A Facultade de Belas Artes reclama a continuidade do MARCO como centro de arte contemporánea

Faixa na fachada do museo, aludindo á crise que vive a institución © MARCO

O MARCO encamíñase cara á súa desaparición como centro de arte de vangarda. Así será se se completa a folla de ruta que nos últimos meses vén deseñando o Concello de Vigo que, despois de facerse o pasado mes de xuño co control absoluto do Padroado da institución, apunta á conversión do museo nun contedor “adecuado ás demandas de Vigo”, en palabras de Abel Caballero. En novembro Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO, abandonará o seu cargo (como anunciou hai case un ano) e aínda non se saben quen o substituirá nin cal será o procedemento para a designación do novo ou nova máxima responsable.

As incertezas sobre o futuro desta institución cultural e o temor a que o Goberno municipal vigués aposte por un cambio de modelo fixeron que nos últimos días se incrementasen os posicionamentos en defensa da necesidade de que Vigo siga a contar cun espazo de produción e exhibición de primeiro nivel. Nesa liña vai o comunicado que hai uns días fixo público a Xunta de Goberno da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Uvigo). E tamén o manifesto que vén de difundir a Agrupación de Amigos do MARCO.

A Facultade de Belas Artes reclama a continuidade do MARCO como centro de arte contemporánea e esixe "un procedemento de concurso transparente e aberto" para o nomeamento da nova dirección

A Facultade de Belas Artes reclama a continuidade do MARCO como centro de arte contemporánea e esixe "un procedemento de concurso transparente e aberto" para o nomeamento da nova dirección do museo. O texto afirma que nos últimos anos "houbo un proceso de progresiva perda de apoios institucionais que o levaron á asfixia orzamentaria; un proceso que, pensamos, tivo máis que ver con intereses políticos que coas preocupacións polas necesidades cara ao desenvolvemento e á satisfacción das demandas dunha sociedade cada vez máis aberta á cultura contemporánea". E cualifica de "moi grave" o "movemento que levou ao Concello de Vigo a tomar o control do  padroado do Marco". "É precisamente na Universidade onde máis se comprende a necesidade de autonomía institucional para desenvolver calquera proxecto cultural de promoción da creación e de transferencia de coñecemento á sociedade", engade.

O documento solicita "que non se abandonen as liñas de actuación desenvolvidas no Marco ata o día de hoxe, que fixeron deste museo un axente imprescindible na difusión e no apoio á creación contemporánea na súa contorna, ao alcanzar un prestixio internacional que non semella ser recoñecido na súa propia cidade, ocupando un espazo que quedaría baleiro no caso de facerse realidade os plans que se promoven dende o Concello de Vigo". E pide "un amplo acordo, como o dado no momento da súa fundación,  que garanta o apoio das diferentes institucións implicadas na promoción, na creación e na difusión da cultura en Galicia e que posibilite o funcionamento normalizado do  Marco".

 

Recollida de sinaturas

Esixen "que se apoie e reforce este proxecto, que se foi consolidando con éxito ao longo de 15 anos, e que pode correr serio risco de desaparecer como espazo profesional e independente dedicado á cultura e a arte contemporánea"

De igual xeito, o manifesto da Agrupación de Amigos do MARCO reclama "información sobre os plans que afectan ao futuro" do museo e esixen "que se apoie e reforce este proxecto, que se foi consolidando con éxito ao longo de 15 anos, e que pode correr serio risco de desaparecer como espazo profesional e independente dedicado á cultura e a arte contemporánea". Por iso, a entidade vén de iniciar a recollida de sinaturas de apoio a este manifesto co obxectivo de que o MARCO "non perda a identidade que o caracterizou".

A agrupación subliña tamén "a necesidade de poñer en marcha un concurso público para a nova dirección". E critica que nos últimos meses "solicitou reiteradamente reunirse con Abel Caballero, ata o momento sen éxito", engadindo que o silencio do alcalde de Vigo "só foi roto polas súas declaracións extraoficiais a medios de comunicación nas que avanza a súa intención de reformular toda a rede museística, sen achegar información precisa sobre os criterios ou protagonistas deses cambios".

O texto lembra que "nestes 15 anos leváronse a cabo 117 exposicións cunha media de 82.000 visitantes", cunha programación que buscou "situar a cidade de Vigo como un referente no mapa da arte contemporánea". Destácanse ademais as actividades educativas realizadas, e as funcións de investigación, conservación, documentación e formación de profesionais.

O manifesto conclúe que "a importancia do MARCO non é só presencial, senón tamén simbólica. Vigo é unha cidade moderna, berce de movementos de vangarda que ten neste museo un faro que -xa dende a súa orixe, coa transformación en centro de arte contemporánea dun edificio tan vencellado á memoria colectiva- contribúe a potenciar unha identidade de progreso para a cidade".

 

Un berro colectivo

"Vigo é unha cidade moderna, berce de movementos de vangarda que ten neste museo un faro que contribúe a potenciar unha identidade de progreso para a cidade"

Estes dous posicionamentos colectivos únense a outros realizados anteriormente nun sentido semellante. Por exemplo o da Asociación Profesional de Artistas de Galicia que a través do seu presidente, Jorge Couceiro, sinalaba en conversa con Praza que "Non se pode, da noite para a mañá, mudar o MARCO de rumbo. Non é o rancho de Abel Caballero, o seu predio caciquil. O MARCO está no Concello de Vigo, pero é unha entidade que interactúa co resto de Galicia, co Eixo Atlántico e coa rede museística nacional".

E, de igual xeito, os profesores Miguel Anxo Rodríguez (USC), Silvia García (UVigo) e Pedro de Llano (UDC) difundiron un escrito conxunto no que lle demandaban ao Padroado do MARCO que valorase a traxectoria do centro e que o proceso para o nomeamento dunha nova dirección respectase "a cualificación dos posibles candidatos e o rigor e a transparencia dos procedementos". "A solución non pasa por cambiar o proxecto do MARCO e producir exposicións do gusto popular", engadían.

 

Faixa na fachada do museo, aludindo á crise que vive a institución © MARCO
Faixa na fachada da Facultade de Belas Artes Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.