Marcos Lorenzo: "En Galicia non houbo políticas culturais"

Marcos Lorenzo © bencuriosa.gal

"Logo de varias décadas de medranza ininterrompida do sector cultural, sexa en termos de emprego, facturación ou número de empresas, semella que esteamos a atravesar un túnel escuro. O que non sabemos é o que haberá do outro lado". Hai dous anos e medio Marcos Lorenzo demandaba a través dun artigo publicado en Praza "unha nova política cultural en Galicia". O texto analizaba a situación do sector de forma critica e demandaba cambios: "Unha boa política cultural non pasa por monstruosos fastos e demais variantes do espectáculo senón por mobilizar coñecemento e imaxinación, dotarse de estratexias e sumar forzas. Políticas pequenas ancoradas na nosa realidade social e con vocación de perdurar". Consultor, socio fundador do equipo BenCuriosa, director do ciclo de cultura contemporánea NEXOS e coordinador do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural da USC vén de publicar no último número da revista Grial unha demorada análise das políticas culturais en Galicia, que pecha cunha vintena de propostas dirixidas ás empresas e profesionais do sector, á administración e á esfera sociocultural no seu conxunto.

"Unha vez que marcha o Bipartito, volvemos caer de novo nun modelo administrativo e de reparto de cartos, nin analizamos os públicos nin temos eixos estratéxicos de traballo"

O texto conclúe que en Galicia "non temos política cultural" pois, como xa escribira no artigo publicado en 2015, "unha política cultural digna de tal nome debe partir dun diagnóstico realista, fixarse uns obxectivos explícitos e factibles, dispor dunha dotación orzamentaria estable, desde medidas ben articuladas e coherentes entre si, con indicadores de avaliación claros, e que, en definitiva, responda a un deseño racional e non á suma de ocorrencias ou intereses dos responsables de turno”. "Non houbo políticas culturais, houbo intentos, protopolíticas, algúns valiosos, como moitas cousas que se fixeron durante o Bipartito, que supuxo unha mellora substancial con respecto ao que se fixera antes. Pero unha vez que marcha o Bipartito, volvemos caer de novo nun modelo administrativo e de reparto de cartos, nin analizamos os públicos nin temos eixos estratéxicos de traballo", destaca en conversa con Praza. 

Lorenzo destaca numerosas eivas nun sector cultural galego que, ademais, vén atravesando unha evidente crise nos últimos anos, nos que se reduciu o emprego, o investimento público e diminuíu o número de empresas de dimensión mediana ou grande. "O tecido empresarial da cultura en Galicia presenta un debuxo extremadamente atomizado. En 2008, un 92,2 por cento das empresas tiñan entre cero e cinco asalariados. En 2013, xa era o 94,4 por cento. Nese mesmo período, o número de empresas con cen ou máis empregados reduciuse á metade: de vinte a dez", explica, debullando un tempo no que "a xibarización do sector cultural e a diminución do traballo asalariado empurrou a moitos profesionais á vía do autoemprego".

Sinala que os axentes culturais galegos "producen en primeiro lugar para as administracións públicas, en calidade de cliente único ou preferente, e só de forma secundaria para os públicos"

Lorenzo critica, así mesmo, que os axentes culturais galegos "producen en primeiro lugar para as administracións públicas, en calidade de cliente único ou preferente, e só de forma secundaria para os públicos". E, consecuentemente, dado que "o axente dominante do mercado da cultura en Galicia" é a Administración pública, "as súas decisións condicionan unilateralmente o conxunto do sector". "As empresas, os artistas e profesionais, e o asociacionismo de base non teñen a dimensión suficiente para definir as regras de xogo nin as liñas mestras de desenvolvemento cultural do país", destaca. Esta dependencia fíxoos, igualmente, moi dependentes das variacións orzamentarias e aos recortes que seguiron ao inicio da crise económica. No caso da Xunta de Galicia, entre 2008 e 2014 a caída do orzamento cultural foi dun 62,9%, salientando Lorenzo que a Xunta destina só un 0,61% do seu orzamento a cultura, "moi por debaixo da achega do sector cultural ao emprego da Comunidade: un 2,8% do total".

"Dous terzos do gasto en cultura se encamiñaron á construción de equipamentos en vez de a persoal e actividades"

Ademais, Lorenzo subliña que mentres que en Madrid, Cataluña ou o País Vasco os gastos de capital supuñan un 15% do gasto total en cultura e os gastos correntes un 85%, "en Galicia até o ano 2012 os gastos de capital movéronse arredor do 70%". "Iso vén significar, nunha tradución simplificada, que dous terzos do gasto en cultura se encamiñaron á construción de equipamentos en vez de a persoal e actividades", destaca. "Resulta complexo, por non dicir imposible, deseñar e poñer en marcha políticas de medio e longo prazo, con capacidade transformadora, cando se carece do mínimo número necesario de persoal cualificado", engade.

