0 Gardados para despois

A chegada d'A derradeira leición do mestre' pon o foco no valor do patrimonio da emigración

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A derradeira leición do mestre chegará a Galicia. O histórico cadro de Castelao sairá por primeira vez da Arxentina para formar parte dunha exposición sobre o autor rianxeiro que terá lugar a final de ano no Museo Centro Gaiás da Cidade de Cultura. A mítica obra, que se atopa no Centro Galicia de Bos Aires e se converteu en símbolo do sufrimento pola represión fascista en Galicia e da loita pola liberdade, viaxará por fin á terra onde está inspirada.

A Xunta e o Centro Galicia chegan a un acordo de cesión temporal da obra para unha exposición no Gaiás a final de ano

Farao grazas a un acordo ao que vén de chegar a Consellería de Cultura con esta institución da emigración na capital arxentina logo das negociacións que adiantara xa Sermos Galiza. O acordo, tal e como explica a Xunta, "prodúcese despois dunha negociación co Centro Galicia de Bos Aires que iniciou o conselleiro Román Rodríguez González", durante a súa viaxe á cidade con motivo da última edición da Feira do Libro. A cesión temporal da obra materializarase a mediados do vindeiro mes de febreiro coa sinatura dun convenio.

A derradeira leición do mestre está considerado o Gernika galego, un óleo de 2 metros de alto e máis de 130 centímetros de ancho baseado na estampa número 6 do libro Galicia Mártir de Castelao e na que se amosa un mestre asasinado ante dous rapaces que se laian conmocionados. Esta obra de grandes dimensións foi pintada en 1945 polo escritor, artista e político galego como homenaxe a Alexandre Bóveda, ao ser elaborado especialmente para a conmemoración do noveno aniversario do fusilamento do político galeguista realizado o 17 de agosto daquel polo Centro Orensano de Bos Aires, institución ao que foi doada parte do patrimonio do autor rianxeiro. 

A obra reproduce unha estampa do 'Galicia Mártir' e foi pintada en 1945 para unha homenaxe a Alexandre Bóveda en Bos Aires

Precisamente, foi ese Centro Orensano un dos que a finais dos anos 70 se fusionou coa Asociación Gallega de Buenos Aires -que agrupaba os centros Coruñés e Pontevedrés- e o Centro Lucense para crear o Centro Galicia, en cuxa sede social da avenida Bartolomé Mitre se atopa o óleo, no terceiro andar e nun cuarto no que se inclúe un busto de Castelao, así como unha vitrina con diversos obxectos que homenaxean o autor, como unha das súas máquinas de escribir ou a súa mesa de traballo. O cadro pode ser visitado nese edificio bonaerense previa petición de cita coa institución. 

Nesta obra, Castelao trata un dos temas máis habituais á hora de relatar a terrible represión que a guerra civil e o franquismo provocaron en Galicia: o asasinato de mestres de escola. A derradeira leición do mestre amosa os xestos de dor reprimida dos dous cativos ante o corpo morto e cun violento escorzo do profesor. Converteuse nun símbolo da loita pola democracia e do galeguismo. 

A emblemática obra de Castelao atópase no terceiro andar do Centro Galicia da capital arxentina

A Consellería de Cultura agradeceu xa "a boa disposición" da directiva do Centro Galicia de Bos Aires e aclara que "está a precisar" agora as condicións técnicas deste préstamo "co fin de conseguir que o traslado desde a Arxentina se realice coas maiores condicións de seguridade e baixo os estándares profesionais máis elevados".

A principios deste mes de xaneiro, ao cumprirse 68 anos da morte de Castelao en Bos Aires, o Centro Galicia adheriuse ás homenaxes celebradas na capital arxentina -como a que se levou a cabo no Centro Gallego- e destacou a figura "do filósofo que soubo albiscar a Galicia ideal no desterro" e que din que "será sempre referencia e guía" do seu "ollar máis íntimo". 

O Centro Galicia destaca que garda o óleo "co maior dos respectos e unha devoción infinita"

"Recollemos o seu legado e resgardamos a súa impronta para as nosas xeracións e as futuras", destacaba o 8 de xaneiro o Centro Galicia, que lembra que é "fiel custodio" da súa mesa de traballo ou da súa máquina de escribir. Ademais, desde a entidade destacan que gardan tamén "co maior dos respectos e cunha devoción infinita, o magnífico cadro que legou, A derradeira leición do mestre". "Porque un pobo que olvida, pérdese, lembramos a figura do ilustre galeguista rianxeiro xunto a todos os nosos pares, apostando a un futuro que nos atope unidos na diversidade", remataban.

 

O futuro do legado da emigración

A noticia da chegada da emblemática obra de Castelao a Galicia coñécese xusto no momento no que o histórico Centro Gallego de Bos Aires -a grande institución da emigración- afronta a venda da súa xestión sanitaria e do seu centenario edificio ao grupo Ribera Salud. A volta d'A derradeira lección do mestre e o incerto futuro do patrimonio que posúe o devandito Centro Gallego poñen o foco sobre o importante legado histórico e cultural que Galicia posúe na emigración e sobre o mellor xeito de conservalo e protexelo. 

O Consello da Cultura Galega vén de lembrar á Xunta que protexer o legado do Centro Gallego é unha "obriga legal" e que debería ser tratado como se estivese fisicamente en territorio galego. Ante as negociacións para a venda do edificio, a asemblea de representantes dos socios da institución esixiu que a empresa compradora "outorgue gratuitamente e a perpetuidade" á asociación mutual do Centro Gallego as dependencias do Teatro Castelao, a sala de sesións, presidencia e Ramón Otero Pedrayo e "todas aquelas destinadas a preservar o patrimonio histórico e cultural" como "a pinacoteca, biblioteca e demais obras de arte". Ademais, require que se permita o funcionamento da asociación nas instalacións, sendo esta sempre a propietaria e "quen defina no seu caso o destino definitivo" de todo o patrimonio, "non podendo trasladarse fóra da Arxentina". Ante os requirimentos dalgúns grupos políticos e mesmo da Xunta para intentar a volta do legado ao país, os veteranos asociados deixaron claro que debería permanecer na considerada quinta provincia arxentina. 

Os socios do Centro Gallego esixen para a venda do edificio que o patrimonio cultural e artístico "non poida trasladarse fóra da Arxentina"

Tal e como destaca o Consello da Cultura, tan só no Centro Gallego custódiase unha "importantísima colección" de obras de arte, doadas por artistas e socios ou mercadas polas diferentes directivas, que inclúen obras pictóricas, estatuas, esculturas, etc. Entre os seus fondos hai obras de Castelao, Laxeiro, Viveros, Luis Aquino, Francisco Lamas, Manuel Oliveira, Demetrio Urruchua, Manuel Torres, José Solla, Samuel Mallo, Leopoldo Nóvoa García, Luís Seoane, Carlos Maside, Dolores Freixas, Manuel Escudero, Carlos Cañás, José María Moraña, Gustavo Fernández, Lorenzo Carballo, entre outros moitos.

Tamén conta cunha "moi importante colección de partituras musicais orixinais, obras corais e sinfónicas, obras que foran encargadas pola Comisión de Cultura e sempre relacionadas coa colectividade galega". Así mesmo, dispón dun "arquivo sonoro importantísimo" para o estudo da cultura e a historia de Galicia, pois componse de gravacións de conferencias e actos nos que participaron intelectuais galegos e arxentinos tales como Alfonso Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Martínez Risco, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco-Amor, Battistesa ou Ghioldi. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.