O Apalpador percorre Galicia ata fin de ano

O Apalpador © Consellería de Cultura

Xa non é nada estraño que, xunto á figura do Papá Noel e dos Reis Magos, o Apalpador forme parte de pasarrúas, festas e actos para os máis pequenos organizados polos concellos durante o Nadal. Recuperado sobre todo na última década grazas ao impulso de historiadores e diferentes asociacións -nomeadamente a Gentalha do Pichel compostelá-, este carboeiro xigante baixa das montañas para visitar os cativos á noite, tocándolles a barriga para ver se comeron dabondo durante o ano e deixándolles unha presada de castañas e pode que algún agasallo. Deséxalles un ano de felicidade e fartura e murmúralles: "así esteas todo o ano". 

A do Apalpador é unha antiga tradición con testemuños nas comarcas de Lemos, Terra de Trives, Sarria, Quiroga ou os Ancares

É unha antiga tradición con testemuños nas comarcas de Lemos, Terra de Trives, Sarria, Quiroga ou os Ancares que se espalla agora por toda Galicia, tamén para compartir ou contrarrestar outros costumes importados nas últimas décadas. Dependendo da zona, o Apalpador baixa na noite do 24 de decembro ou na do 31. Figuras como esta ou semellantes entroncan con outras personaxes na Península, como o Olentzero vasco ou o Esteru cántabro, pero tamén doutras latitudes, como o San Nicolás, o Julemanden, o Ded Moroz ou o Joulupukki. 

"Claro que é unha copia dos galegos que desde hai anos e anos imitaron esta tradición do Pai Natal, do Esteru, do Olentzero vasco... E eles copiaron a nosa", reivindicaba a Gentalha do Pichel logo da estrea do documental, que se pode ver na Internet, que repasa a figura do Apalpador entrevistando veciños das montañas do leste de Galicia que explican como viven e viviron eles esa tradición.

A figura entronca con outras peninsulares, como o Olentzero, ou o San Nicolás, o Julemanden, o Ded Moroz ou o Joulupukki

Durante tres anos, percorreron varias aldeas e casas da montaña preguntando polo Apalpador aos máis vellos do lugar. Son moitos os que lembran a figura dun home que "disque viña das montañas, cargado de castañas, a apalpar as barrigas dos máis pequenos". E tamén moitos os que lembran as ameazas que os pais daquelas épocas duras empregaban cos seus cativos para que ceasen con xeito. "Come que ha vir o Apalpador", dicíanlles.

O Apalpador reparte castañas nun colexio de Galicia / © Xunta

Ao igual que a data da súa chegada varía segundo a zona, tamén o fai o nome. Así, na Terra de Trives chámaselle Pandigueiro, mentres que na comarca de Lemos é coñecido co nome de Apalpabarrigas. Mesmo na localidade andaluza de Écija, repoboada por galegos hai séculos, hai unha figura semellante denominada Tientapanzas e que foi recuperada pola veciñanza e polo Concello

O Apalpador coñécese como Pandigueiro na Terra de Trives ou Apalpabarrigas na comarca de Lemos

Como lembran os máis veteranos, na Noiteboa o na de Fin de Ano, os cativos sentían unha man na barriga -a do seu propio pai normalmente- que comprobaba se os nenos tiñan ou non fartura. "Cheo ou delgado, así esteas todo o ano", dicíaselle (e díselle) nas montañas lucenses aos picariños.

Na tradición oral recollida, o Apalpador é descrito coma un carboeiro xigante que viste unha chaqueta esfarrapada e con retallos, usa boina e aliméntase de bagas e xabaríns. Ademais, adoita ser de pelo roxo e ter unha longa barba. Perdida durante anos a tradición, foron asociacións e logo autoridades locais as que o recuperaron ante unha desaparición que parecía irremediable, pero hai bibliografía anterior. 

Como exemplo, a referencia de Xesús Taboada Chivite (La Navidad gallega y su ritualidad. Separata das actas do Congreso Internacional de Etnografía. Lisboa, 1965), publicado en galego en 1992 no número 3 da revista Alicerces do Museo do Pobo Galego. Xa en 2001, José André Lôpez Gonçâlez recibe o encargo de escribir unhas liñas sobre o Nadal galego, un estudo que foi publicado en 2006 na web do Portal Galego da Língua. A partir de aí, comezou unha nova etapa de agromar para o Apalpador. Mesmo se recuperaron cantigas recollidas a mediados dos anos 90 no Courel:  

Vaite logo, meu meniño (miña meniña) / marcha agora para a camiña / que vai vir o Apalpador / a apalparche a barriguiña. / Xa chegou o día grande / día do noso Señor. / Xa chegou o día grande / e virá o Apalpador. / Mañá é dia de cachela, / que haberá gran nevarada / e há vir o Apalpador / cunha mega de castañas. / Por aquela cemba / xa ven relumbrando / o señor Apalpador / para darvos o aguinaldo.

Na actualidade, non só cancións reivindican o Apalpador, senón obras de teatro, pasarrúas, pezas audiovisuais e moreas de libros para os máis pequenos. A partir de 2010, a Secretaría Xeral de Política Lingüística comezou a incluír esta figura do Nadal galego entre as súas actividades para escolares durante estas datas. E nos últimos anos, son as deputacións e moreas de concellos que os inclúen tamén entre as súas celebracións de decembro. Como tantas outras, unha tradición inventada para os máis pequenos. Como os reis que perseguen unha estrela ou o vello que reparte agasallos por toda Europa tirado por uns renos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.