As editoriais reclámanlle á Xunta que non retire o apoio ao libro galego nas feiras internacionais

Espazo do libro galego na Feira de Guadalaxara (México) © Xunta

O pasado 29 de decembro a Xunta anunciou a súa renuncia a participar nas feiras internacionais do libro de Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalaxara, mantendo unicamente a presenza do libro galego na feira de Bos Aires. O Goberno galego xustificou esta decisión no “crecente desinterese dos axentes implicados na participación destas feiras, fundamentalmente do sector editorial”, algo que foi dende o primeiro momento negado pola Asociación Galega de Editoras (AGE), que agrupa o 90% da produción editorial galega, que lle reclamou á Xunta que mantivese o seu apoio á difusión internacional do libro galego.

O sector do libro galego é "estratéxico para o país e non se pode renunciar a súa promoción internacional"

Este venres a AGE reiterou a súa demanda nunha xuntanza que mantivo o seu presidente, Xosé Ballesteros, co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Ballesteros solicitoulle a Lorenzo que Cultura reconsiderase a súa renuncia a participar nas catro feiras das que se retirou. No encontro tamén estiveron presentes o vicepresidente da AGE, Henrique Alvarellos, e a a subdirectora xeral de Bibliotecas da Xunta, Cristina Rubal.

A AGE considera que o sector do libro galego, tal e como se recolle na Lei do Libro de Galicia (aprobada por unanimidade no Parlamento galego en decembro de 2006), é "estratéxico para o país e non se pode renunciar a súa promoción internacional". "Galicia sería a única Comunidade Autónoma con lingua propia que non tivese presenza nas feiras do libro máis importantes do mundo", sinala a entidade.

Dez editoriais galegas confirmaron xa a súa participación en Boloña, o que "demostra a decidida aposta do sector polos mercados internacionais"

A Asociación Galega de Editoras anuncia ademais que participará, con recursos propios, na próxima Feira do Libro de Boloña (Italia), a máis relevante do mundo para a literatura infantil e xuvenil, que se celebrará entre os días 26 e o 29 de marzo. Dez empresas editoras galegas asociadas a AGE confirmaron xa a súa participación neste evento, o que para a entidade "demostra a decidida aposta do sector polos mercados internacionais".

 

Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras © AELG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.