0 Gardados para despois

O Consello da Cultura lembra á Xunta que protexer o legado do Centro Gallego é "obriga legal"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

O Consello da Cultura Galega (CCG) pide á Xunta "salvagardar a integridade" do inxente legado que posúe o Centro Gallego de Bos Aires e que todo el "teña unha consideración e protección xurídica e institucional, análoga á que tería de estar en territorio de Galicia". A entidade vén de elaborar un Informe sobre os fondos patrimoniais e culturais da histórica institución da diáspora logo de que se activase a venda da súa xestión sanitaria e do seu centenario edificio ao grupo español Ribera Salud ante a grave crise económica que sofre desde hai anos. 

O Consello da Cultura pide á Xunta que dea protección ao patrimonio do Centro Gallego "análoga ao que tería de estar en Galicia"

O documento foi aprobado este pasado martes no plenario ordinario celebrado coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Nel, o CCG considera que "o patrimonio cultural (artístico, documental, bibliográfico, musical e hemerográfico) que custodia o centro constitúe un legado imprescindible que merece o máis alto grao de protección xurídica para garantir a súa integridade e a súa conservación no futuro". E recorda tamén que este obxectivo "non se trata tan só dun mero desideratum de boas intencións", senón tamén do "cumprimento dunha obriga legal, tal e como establece o artigo 27 da Lei da galeguidade (7/2013, do 13 de xuño)", así como artigo 4 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. 

O CCG lembra que a protección do legado cultural "non é un mero 'desideratum" senón "o cumprimento dunha obriga legal"

Nesta última norma, advirte o CCG, establécese que a Xunta "promoverá a salvagarda do patrimonio cultural de Galicia que se atope no exterior, especialmente en Latinoamérica, e alí onde exista unha presenza significativa de comunidades galegas”. Xa que logo, demanda que se adopten "todas as medidas que resulten precisas para salvagardar a integridade do legado de quen co seu esforzo e valor fixo de Galicia unha realidade que transcende as súas fronteiras e da galeguidade un xeito de ser e estar no mundo". Así, considera que todo este patrimonio, "en razón da súa obxectiva importancia material e inmaterial",debe ter "unha consideración e protección xurídica e institucional, análoga á que tería de estar en territorio de Galicia". 

O CCG fai referencia tamén á devandita Lei da Galeguidade para lembrar que a comunidade autónoma, tal e como reza a normativa, "colaborará na preservación e conservación do patrimonio cultural das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia e velará polo seu destino no caso da disolución destas". E alude a que, no caso de que a normativa o permita, aquel patrimonio "que para a súa preservación deba ser conservado en Galicia será destinado, segundo o caso, ao Arquivo da Emigración Galega e ao Arquivo Sonoro de Galicia", órganos dependentes do propio CCG.

Esta mesma lexislación, insiste, tamén determina que a Xunta "velará pola conservación do patrimonio da colectividade galega no exterior, así como polo mantemento da memoria" mediante accións como a "catalogación e inventario do patrimonio galego no exterior, especialmente das entidades e centros galegos"; a "posta en valor do legado da emigración coa declaración de patrimonio cultural de Galicia a aqueles centros e entidades centenarias", e a "difusión e posta en valor do patrimonio material e inmaterial da emigración galega coa creación dunha rede virtual e con accións de recoñecemento". 

O CCG advirte á Xunta que a Lei do patrimonio cultural e a Lei da galeguidade determinan que a Xunta debe "salvagardar" o patrimonio cultural da emigración

O CCG advirte de que non entra "na cuestión máis concreta da situación inmobiliaria e de xestión do Centro Gallego", pero si nun "patrimonio pertencente á cultura galega que entre todos debemos defender e salvagardar". O Consello lembra que o Instituto Argentino de Cultura Gallega, dentro do Centro Gallego, xestiona unha biblioteca con máis de 20.000 volumes, con obras cimeiras da cultura galega; unha librería situada no vestíbulo de entrada do edificio social, que conta con todo o catálogo de Ediciones Galicia, editorial creada nos anos 60 pola institución da emigración e que editou 58 libros (entre os que destacan a impresión das obras de Castelao, as Obras completas de Cabanillas, de Villar Ponte, etc.) e sete discos.

Alén disto, lembra que ao longo da súa historia o Centro Gallego foi custodiando unha "importantísima colección" de obras de arte, doadas por artistas e socios ou mercadas polas diferentes directivas, que inclúen obras pictóricas, estatuas, esculturas, etc. Entre os seus fondos hai obras de Castelao, Laxeiro, Viveros, Luis Aquino, Francisco Lamas, Manuel Oliveira, Demetrio Urruchua, Manuel Torres, José Solla, Samuel Mallo, Leopoldo Nóvoa García, Luís Seoane, Carlos Maside, Dolores Freixas, Manuel Escudero, Carlos Cañás, José María Moraña, Gustavo Fernández, Lorenzo Carballo, entre outros moitos.

O Consello da Cultura destaca a "importantísima" colección de arte, partituras orixinais ou do arquivo sonoro

Tamén conta cunha "moi importante colección de partituras musicais orixinais, obras corais e sinfónicas, obras que foran encargadas pola Comisión de Cultura e sempre relacionadas coa colectividade galega". Así mesmo, dispón dun "arquivo sonoro importantísimo" para o estudo da cultura e a historia de Galicia, pois componse de gravacións de conferencias e actos nos que participaron intelectuais galegos e arxentinos tales como Alfonso Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Martínez Risco, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco-Amor, Battistesa ou Ghioldi. "Sen esquecernos do importante patrimonio fotográfico que conserva nas súas instalacións", insiste.

Os primeiros terreos

Sede da avenida Belgrano, na década dos 20

O CGBA, na década dos 50

Emigrantes ante o Centro Gallego, nos 50

Sanatorio do Centro Gallego, hai uns 100 anos

Lembranzas de Castelao no Centro Gallego

Homenaxe a Castelao no Centro Gallego

Ambulancias do Centro Gallego

Médico a domicilio do Centro Gallego

Inauguración do Sanatorio Social a mediados dos anos 30

Inauguración doutra dependencia do CGBA, en 1939

Multitudes ante o Centro Gallego

Entrada do Centro Gallego

Fachada principal do Centro Gallego

Edificio do Centro Gallego, na actualidade

Carné do Centro Gallego de Bos Aires

Interior do Centro Gallego

A historia do Centro Gallego de Bos Aires, en imaxes

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.