8, nomeados directamente polo alcalde e non polo pleno, como sucedía ata agora. 

En resposta á incerteza creada, os profesores Miguel Anxo Rodríguez (USC), Silvia García (UVigo) e Pedro de Llano (UDC) difunden un escrito conxunto no que lle demandan ao Padroado que valore a traxectoria do centro e que o proceso para o nomeamento dunha nova dirección "respecte a cualificación dos posibles candidatos e o rigor e a transparencia dos procedementos".

Piden que o proceso para o nomeamento dunha nova dirección "respecte a cualificación dos posibles candidatos e o rigor e a transparencia dos procedementos"

No texto alertan que "desde que o 14 de decembro do pasado ano o seu director anunciara que non vai renovar no cargo, nada sabemos sobre o que pode pasar. O Padroado da Fundación MARCO non aclarou, ata o de agora, como se vai producir o relevo", destacando que a pesar das dificultades motivadas pola redución do orzamento nos últimos anos o museo "segue a producir exposicións de grande interese, rescatando do esquecemento a mulleres artistas, explorando a cuestión do xénero, investigando na produción de artistas fundamentais da nosa cultura, confrontando a creación galega coa internacional…".

"Vai mudar o proxecto museístico do MARCO? Como vai ser a escolla da nova dirección? Con que criterios? Quen o vai decidir? Recentes declaracións e rumores mestúranse, alimentando os medos entre a comunidade artística de que o proxecto de museo mude radicalmente", din, preguntándose "que implican as palabras do alcalde, de que se vai cambiar a fondo o proxecto de museo, para que sexa “adecuado ás demandas de Vigo”?".

"Que implican as palabras do alcalde, de que se vai cambiar a fondo o proxecto de museo, para que sexa “adecuado ás demandas de Vigo”?", pregúntanse

"A solución non pasa por cambiar o proxecto de museo e producir exposicións baratas e "bonitas", do gusto popular, que nada aportan a nivel de investigación sobre a creación e os procesos artísticos actuais", subliñan, engadindo que "non debemos perder de vista que un museo é un centro dedicado á investigación, defensa do patrimonio e divulgación. Produción de coñecemento e dimensión educativa deben ser respectadas, porque son a esencia destas institucións".

Lembran que os estatutos da Fundación MARCO sinalan que o museo ten como obxectivo a realización de actividades encamiñadas “ó coñecemento e a difusión da arte e da cultura contemporáneas”, considerando especialmente “os novos procesos de creación, produción e distribución das artes e da cultura actual”. E salientan que partindo destas premisas "o museo conseguiu nos últimos anos respecto e boa valoración entre os profesionais e afeccionados á arte contemporánea" . Engaden que "unha das mostras máis evidentes deste respecto polo traballo ben feito foi a elección en 2011 de Iñaki Martínez, o director do museo, como presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España".

"Non debemos perder de vista que un museo é un centro dedicado á investigación, defensa do patrimonio e divulgación"

No texto, os tres profesores e profesora recoñecen que "a este recoñecemento nos ámbitos especializados non lle correspondeu un semellante a nivel de público", pois "aínda que a cifra de visitas no último ano non é mala (80.000 persoas), deixa un sabor agridoce, sobre todo se temos en conta a localización do edificio, no centro da cidade". "Isto non é extraordinario, nin é unha excepción. Lamentablemente é o habitual nos museos e centros de arte contemporánea en España, agás no Museo Reina Sofía, que custodia obras senlleiras nas súas salas como o Guernica de Picasso, e ten un orzamento e recursos humanos que non son comparables", aclaran.

"Cómpre que o Padroado da Fundación MARCO valore este legado e o respecto acadado nos ámbitos especializados"

O escrito conclúe que nos últimos 15 anos "o MARCO conseguiu situar a Vigo no mapa dos museos e centros de arte contemporánea internacionais pola súa programación de calidade, a partir dun proxecto de escala media, dunha equipa humana que non é numerosa, pero que demostrou que pode producir exposicións, catálogos e actividades de calidade". E engade que "cómpre que o Padroado da Fundación MARCO valore este legado e o respecto acadado nos ámbitos especializados".

 

Cúpula do museo CC-BY-SA Elisardojm2
Espazo anexo do MARCO CC-BY-SA Iago Pillado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.