"Narrativas Quentes debería desaparecer e este erotismo pasar ao resto da literatura"

Francisco Macías CC-BY-SA Alberto Ramos

Esta semana publicouse a convocatoria da oitava edición do premio de literatura erótica Narrativas Quentes, nacido en 2002 e organizado cada dous anos por Edicións Positivas. Emma Pedreira foi a gañadora da sétima edición con Corazón e demais tripas, engadíndose a unha listaxe de gañadores e gañadoras iniciada por Manuel Lourenzo González (Infidelicidades) e continuada por Alberte Momán (O Lobo da xente), Chelo Suárez (Os Milagres de Cristamar) e Eva Moreda (Organoloxía). Poderán enviarse obras ata o vindeiro 18 de xuño e o fallo do xurado coñecerase o 6 de setembro. "O 6 do 9, 69, xa sabes. Un chiste malo que fixemos", aclara Francisco Macías, Paco Macías, responsable da editorial e organizador do premio.

Macías destaca a calidade crecente dos orixinais recibidos na última ocasión (dúas das edicións -en 2006 e 2012- quedaran desertas), e sinala que tamén foi aumentando a cantidade de obras presentadas, ao redor de 15 na última edición. "Non está mal para ser novela erótica en galego", di. E sobre o feito de que as tres últimas gañadoras do certame fosen mulleres, non se amosa sorprendido: "O mundo novo que vén -e sobre todo na literatura- é das mulleres, que son as que teñen a sensibilidade necesaria para escribir este tipo de historias", di.

Mudou nestes 16 anos a forma de escribir erotismo, nun mundo no que os contidos sexuais están cada vez máis dispoñibles, á distancia dun clic na rede? "Pode que o efecto sexa que o sexo pasa a ser, sobre todo, imaxe e non literatura. A xente prefire ver máis que ler e o mundo da imaxe parece que pode con todo. A cultura da inmediatez, do visual, está a modificar todo un mundo como é o da literatura", opina Macías.

"Se miras os contidos eróticos na narrativa ou en poemarios, ves que o vocabulario que se utiliza é moi escaso"

O editor amósase tamén crítico coa "pobreza" do léxico sexual empregado na literatura galega: "Se miras os contidos eróticos na narrativa ou en poemarios, ves que o vocabulario que se utiliza é moi escaso". "Pero non é só unha carencia do galego, sucede en moitísimas linguas e moitas delas máis consolidadas que a nosa, nas que ves que hai un uso moi reducido do léxico erótico" sinala e engade que "un dos proxectos que teño é publicar un dicionario do léxico erótico en galego ou un vocabulario galego do sexo, algo así". Un pouco coma o Trebellas ou Traballas? publicado por Vieiros no ano 2002.

"É que é moi difícil escribir erotismo, é un mundo moi complicado para un escritor, é un reto", aclara Macías. "A min sempre me recorda á literatura infantil, que parece moi sinxela, pero se non tes a habilidade ou a sensibilidade suficiente podes facer unha cousa moi ridícula. E co erotismo pasa o mesmo, que podes acabar facendo unha trapallada", remata.

"A min sempre me recorda á literatura infantil, que parece moi sinxela, pero se non tes a habilidade ou a sensibilidade suficiente podes facer unha cousa moi ridícula"

O editor explica que o premio xurdiu cun triplo obxectivo: "En primeiro lugar naceu porque unha editorial pequena como Positivas ten que buscar os ocos que queden baleiros no panorama editorial galego. E un dos ocos que quedaban era este. Naceu tamén para visibilizar, como se di agora, este tipo de literatura. E, finalmente, buscaba tamén forzar á literatura galega a escribir de certos temas dos que non acostuma falar". "A vida sen erotismo non existe, pero o erotismo está ausente nunha gran parte da literatura galega", subliña.

"O erotismo está ausente nunha gran parte da literatura galega"

O impulsor do premio vai máis alá e avoga pola desaparición do certame, para non encapsular o erotismo nun xénero estanco: "Eu creo que este premio non debería existir. A literatura erótica non debe ser literatura erótica, debería ser simplemente literatura. Non temos por que construír novelas eróticas, novelas de terror, novelas de acción..., senón que o erotismo debería estar en case todas as novelas, en maior ou menor medida". "O premio debería desaparecer e este erotismo debería pasar ao resto da literatura", conclúe.

 

Francisco Macías CC-BY-SA Alberto Ramos
Enma Pedreira, gañadora da última edición Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.