O Chanfaina Lab volve tornar San Sadurniño nun "universo de cinema"

Participantes nunha edición anterior do Chanfaina Lab © Gabriel Tizón
Publicidade
Publicidade

Unha vintena de cineastas e amantes do audiovisual. Cadansúas cámaras e un reto: gravar unha película  entre tres e cinco minutos durante unha fin de semana "con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual" e unha única condición: ten que se realizar en San Sadurniño. É o reto que por cuarto ano consecutivo lanza a organización do Chanfaina Lab, o certame audiovisual que chega á súa cuarta edición nesta vila ártabra entre o 1 e o 3 de setembro.

Con Manolo González á fronte do equipo e despois de tres exitosas edicións o Chanfaina Lab volve procurar unha "ollada contemporánea sobre a paisaxe rural,a  emigración, o devalar do tempo" e mesmo "as diferenzas paisaxísticas" entre as sete parroquias que compoñen o municipio. Estes días a vila torna en todo un "universo audiovisual" interpretado polas creacións de persoas diversas en canto a idades, procedencias e profesións.

Como adoito, entre as persoas convidadas a achegar as súas creacións ao Chanfaina Lab hai varias nadas ou residentes en San Sadurniño. É o caso de Patricia Lamas e Miguel Sanjurjo, "axitadores socioculturais de Silvalonga"; Abel Vega, "veterano de Igrexafeita"; Fran Bermúdez, "adoptado en Lobeira" ou "as xa famosas labregas de Teño unha horta en San Sadurniño, entre outras convidadas. De fóra do concello chegarán creadores como o investigador e programador Ángel Rueda, a cineasta pontevedresa Anxos Fazáns, a realizadora de Mazaricos Carmen Rey ou o exitoso director Óliver Laxe. O convite esténdese tamén, outro ano máis, a persoas que non se dedican especificamente ao cinema pero si se interesan por el ou apoian publicamente, desta volta é o caso da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

As proxeccións compleméntanse con tres obradoiros impartidos por María Yáñez, Juan Lesta e Óliver Laxe e mais con actividades lúdicas

Este encontro de cineastas e as súas creacións son a cerna do Chanfaina Lab, pero non o seu único punto do programa. Xunto ao seu traballo desenvolveranse tres obradoiros ligados ao cinema e aos contidos dixitais. O primeiro vai ser impartido pola xornalista e produtora de contidos dixitais María Yáñez, que falará sobre "folclore dixital" ou, o que é o mesmo, "o uso cultural dos memes, os microvídeos e os gifs animados". Tamén pasará por San Sadurniño Juan Lesta co seu obradoiro Monta-móbil, de montaxe rápida de vídeos a través do teléfono; e mais o propio Óliver Laxe coa palestra Cine rural. O cinema da soberana submisión.

Documentais contemporáneos sobre o rural portugués, xantares ou concertos completan un programa a desenvolver dende este venres e durante toda a fin de semana. San Sadurniño, aseguran, é aínda "todo un universo por descubrir" no que encaixa á perfección este certame, que non deixa de ser tamén un pequeno "revolto de cousas diversas".

Cartaz do Chanfaina Lab 2017 Dominio Público Concello de San Sadurniño
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.