'A derradeira leición do mestre', rumbo a Galicia: "contemplalo xa é unha toma de conciencia"

Sinatura do acordo para o préstamo d'A derradeira leición do mestre © Óscar Corral / Fundación Cidade da Cultura

Asinado. O Centro Galicia de Buenos Aires rubricou este venres co Goberno galego o convenio que permitirá a chegada a Galicia neste mesmo ano d'A derradeira leición do mestre. A emblemática obra de Castelao sairá da Arxentina por primeira vez para ser parte da exposición Castelao Maxistral, a mostra que no derradeiro trimestre do ano terá como comisario a Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da Fundación que preserva o legado do político e artista rianxeiro e cuxa tese de doutoramento constitúe a máis completa biografía do autor.

Como xa avanzara en declaracións a Praza.gal cando transcenderon as conversas para a cesión temporal do cadro, o presidente do Centro Galicia explica que a institución que encabeza "é custodio" da obra, pero que esta "pertence a toda a emigración, a todos os galegos da Terra e do mundo". "É moi importante -resalta José María Vila Alén- que os galegos da Terra comprendan o que fixo e o que fai a emigración e que esa emigración forma parte da Galicia universal". Neste sentido, resalta, "o feito de contemplar" o cadro no que Castelao retrata a represión franquista "xa é unha toma de conciencia", tamén sobre a achega da emigración e do exilio ao patrimonio cultural galego.

Os presidentes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura sumáronse ao acto de sinatura do acordo, que a Xunta canaliza a través da Fundación Cidade da Cultura. A entidade do Gaiás correspóndelle agora "precisar as condicións técnicas" do préstamo para que "o traslado dende a Arxentina se realice coas maiores condicións de seguridade e baixo os estándares profesionais máis elevados", sinala a entidade pública.

"É moi importante que os galegos da Terra comprendan o que fixo e o que fai a emigración e que esa emigración é parte da Galicia universal", di José María Vila, presidente do Centro Galicia

Segundo o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, a viaxe d'A derradeira leición do mestre á Galicia territorial pretende ser tamén "unha mostra de recoñecemento a un dos autores máis universais, que máis fixeron na defensa da nosa cultura e da nosa identidade colectiva como pobo". O feito de que Castelao retratase "a imaxe dun mestre asasinado diante de dous rapaces que se laian, conmocionados" dálle á pintura tamén un "forte contido simbólico".

"Este cadro -agrega Rodríguez- é unha referencia persoal e afectiva para moitas xeracións, que dende a emigración ou permanecendo na terra, sufrion a dureza dunha guerra e dunha represión que deixaron fonda pegada no noso imaxinario colectivo". A mostra comisariada por Seixas, di o conselleiro, tamén pretende ser unha "homenaxe á educación", así como un recoñecemento ao "traballo incansable" do Centro Galicia "pola expansión da nosa cultura".

'A derradeira leición do mestre', de Castelao © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.