0 Gardados para despois

"O cine dálles aos nenos e nenas mecanismos para se enfrontar ao mundo"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Entre este venres 15 e o domingo 17 Ames acollerá a primeira edición do Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Crianza. Contará con 31 sesións nas que se poderán ver 70 curtametraxes a concurso, ademais de longametraxes ou documentais. "Ademais da súa dimensión lúdica, sabemos que o cine actúa como un recurso utilísimo para a educación, a aprendizaxe e a creatividade", salientan os e as responsables da cooperativa Urdime, que se encarga da organización. "Cremos que un festival de cine coma este debe servir como elemento transmisor da diversidade do cinema infantil axudando a fomentar a curiosidade das nosas nenas e nenos", engaden.

O evento, que terá lugar de forma simultánea nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro, contará con sesións dedicadas ao medio ambiente, ou á música, cunha selección de vídeos de artistas recoñecidos da música infantil galega. Falamos con Marcos Nine, director artístico do festival,

Hoxe en día hai moitos contidos audiovisuais para nenos e nenas, sobre todo na televisión, pero se cadra estes non son sempre axeitados para todas as idades ou os seus contidos non son os máis adecuados ou non reflicten a diversidade que existe no mundo. A programación de Cinema Crianza vén encher ese oco?

Neste momento a programación infantil na televisión é moito máis diversa que a que hai en salas. Pero hai unha gran produción cinematográfica infantil no mundo que aquí non chega nunca, de ningunha maneira. Nós queremos encher un pouco ese oco: amosar as cousas que se están facendo no mundo e que aquí non teñen forma de verse se non é habilitando un evento deste tipo.

"Hai unha gran produción cinematográfica infantil no mundo que aquí non chega nunca"

Axóuxeres (0-3 anos), Buxainas (4-7)... Os contidos de Cinema Crianza teñen unha estrita clasificación por idades para axustarse ao seu público?

Nós facemos un tipo de programación moi dirixida, no sentido de diferenciar as idades. Un dos problemas que hai na tele é que é un todo para todos: Todo é para un público masivo que normalmente na programación infantil é o que hai a partir dos 7 anos. Pola contra, nós intentamos ter pequenas sesións dirixidas a idades moi concretas: de 0 a 3, de 4 a 7, de 8 a 12 e unha para maiores de 12, e buscamos que dentro do festival haxa sempre un espazo para os nenos e nenas, independentemente das súas idades. Teñan 3, 6 ou 10 anos, sempre vai haber un filme escollido especialmente para eles e elas. Pero hai que destacar tamén que as películas dos máis pequenos e pequenas non son exclusivas: tanto se tes 7 anos coma se tes 30 podes desfrutar moito da sección de 0 a 3, porque é moi divertida e moi tola, con moita cor e moita música.

 

A pesar que algunhas veces se lle dea un mal uso (cun abuso de tempos e con contidos non axeitados), cómpte reivindicar o audiovisual como unha ferramenta de aprendizaxe e de formación moi valiosa para os nenos e nenas?

E tamén como unha forma de relacionarte co mundo. Sobre todo nesas idades máis conflitivas: no inicio da puberdade ou en idades ao redor dos 7 anos, cando os nenos e nenas comezan a establecer relacións co resto do mundo. Ver nunha pantalla conflitos que son os que eles e elas están vivindo, que recrean o seu día a día, tamén lles permite aprender formas de superar eses problemas. Identifícanse con ou coa protagonista, igual que facemos os adultos, pois a cultura serve para iso, para que fale de nós. E poden ver reflectido un problema que eles ou elas senten, pero que non saben expresar. E iso dálles mecanismos para se enfrontar á vida.

"Tanto se tes 7 anos coma se tes 30 podes desfrutar moito da sección de 0 a 3, porque é moi divertida e moi tola, con moita cor e moita música"

Tedes tamén unha sección dedicadas a idades algo superiores, a preadolescentes. Como é?

Metamorfoses é unha sección que está dedicada á puberdade. E aí temos temas dende a primeira menstruación, o espertar sexual, os conflitos derivados dun divorcio ou o racismo na infancia, conflitos que son moi importantes nas vidas dos preadolescentes e adolescentes e que non sempre é fácil presentalos ao público. Eu estou especialmente satisfeito desta sección porque é onde arriscamos máis.

 

Recibistes moitos filmes, que ao final quedaron nesa selección de 70, na que supoño que hai de todo. Como fixestes a escolla?

Recibimos 2.500 películas, o que é unha tolemia. E si, hai de todo. O que fixemos foi escoller uns determinados tipos de linguaxe para dialogar cunhas idades determinadas. As películas para os e as máis pequenas están caracterizadas porque hai moita música, moitas cores, son menos narrativas, son máis abstractas, máis perceptivas. No seguinte treito de idade, de 4 a 7 anos, os filmes están moi emparentados cos contacontos: hai narracións en off, hai historias moi fantásticas e que convidan á imaxinación dos rapaces e rapazas. E nos seguintes dous treitos de idade os temas teñen máis que ver co cotiá, coa realidade que nos rodea, cunha parte de fantasía e outra parte máis de realismo.

"Notamos unha certa carencia de produción galega dedicada á infancia ou á adolescencia"

Hai tamén un espazo para a produción galega. Nos últimos tempos vemos unha auxe tremenda da música infantil en Galicia. Está chegando tamén ao audiovisual? 

No audiovisual, a produción galega para nenos e nenas é moi escasa. Si que é certo que hai unha cantidade enorme de propostas de música infantil, e por iso ímoslles dedicar unha sesión. Pero de Galicia só temos unha longa e dúas curtas (Einstein-Rosen de Olga Osorio e Matías de Sandra Sánchez) máis a sesión de pezas de OQO, que non son actuais. Si que notamos unha certa carencia de produción galega dedicada á infancia ou á adolescencia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.