0 Gardados para despois

Banquete de Conxo: Celebrando a confraternización como símbolo

Redacción | @prazapublica

O 2 de marzo de 1856 Conxo (hoxe barrio compostelán, daquela aínda concello independente) acolleu o hoxe coñecido como Banquete de Conxo, no que un grupo de estudantes (daquela procedentes na súa maioría das clases acomodadas) lle serviron a comida a artesáns, compartindo pan e mesa cos integrantes da clase traballadora. Esta confraternización funcionaba como símbolo e espertou o rexeitamento e a preocupación entre as autoridades e os sectores máis poderosos da sociedade compostelá da época. Organizado entre outros por Luís Rodríguez Seoane, no xantar participaron Aurelio Aguirre ou Eduardo Pondal. E os tres leron un discurso (un brinde) ao seu remate.

"O Banquete de Conxo ten un gran significado histórico, está relacionado cos banquetes da revolución francesa de 1848, que é a primeira revolución liderada polas clases traballadoras. Hai que entender que nese momento os partidos políticos eran ilegais e tamén o eran os seus actos. Así que o que facían as agrupacións era utilizar actos de convocatoria masiva e lanzar alí discursos, sobre todo en funerais e en banquetes", destacaba hai uns meses o investigador Xurxo Martínez González, que atopou o pasado ano o brinde de Rodríguez Seoane, ata entón desaparecido. "No lo dudéis, del pueblo defensores/ El porvenir se encierra en vuestras manos/ Atrás! nobleza, títulos y honores/ Y oiga el mundo una voz, la voz de hermanos" é unha das estrofas daquel brinde con tanto contido político. "Iso é o que se tenta reproducir en Conxo: unha unión de clases sociais, entre artesáns -que é unha clase en transformación cara ao proletariado- e o estudantado cunha conciencia ao redor das ideas do Partido Demócrata. Cando se atopan todos estes factores é como cando se achega unha chispa a unha caixa de pólvora", subliñaba Martínez.

Esta fin de semana Compostela acollerá unha completa programación para conmemorar a importancia histórica do Banquete de Conxo, 162 anos despois da súa celebración. Xa o pasado sábado un paseo histórico-teatral a cargo de Os Quinquilláns, con acompañamento musical de Luís Caruncho, devolveu Santiago por unhas horas ao século XIX. Este sábado 21 e domingo 22, ademais da celebración dun Mercado do Libro e da Artesanía e dunhas Xornadas Gastronómicas en numerosos establecementos da cidade, haberá mesas redondas, recitais poéticos, concertos e foliadas, visitas teatralizadas e roteiros. E, por suposto, un xantar e romaría popular, con brindes de veciñas e veciños, o domingo ás 15 horas na Carballeira de Conxo, recreando o Banquete orixinario. Recoméndase asistir ao xantar popular traendo os alimentos e bebidas da casa.

Unha mesa redonda o sábado, un desfile teatral dende o centro de Santiago ata Conxo o domingo e, por suposto, un xantar popular, entre as actividades programadas

O Banquete de Conxo foi un evento "simbólico e significativo para Santiago e para Galicia dende o punto de vista literario e político", destacou o alcalde compostelán Martiño Noriega na presentación das actividades. O sábado ás 17 horas no CSC de Conxo a mesa redonda Que foi o Banquete, que é Conxo, conducida por Marcos Lorenzo, afondará nestes elementos a través das intervencións de Xurxo Martínez ("A importancia histórica do Banquete"), Juan José Lema ("Rememorando o Concello de Conxo"), Encarna Otero ("O Conxo que vivimos: últimas décadas até hoxe") e Mercedes Franqueira ("Os desafíos de Conxo: de hoxe en diante").

Así mesmo Os Quinquilláns, acompañados doutros colectivos, realizarán o domingo ás 11 horas un desfile teatral desde o centro de Santiago ata Conxo, baixo o título de "Alá van estudantes e artesáns". Ás 12.45 Marisa Álvarez lerá o Pregón da Festa do Banquete diante do CSC de Conxo. Ás 13 horas o desfile teatral continuará ata a Carballeira.

Ademais, o sábado ás 12 horas e o domingo ás 18.30 o editor Henrique Alvarellos realizará unha visita guiada "ao bosque do Banquete", o espazo natural no que tivo lugar o evento histórico, e que foi xa debullado no libro Os últimos carballos do Banquete de Conxo, unha obra que identifica e describe o lugar no que se realizou o xantar. Neste vídeo Alvarellos convida a participar nos actos de conmemoración.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.