Proxecto Cárcere xestionará a antiga prisión da Coruña

Patio do cárcere CC-BY-SA Praza Pública

Será Proxecto Cárcere o colectivo que se encargará de xestionar a antiga prisión da Coruña durante un ano a través dun convenio co Concello e logo de que se resolvese xa a convocatoria pública. Así o anunciou o edil de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, durante unha entrevista en Radio Coruña. A plataforma cidadá, que leva anos loitando para recuperar o histórico edificio para o público, agrupa varios colectivos da cidade e impúxose a outras propostas que non foron especificadas polo concelleiro, que asegurou que a tramitación das obras do edificio “está moi avanzada” e que o inmoble estará aberto á cidadanía “contra o​ ​final​ ​deste​ ​ano”.  

Proxecto Cárcere xestionará durante un ano a antiga prisión da Coruña, que estará aberta á cidadanía "contra o final deste ano"

Foi hai xa case un ano, no pasado novembro, cando o Concello da Coruña e a Sociedade Estatal de Infraestruturas Penitenciarias (SEIP), dependente do Ministerio de Interior, chegaron a un acordo para a cesión "gratuíta e temporal" do edificio do antigo cárcere provincial á cidade, co obxectivo de que teña usos sociocomunitarios e culturais. A cesión fixada no convenio ten unha vixencia de dous anos -prorrogable anualmente- á espera da resolución do litixio xudicial aberto, no que o Concello demanda o traspaso gratuíto do inmoble. Cada administración comprometeuse a achegar 150.000 euros para a realización de traballos de rehabilitación e conservación. 

“En paralelo a este proceso", como lembrou Varela, o goberno local fixo unha convocatoria pública e aberta para a cesión de usos de espazos, para que entidades sen ánimo de lucro "puidesen achegar as súas propostas de xestión e dinamización nas zonas rehabilitadas do edificio, co obxectivo de xerar vida no cárcere a través de diversas actividades de carácter artístico, educativo, sociocultural e lúdico”, sinalou o edil, quen especificou que estas poderán desenvolverse, unha vez finalicen os traballos, “con seguridade e garantía”.

"Foi Proxecto Cárcere quen consideramos que fixo o mellor proxecto e quen vai xestionar e dinamizar o edificio", engadiu para asegurar que se poderán desenvolver "actividades de todo tipo" sempre que se adecúen ás condicións actuais do edificio". 

Unha parte da vella prisión quedará aberta e axeitada pra usos públicos antes de que finalice 2017

Xa que logo, unha parte do vello cárcere da Coruña quedará aberto e axeitado para usos públicos antes de que finalice este 2017 e será Proxecto Cárcere quen o xestione e se encargue de "xerar vida cultural, social e sociocomunitaria", segundo aclarou o edil, que manifestou tamén que a vindeira semana poderíanse adxudicar xa as obras de rehabilitiación, que empezarían a finais deste mes de setembro. A iniciativa presentada pola plataforma cidadá pode consultarse aquí

Durante os últimos anos o Estado veu negándose a ceder o cárcere gratuitamente á cidade da Coruña, remitíndose ao convenio asinado en 2005 polo daquela alcalde Francisco Vázquez, un acordo que obrigaba ao Concello a pagar 1,2 millóns de euros pola recuperación do edificio. Con todo, en 2014 o Consello Consultivo puxo en dúbida a validez do convenio asinado polo ex-rexedor.

O inmoble funcionara durante décadas como prisión, recluíndo entre as súas paredes a centos de presos políticos, tanto durante a Guerra Civil e a posguerra coma nos últimos anos da ditadura. Unha historia que dende hai un tempo vén recollendo o proxecto Memorias do Cárcere da Coruña. Unha vez que abandonou a súa función como cárcere tivo outros usos -por exemplo, como centro de inserción social- ata que no 2009 pechou definitivamente as súas portas.

Fachada principal da antiga prisión provincial da Coruña / © turismo.gal

En novembro de 2010 unhas xornadas sobre novos modelos participativos de xestión cultural trouxeron á cidade aos responsables de sinalados proxectos de Austria ou Barcelona. Foi o xermolo do Proxecto Cárcere, a plataforma cidadá que dende aquela veu traballando por converter o edificio nun centro cultural público e autoxestionado. O colectivo realizou xornadas de portas abertas, para que a cidadanía puidese coñecer o inmoble e organizou actividades culturais. Entre 2010 e 2011 o edificio mesmo acolleu algunhas sesións do festival de cinema S8 ou un concerto en homenaxe a Lois Pereiro. Tamén se alborou un Plan de Viabilidade onde se propuxeron as liñas xerais de recuperación paulatina e sustentable do inmoble, das actividades a ser acollidas nel e da xestión e viabilidade económica do espazo.

Precisamente, o Proxecto Cárcere entregou o pasado mes de xaneiro ao goberno local da Coruña a súa proposta de usos para a antiga prisión provincial que puidese servir de modelo para a súa xestión, trala cesión do edificio por parte do Ministerio do Interior, unha vella reivindicación da cidade. O documento, no que a plataforma viña traballando nas últimas semanas (e que é froito dun traballo de varios anos), inclúe unha proposta de rehabilitación, de usos e contidos para o espazo, unha suxestión de forma de xestión e dun marco de relación co Concello, así coma un deseño para o modelo de financiamento e forma xurídica do cárcere. Igualmente, na xuntanza que a entidade mantivo coa Concellería de Rexeneración Urbana e Participación, entregáralle unha versión actualizada do Plan de Viabilidade que Proxecto Cárcere redactara hai xa tempo e que serve de base á súa proposta.

Tamén o pasado mes de xaneiro, 30 anos despois do seu peche como cárcere e seis anos despois do breve período (2010-11) no que acolleu varios actos culturais e exposicións, a cidadanía da Coruña puido volver entrar na antiga prisión provincial.

Foxo do cárcere CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.