A cidade da Coruña recupera o edificio do antigo cárcere

Antigo cárcere provincial da Coruña CC-BY-SA Andrés Maneiro

O Concello da Coruña e a Sociedade Estatal de Infraestruturas Penitenciarias, dependente do Ministerio de Interior, veñen de chegar a un acordo para a cesión "gratuíta e temporal" do edificio do antigo cárcere provincial á cidade herculina, co obxectivo de que teña usos sociocomunitarios e culturais. A cesión fixada no convenio ten unha vixencia de dous anos -prorrogable anualmente- á espera da resolución do litixio xudicial aberto, no que o Concello demanda o traspaso gratuíto do inmoble. Cada administración comprométese a achegar 150 mil euros para a realización de traballos de rehabilitación e conservación. Proxecto Cárcere, iniciativa que leva seis anos reivindicando a recuperación deste espazo, celebra a decisión e chama a abrir un proceso participativo para a definición da súa actividade.

A proposta de convenio proposta de convenio será levada á Xunta de Goberno Local esta semana para a súa validación. Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, fixa para comezos do 2017 o momento no que o Concello poderá facerse cargo do inmoble, unha vez que se produza a sinatura do protocolo. Varela destaca “o que queremos é liberar o cárcere para o uso cidadán, e comezaremos, grazas a este convenio, cunha intervención para frear o seu deterioro, co obxectivo poder ir levando a este espazo eventos concretos e algunhas actividades de tipo cultural".

O pasado mes de marzo o alcalde Xulio Ferreiro adiantaba que o Concello estaba a traballar co obxectivo de que o antigo cárcere provincial teña un uso público, que non só reverta no barrio de Monte Alto, senón en toda a cidadanía”. E manifestaba que "non hai interese por ningunha das partes en deixar que ese espazo quede podrecendo dous o tres anos máis mentres non se coñece a sentenza”.

Xiao Varela: “O que queremos é liberar o cárcere para o uso cidadán, e comezaremos cunha intervención para frear o seu deterioro, co obxectivo poder ir levando a este espazo eventos concretos e algunhas actividades de tipo cultural"

Nos vindeiros meses iniciaranse, polo tanto, as obras de conservación “esenciais”, dirixidas a garantir a estanqueidade do inmoble evitando filtracións, co obxectivo final de que o inmoble pase a ser de titularidade municipal de forma definitiva. Varela subliñou a importancia deste acordo "que nos permite comezar a actuar sobre este ben histórico, co obxectivo de poder poñelo a disposición de toda a veciñanza” e agradeceu a "boa disposición" do SIEP e sobre todo o traballo desenvolvido pola asociación Proxecto Cárcere.

 

Proxecto Cárcere

Xosé Lado, de Proxecto Cárcere, celebra a resolución: “É o que levamos pedindo dende hai anos: que o edificio se destine a usos comunitarios e culturais, polo tanto estamos contentos. É un primeiro paso. Ogallá que o Concello consiga, ben gratuitamente por vía xudicial, ben pagando algunha cantidade, a titularidade definitiva”. Lado incide en dous obxectivos para o proceso que se abre a partir de agora: "Queremos que o edificio se destine a eses usos. E para nós é clave que o protagonismo neste proceso sexa dos cidadáns”. “Parece que este Goberno municipal está polo labor de enfocar o proceso nesta dirección, pero haberá que agardar. Digamos que agora está o balón no seu tellado e teñen que poñelo a xogar”, engade.

"A nosa teima é que o proxecto parta da cidadanía e teña autonomía, que aínda que o edificio teña titularidade municipal, funcione en autoxestión ou con fórmulas de coxestión, para que a iniciativa non dependa dos cambios de Goberno", subliña Lado. "Son os cidadáns e o tecido asociativo quen deben levar a iniciativa no proceso, con proxectos culturais, artísticos, educativos, sociais e de memoria", engade. "A partir de agora o Concello debe facer unha convocatoria pública para todos os que alí queiran traballar e debe elaborar un plan a un, dous ou máis anos vista. Esa é a nosa proposta: comezar a traballar xa con aquelas persoas e entidades que queiran achegar cousas, cun proxecto a longo prazo", conclúe.

Xosé Lado: "Queremos que o edificio se destine a eses usos comunitarios e culturais. E para nós é clave que o protagonismo neste proceso sexa dos cidadáns”

Proxecto Cárcere celebrou hai uns días o seu sexto aniversario e, de feito, no marco desta conmemoración inaugurará este xoves na Fundación Luís Seoane unha exposición que recolle os moitos Proxectos de Fin de Carreira realizados nos últimos anos polo alumnado da Escola de Arquitectura da Coruña e que traballaron en propostas para a rehabilitación da antiga prisión. "Hai traballos ben interesantes que poden ser aproveitados agora nos labores de rehabilitación do edificio", sinala Lado, finalmente.

 

Dez anos despois, a cidadanía poderá facer uso do edificio

O edificio é propiedade da Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios, que nos últimos anos veu negándose a cederllo gratuitamente á cidade da Coruña, remitíndose ao convenio asinado en 2005 polo daquela alcalde Francisco Vázquez, un acordo que obrigaba ao Concello a pagar 1,2 millóns de euros pola recuperación do edificio. Con todo, en 2014 o Consello Consultivo puxo en dúbida a validez do convenio asinado por Vázquez.

O inmoble funcionara durante décadas como prisión, recluíndo entre as súas paredes a centos de presos políticos, tanto durante a Guerra Civil e a postguerra coma nos últimos anos da ditadura. Unha historia que dende hai un tempo vén recollendo o proxecto Memorias do Cárcere da CoruñaUnha vez que abandonou a súa función como cárcere tivo outros usos -por exemplo, como centro de inserción social- ata que no 2009 pechou definitivamente as súas portas. 

En novembro de 2010 unhas xornadas sobre novos modelos participativos de xestión cultural trouxeron á cidade aos responsables de sinalados proxectos de Austria ou Barcelona. Foi o xerme do Proxecto Cárcere, a plataforma cidadá que dende entón veu traballando por converter o edificio nun centro cultural público e autoxestionado. O colectivo realizou xornadas de portas abertas, para que a cidadanía puidese coñecer o inmoble e organizou actividades culturais. Entre 2010 e 2011 o edificio mesmo acolleu algunhas sesións do festival de cinema S8 ou un concerto en homenaxe a Lois Pereiro. Tamén se alborou un Plan de Viabilidade onde se propuxeron as liñas xerais de recuperación paulatina e sustentable do inmoble, das actividades a ser acollidas nel e da xestión e viabilidade económica do espazo.

Porén, a chegada do PP ao Goberno municipal supuxo un obstáculo insalvable para as iniciativas de recuperación do lugar, que neses anos sufriu un proceso de desgradación. Porén, Proxecto Cárcere seguiu traballando, coa vista posta en iniciativas exitosas noutros lugares do Estado, e o cambio no Goberno municipal o pasado ano supuxo un impulso aos plans para a devolución do espazo á cidadanía.

 

Imaxe aérea do espazo © Proxecto Cárcere
As reixas do antigo cárcere CC-BY-SA nosolosw
Xornada de portas abertas realizada no cárcere coruñés hai uns anos CC-BY-SA nosolosw
Fachada principal da antiga prisión © turismo.gal
O edificio sitúase nas proximidades da Torre de Hércules © turismo.gal
Detalle da fachada © turismo.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.