0 Gardados para despois

Ferrol pregúntase se os gardas civís que se bican en Canido son obra de Banksy

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A finais do mes de agosto do pasado ano, diferentes xornais impresos do Reino Unido, Italia e outros países luciron un anuncio no que a veciñanza do barrio ferrolán de Canido convidaba o enigmático artista Banksy a viaxar alí para participar no festival de arte urbana que todos os veráns enche os muros de interpretacións do famoso cadro As Meninas de Velázquez. Tamén con enormes carteis nalgunhas fachadas, a mensaxe trataba de convencer o coñecido graffiteiro e axitador de conciencias cunhas obras polas que devecen milleiros de persoas no mundo.

Unha obra que amosa dous gardas civís bicándose apareceu este martes no espazo reservado a Banksy en Canido

A campaña, impulsada por unha cervexeira galega, provocou que a contorna do artista se puxese en contacto a través do correo electrónico co festival de Canido. Pediu máis detalles do certame artístico e confirmou a recepción da mensaxe. No entanto, pasou o festival de setembro tese a parede continuou branca e lisa, sen pintura ningunha. Ata este martes. Pola mañá apareceu cun mural de dous gardas civís bicándose e coa sinatura que habitualmente emprega Banksy nas súas cotizadas e admiradas obras. 

Semellante a unha das súas obras máis coñecidas --a de dous policías británicas bicándose tamén--, o mural ten pinta de ser obra deste coñecido grafiteiro, pero non hai nada confirmado. Andan niso. Eduardo Hermida, artista ferrolán organizador das Meninas de Canido, confirma a aparición desta pintura e das características idénticas ás das obras do referente inglés, pero busca un dato que o certifique a través da conta de Instagram que difunde os murais de Banksy.

Os impulsores do festival das Meninas tratan de verificar a autenticidade da obra, que conta coa sinatura e as características de Banksy

"A través dese perfil da rede social, á que hai vinculado un correo electrónico, estamos procurando unha confirmación", aclara Hermida. Por outra banda, a cervexeira galega Estrella Galicia, creadora da campaña que intentou convencer a Banksy, trata tamén de confirmar a autenticidade da obra. "A sinatura é idéntica e a pintura está perfectamente traballada, coas características das súas obras; andamos na procura dalgún detalle que poida desbotar que sexa o que pensamos, pero aínda non o atopamos", insiste Hermida a Praza.gal. 

Desde a cervexeira galega, nun comunicado, advirten de que tratan de "verificar a autenticidade da obra" ante a "expectación creada". Ademais, aseguran que o mural, "malia non ter forma de Menina, espertou a admiración e alegría dos ferroláns", xa que podería ser a primeira obra oficial do autor no Estado, logo de que a que fora atopada en San Sebastián fora posteriormente borrada e non obtivese confirmación da autoría. 

"Se o artista acode á nosa chamada, fai que As Meninas de Canido sexa un proxecto univeral; de tratarse dun triste falsificador, dota á nosa iniciativa da capacidade de reprodución para que os autores descoñecidos poidan ensinar as súas técnicas inspiradas nos máis grandes", explica tamén Hermida no comunicado da empresa impulsora do chamado a Banksy, que mantén todo o misterio. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.