Proxecto Xangai: moito máis que unha banda

Concerto de Xangai no Festival Terra Brava © Xangai

O Festival Terra Brava celebrado no Incio este pasado mes de agosto serviu para a estrea da banda Xangai, un conxunto musical que é moito máis que un grupo. Un soporte para diferentes artistas e un elemento máis dun amplo proxecto que colle prestado o alcume do tren que durante décadas uniu Galicia e Catalunya. Ese intercambio humano, social, cultural e artístico entre o Atlántico e o Mediterráneo é o fío condutor dunha iniciativa que empezou hai meses e da que xa agromaron festivais poéticos ou formacións musicais e que vivirá un dos seus puntos culminantes na celebración do 40º aniversario do Ateneu Nou Barris de Barcelona, o centro social máis antigo do Estado e que sempre contou cunha forte presenza da emigración galega. 

O Festival Terra Brava serviu de estrea para a banda Xangai, un soporte musical dentro dun amplo proxecto que une Galicia e Catalunya

No Ateneu mesmo viviron, nas caravanas da Escola de Circo, os membros de Jarbanzo Negro, cuxos compoñentes son algúns dos membros que se subiron ao Xangai no Incio. Tamén xente d'Os Tres Trebóns, Sacha na Horta ou García MC e Xurxo Souto. E hai sitio para Susana Seivane, as Garotas da Ribeira, Pinto de Herbón, Bolboreta, Estoy que trino ou Trova Kung Fu. Galicia e Catalunya. Catalunya e Galicia. "Unha mestura interoceánica que quere representar décadas de encontro", explican. 

"En Catalunya, ser galego ten un significado; hai unha relación moi estreita e mírannos con interese, cariño e empatía"

Xan Xove, integrante dos Papaqueixos ou de Jarbanzo Negro, foi un deses moitos milleiros de galegos que collía acotío o Xangai camiño de Barcelona. "En Catalunya, ser galego ten un significado; hai unha relación moi estreita e mírannos con interese, cariño e empatía. Toda aquela vinculación demostrouse, por exemplo, co Nunca Máis; temos que reivindicar todo iso", asegura quen foi un dos impulsores deste amplo proxecto que empezou a agromar en 2016, aínda que fose a base de iniciativas fallidas. 

"O proxecto comezou dunha maneira, fluíu doutra e agora está noutro momento... E probablemente cheguemos a outros diferentes", insiste Xove, que lembra como hai máis de un ano, "diversas persoas vinculadas con Galiza e Catalunya" pensaron en facer "unha homenaxe a esas relacións entre os dous países, baseándose nas experiencias artísticas dunha bada e doutra e, en xeral, da emigración galega". Colleron o Xangai como símbolo e artellaron varios proxectos. 

Xangai agromou pola iniciativa de artistas vinculados con Galicia e Catalunya que quixeron"homenaxear as relacións entre ambos lados"

Pensaron nun festival na Coruña e Barcelona en homenaxe a un contacto histórico entre as dúas beiras da Península e, coa crise polos refuxiados, buscaron tamén unha iniciativa aproveitando que tanto unha como outra cidade impulsaran o ofrecemento como cidades refuxio. "Era unha forma tamén de reivindicar a capital catalá como refuxio, tal e como o fora para milleiros de emigrantes", conta. Mesmo artellaron unha performance con milleiros de caixas de zapatos, como aquelas que os galegos chegados ao Mediterráneo portaban na Estació del Nord para agasallar aos que necesariamente se tiñan que facer cargo deles á súa chegada e que cargaban con chourizos ou tarros de mel. Unha rede de solidariedade que nunca acabou. 

O 40º aniversario do Ateneu Nou Barris impulsou unha banda que "dá soporte a xente galega e catalá para un espectáculo mixto"

"Non callou, pero continuabamos coas ideas", explica Xan. Alí xa estaban Xurxo Souto, Manuel Rivas, as Garotas da Ribeira... E o Ateneu Nou Barris chamou os seus compañeiros galegos para volver reunir O Jarbanzo Negro -"eramos a banda residente", di entre risas Xove- e pedir a colaboración de máis artistas galegos. Era unha forma de lembrar e homenaxear aquelas foliadas que durante anos inundaron o barrio barcelonés de música e festa atlántica. 

Foi así como na primavera se montou unha banda creada para a ocasión pero que pretende que "dea soporte a xente galega e catalá para facer un espectáculo mixto". Empezaron cun repertorio que inclúe rumba, merengue, gaita... E que segue cavilando novas ideas, como a de incluír temas de Ana Kiro, "todo un símbolo da galeguidade en Barcelona". 

Antes, Cerceda acolleu Poesía no Túnel, no apeadeiro da Vila da Igrexa, organizada polo músico local Richi Casás e que xirou arredor da cultura popular e de raíz. Outra chiscadela ao tren e aos camiños de ferro, como a homenaxe a Carlos Casares organizdo pola AC Furafollas en Barcelona co gallo do Día das Letras. Todo logo do quilómetro cero que supuxo o concerto que en decembro do ano pasado deron Os Tres Trebón e Ultraqäns na sala Mardi Gras da Coruña. A estación de destino será o Ateneu de Nou Barris e a festa do seu 40º aniversario, pero non semella que vaia ser a derradeira. A locomotora fará algunha parada antes e ten previsto continuar a súa viaxe nos vindeiros meses. 

"Queremos crear unha marca arredor do espírito Xangai, da emigración; u proxecto que sirva de ponte e de homenaxe"

O próximo sábado 9 de setembro, nas Festas da Rúa de Abaixo en Compostela, a banda Xangai volverá unir Catalunya, Galicia e o que lle boten. E xa hai proxectos para máis iniciativas arredor das estacións de tren. "Queremos crear unha marca arredor do espírito Xangai, da emigración... Un proxecto que ampare iniciativas e que sirva de ponte e de homenaxe", remata Xan Xove. 

Concerto de Xangai no Festival Terra Brava © Xangai
Concerto de Xangai no Festival Terra Brava © Xangai

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.