 

Clientelismo e políticas orientadas "á oferta"

"Algúns promotores culturais foron na práctica unha especie de funcionarios encubertos que percibían ano tras ano as axudas, con independencia da calidade artística ou do tirón comercial das súas propostas, e a cambio dunha certa pax sectorial"

No texto, Lorenzo afirma que "con anterioridade á crise, foron moitas as empresas culturais que subsistiron grazas á súa proximidade ao poder político, ao amparo de contratos ou subvencións. Sen esa respiración asistida desaparecerían. De feito, algúns promotores culturais foron na práctica unha especie de funcionarios encubertos que percibían ano tras ano as axudas, con independencia da calidade artística ou do tirón comercial das súas propostas, e a cambio dunha certa pax sectorial". "As relacións entre a Administración autonómica e o resto de axentes culturais tiñan un carácter case persoal”, engade, nun diagnóstico que estende a todos os territorios do Estado.

"Isto levou en certas épocas a que houbese pouca rotación e pouco acceso de novas xeracións a eses fondos públicos porque xa estaban copados pola xeración anterior de profesionais"

"É humano e comprensible que se ti es artista ou tes unha empresa e tes unha canle de financiamento máis ou menos asegurada, iso te leve a un certo conformismo, e limite o interese en cambiar as estruturas da cultura en Galicia e as formas de traballo. Isto levou en certas épocas a que houbese pouca rotación e pouco acceso de novas xeracións a eses fondos públicos porque xa estaban copados pola xeración anterior de profesionais", explica.

Lorenzo considera que "houbo unha tendencia xeral ao clientelismo e á relación privilexiada entre decisores públicos (responsables políticos ou técnicos da administración) cos produtores de cultura (artistas, empresas, lobbies sectoriais), que secuestrou o interese colectivo e que desatendeu a cidadanía e as dinámicas sociais", unha descrición aplicable ao sector da cultura en todas as comunidades, e tamén a Galicia, cunhas políticas culturais "orientadas á oferta" e que tiveron pouco en conta a creación de públicos.

 

A inexistente creación de públicos 

"Houbo unha tendencia ao clientelismo e á relación privilexiada entre decisores públicos cos produtores de cultura (artistas, empresas, lobbies sectoriais), que secuestrou o interese colectivo e que desatendeu a cidadanía e as dinámicas sociais"

"Ese traballo de creación de públicos debe comezar polo coñecemento deses públicos, por facer análises e estudos da demanda, de cales son as súas preferencias, as súas necesidades ou os obstáculos que teñen á hora de acceder a un espectáculo ou a un produto. Os públicos están moi segmentados, cada un ten preferencias e circunstancias moi distintas; hai que coñecer isto e a partir de aí deseñar cousas adaptadas a todo isto, que faciliten o acceso de cada subsegmento da poboación á oferta cultural. En cambio hoxe, sobre todo dende as administracións, abúsase de ofertas xeralistas que non pensan no tipo de destinatario ao que se dirixen", explica.

"Desde que existe a Xunta de Galicia, só na época do Bipartito se chegou a encargar un estudo específico sobre os públicos, concretamente das artes escénicas. E tamén até onde nós sabemos nunca se fixo ningunha investigación sobre o retorno social e económico do investimento en cultura", sinala engadindo que "o ideal é mesmo dar un paso máis aló e incorporar aos distintos públicos ao deseño da oferta cultural da que despois serán consumidores. En Galicia estamos moi carentes de todo isto".

"Necesitamos ter coñecemento do que sucede", subliña e destaca que "hai escasos espazos de encontro para intercambiar información, para deliberar, para coñecer que se está facendo aquí, que se está facendo noutros lugares.... Hai poucos espazos intersectoriais ou interdisciplinares, onde a xente do teatro poida falar coa xente da música, e estes cos das artes plásticas, etc. O Culturgal é a excepción, pero faltan foros permanentes e correctamente vertebrados", sinala en conversa con Praza.

"Hai poucos espazos intersectoriais, onde a xente do teatro poida falar coa xente da música, e estes cos das artes plásticas, etc. O Culturgal é a excepción, pero faltan foros permanentes e vertebrados"

"Cantos grupos de investigación hai nas tres universidades galegas centrados en xestión cultural, políticas culturais, economía da cultura, animación sociocultural, cultura e comunidade...?", pregúntase. "Ningún de forma específica. Houbo dentro de Pedagoxía algúns profesores ligados ao proxecto Interea que cumpriron en parte a función de investigar e de planificar ferramentas para os técnicos de cultura municipal. Está tamén o Canal Campus de Xaime Fandiño, que analizaba o fenómeno das verbenas e festivais musicais. Cousas illadas", conclúe. Alerta de que "xeramos pouco coñecemento ao redor do sector cultural e os axentes culturais estiveron centrados nas súas propias necesidades e neste hábito un tanto clientelar de ir falar co responsable político a ver se me soluciona o meu, establecendo unha relación individual e non colectiva coa administración". "Como non somos unha potencia sobre como traballar a cultura no rural? Como non temos un corpus teórico no que sexamos un referente en todo o planeta sobre como traballar con poboacións dispersas e envellecidas, modelos e casos de éxito construídos durante anos a base do ensaio-erro?", critica. 

