0 Gardados para despois

VÍDEOS | 'Fóra': o documental da loita contra ENCE en Pontevedra, de estrea o 2 de febreiro

Redacción | @prazapublica

"2018? Non, agora!". O icónico lema de oposición á permanencia da factoría de ENCE na ría de Pontevedra ficou conxelado hai este 25 de xaneiro dous anos. Naquela xornada o Goberno de España en funcións daba luz verde á prórroga solicitada pola pasteira para, apoiada na reforma da lei de costas impulsada polo Executivo de Mariano Rajoy mentres tivo maioría absoluta, permanecer na beira da ría ata o ano 2073. Aquela decisión desencadeu un novo episodio de indignación entre os amplos colectivos da comarca contrarios á permanencia da factoría, unha loita de décadas que dende o vindeiro 2 de febreiro terá tamén forma de documental.

'Fóra' é un proxecto no que o xornalista Rodrigo Cota vén traballando con intensidade dende ese ano 2016 e retrata o movemento de oposición á factoría dende o seu inicio nos anos 60 do século pasado, pouco despois de que as autoridades franquistas situasen na ría pontevedresa a fábrica da Empresa Nacional de Celulosas. O relato organízase en catorce episodios nos que os testemuños dos principais protagonistas desta loita social se mesturan con documentación inédita ata agora non recompilada".

Como avanzou Cota para Praza.gal, "mesmo incluímos documentos dos anos 60 nos que as propias autoridades franquistas recoñecen e se alarman ante os prexuízos que podería xerar a planta" se era instalada onde finalmente se fixo. De fondo está un sentimento que atravesou todo este movemento hai dous anos, cando ecoaban as voces de quen "nos dicían que tivésemos paciencia uns aniños máis, porque no 2018 ENCE ía marchar". "Había xente -explicou o autor durante a elaboración do documental- que estaba convencida de que ían quedadr, pero non pensaban que fose ser deste xeito, cun goberno en funcións".

O documental, que verá a luz por primeira vez o 2 de febreiro ás nove da noite no Teatro Principal de Pontevedra, é un mosaico de lembranzas, imaxes e testemuños persoais. Entre as voces que recolle o proxecto, financiado a través da plataforma galega de micromecenado Ith Crowdfunding, figura veciñanza de Pontevedra e históricos activistas contra ENCE como Leonor González, Lidia Torres ou Carramón, antigo membro do grupo de rock Goma 2, que nos anos 70 puxo banda sonora ao movemento contra a pasteira.

O actual presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa ou o arqueólogo Antonio de la Peña ofrecen tamén os seus testemuños nunha montaxe na que tamén está moi presente a batalla política contra a factoría, representada no filme polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a ex-tenente da Alcaldía da cidade Teresa Casal ou os actuais voceiros de PSdeG e Marea no Concello, Tino Fernández e Luís Rei.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.