Auditorio ao aire libre: A solución da Xunta para o burato que deixou no Gaiás o Teatro que non se fará

Situación actual e recreación do futuro auditorio ao aire libre no burato do que ía ser o Teatro da Cidade da Cultura Dominio Público Google Street View / Xunta de Galicia

O Goberno galego dedica a acondicionar ese espazo 1,8 millóns de euros que asegura que xa estaban previstos para obras pendentes de urbanización do complexo

O que ía ser o gran Teatro da Cidade da Cultura, hoxe un gran burato e unhas estruturas de formigón a medio levantar, converterase nun auditorio ao aire libre. Esa é a solución que este venres presentou o Goberno galego para o último dos espazos que faltaba por definir no monte Gaiás unha vez que paralizou a construción dos dous últimos edificios do complexo.

Dos seis edificios que estaban previstos na Cidade da Cultura, e despois de varios cambios de nomenclatura e contido, hai actualmente abertos catro: O Museo, a Biblioteca e Arquivo, o Centro de Emprendemento e o Centro de Innovación. Os que nalgún momento se denominaron Centro de Arte Internacional e Centro de Música e Artes Escénicas, ou Teatro, non se chegaron a rematar. Do primeiro só se escavaron os cimentos, que acabaron convertidos nun lago e parque. Para o segundo, no que en parte dos cimentos xa se comezara a levantar a súa estrutura, aínda non había solución.

O hemiciclo disporá de 400 prazas e na súa contorna habilitaranse espazos para practicar deportes urbanos como o monopatín, parkour ou escalada nun rocódromo

Este venres o Goberno galego anunciou que nese oco, aproveitando en parte as estruturas xa construídas, habilitará un auditorio ao aire libre con 400 prazas e outro parque con espazos para practicar deportes urbanos como o monopatín, parkour ou escalada nun rocódromo.

Para acondicionar ese espazo a Xunta “reestructurará” 1,8 millóns de euros xa consignados para a urbanización da contorna da Cidade da Cultura, no que supón unha nova modificación orzamentaria no complexo, no que financiou a plantación do denominado bosque do Gaiás con cartos que ían dirixidos a repoboacións forestais ou melloras no alumeado do recinto con cartos que prevía dedicar ao tícket eléctrico de axuda ás familias. Non é o único gasto non previsto dos últimos meses xa que a Audiencia da Coruña vén de condenar á Xunta a pagar 2,5 millóns de euros á construtora FCC por sobrecustos na construción do Museo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.