 

Falta de proxección exterior

"A Xunta de Galicia non mantivo de forma sostida unha política de internacionalización que nos proxectase no mundo, e que, ante esa desidia, non é de estrañar que as nosas empresas se refuxiasen no ámbito local”

Lorenzo sinala así mesmo que “os axentes culturais, con sinaladas excepcións no ámbito empresarial, producen, no mellor dos casos, para o mercado local e apenas participan en proxectos europeos nin se insiren en redes internacionais”. E lembra que “entre 2011 e 2015, o valor económico das nosas exportacións en bens e servizos culturais mantívose, con lixeiras oscilacións, ao redor dos cinco millóns de euros”. “Cómpre saber que só representamos un 0,7 por cento do conxunto das exportacións culturais do Estado (para un 5-6 por cento de poboación e PIB). A proporción é suficientemente elocuente e informa de dúas cousas: que a Xunta de Galicia non mantivo de forma sostida unha política de internacionalización que nos proxectase no mundo, e que, ante esa desidia, non é de estrañar que as nosas empresas se refuxiasen no ámbito local”, di.

 

Boas prácticas

No Bipartito "incrementouse a transparencia nas axudas, e, sobre todo, dotouse dun criterio de intervención coherente e integral", di

Entre as boas prácticas dos últimos anos, Lorenzo destaca a xestión de Luís Álvarez Pousa como director xeral de Cultura da Xunta de Galicia (1983-85). Tamén o Proxecto Interea (2001-09) de formación dos técnicos municipais de cultura da provincia da Coruña, froito da colaboración entre a Deputación, a UDC e a USC. Igualmente, a xestión das bibliotecas públicas do Concello da Coruña, o Culturgal e, finalmente, a xestión cultural do bipartito PSdeG-BNG: "Non chegou a haber un plan estratéxico de cultura, pero si se incrementaron os orzamentos nesta área, déuselle un peso relevante na acción de goberno, medrou notablemente a actividade, incrementouse a transparencia nas axudas, e, sobre todo, dotouse dun criterio de intervención coherente e integral", di.

 

Propostas

O texto péchase cunha vintena de propostas dirixidas ás empresas e profesionais do sector, á administración e á esfera sociocultural no seu conxunto co obxectivo de enfrontar os novos retos do sector cultural: "No espazo cultural europeo estase a xeneralizar un novo modelo menos dependente do financiamento público, e que obriga a unha maior diversificación de recursos, a unha maior énfase no traballo cooperativo, á incorporación ineludible das novas tecnoloxías e a unha maior implicación dos públicos", destaca.

Á administración demándalle "racionalizar a rede de equipamentos culturais e xerarquizar territorialmente os seus usos e programacións" ou "rematar coa gratuidade xeneralizada na oferta cultural pública"

  • Para as empresas suxire "facilitar a colaboración entre empresas culturais para acometer proxectos de maior dimensión, impacto social e proxección exterior" e "garantir a concorrencia competitiva no acceso a postos de dirección de espazos culturais públicos, primando o mérito e a calidade dos proxectos presentados, e ofrecendo remuneracións dignas". Igualmente, “favorecer o investimento privado en cultura mediante exencións fiscais” e “protexer os artistas cun novo réxime laboral e marco de cotización”.
  • Á administración demándalle "racionalizar a rede de equipamentos culturais e xerarquizar territorialmente os seus usos e programacións" ou "rematar coa gratuidade xeneralizada na oferta cultural pública" ao tempo que se "reduce paulatinamente a oferta pública de programación comercial que supoña competencia desleal para outros axentes".

Propón “incrementar a contratación de profesionais dedicados ao labor sociocultural de proximidade, en especial no ámbito rural e nos barrios periféricos das cidades”

  • E, finalmente, propón “incrementar a contratación de profesionais dedicados ao labor sociocultural de proximidade, en especial no ámbito rural e nos barrios periféricos das cidades”, promover a formación e “a canteira” de novos profesionais ou “ampliar as canles de colaboración co tecido asociativo e coas agrupacións amadoras, facilitando a coxestión dos espazos públicos culturais de proximidade”.

 

Marcos Lorenzo © bencuriosa.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.