Memorajoj de kampara knabo. Memorias dun neno labrego. A obra máis lida da literatura galega xa ten a súa versión en esperanto. O filólogo vigués Suso Moinhos vén de publicala no pasado mes de xullo da man da editorial Mondial, con sede en Nova York e a máis importante desta lingua universal e internacional.
A obra máis lida da literatura galega xa ten a súa versión en esperanto desde o pasado mes de xullo
O profesor, poeta e falante de esperanto desde os 16 anos cumpre así coa promesa que el mesmo lle fixera a Xosé Neira Vilas, falecido hai case dous anos. Agora, a obra dedicada “a todos os nenos que falan galego” e con máis de trinta edicións na nosa lingua contará cunha versión máis e neste idioma internacional para engadir á morea de falas nas que foi publicada, desde o español, portugués, alemán, catalán, éuscaro, asturiano ou inglés.
Desde hai anos, Moinhos é redactor da revista en esperanto Beletra Almanako, onde propuxoe publicar algo de literatura galega. Decidiu comezar co capítulo sobre Pachín, o can de Balbino. "Púxenme en contacto con Neira Vilas e accedeu encantado, tanto que me dixo se podería traducir o resto do libro. E así comezou a cousa", conta o autor a Praza.gal. Estudou os mellores tradutores nesa lingua e comezou cun longo traballo durante o cal -case ao final- faleceu o autor de Memorias dun neno labrego. Antes, o profesor vigués prometéralle que acabaría a tradución. "Díxenlle que confiara en min, que así o faría e creo que creu nas miñas palabras", insiste.
Neira Vilas faleceu mentres Moinhos remataba a tradución da súa obra: "Díxenlle que confiara en min, que faría a tradución"
A de Neira Vilas é a segunda obra da literatura galega que é publicada en esperanto logo de que o fose Retrincos (Viveroj), de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Nesta publicación, prologada pola profesora da Universidade de Vigo Iolanda Galanes, inclúense fotografías cedidas pola Fundación do autor de Vila de Cruces ou os debuxos orixinais de Isacc Díaz Pardo.
A obra sae agora do prelo logo de ser presentada en Galicia durante o congreso internacional As visibilidades da tradución celebrado na Universidade de Vigo e na que interveu o propio tradutor, Suso Moinhos, que desde o ano 2015 forma parte do equipo de redactores da devandita revista literaria Beletra Almanako e dirixe o módulo de literatura do curso en liña RITE para profesores de esperanto, idioma desenvolvido a finais da década de 1870 e a comezos da década de 1880 polo oftalmólogo xudeu Zamenhof, que publicou o primeiro libro en 1887, data de referencia para este idioma.
A versión de Memorias dun neno labrego en esperanto pode ser adquirida en papel a través de diferentes plataformas web como Amazon, así como en Google Play para o formato electrónico. Ademais, as librarías poden mercalo a través das principais distribuidoras e está dispoñible nas diferentes asociacións de esperanto en diferentes países do mundo.