O 11 de marzo de 2014 o Parlamento galego aprobaba por unanimidade a Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, ou Lei Paz Andrade, completando o traballo impulsado no ano anterior por unha ILP que chamaba a "valorizar o galego como unha lingua con utilidade internacional". A norma finalmente aprobaba incluía unha serie de importantes compromisos como incorporar "progresivamente a aprendizaxe da lingua portuguesa" nos centros de ensino, promover "as relacións a todos os niveis cos países de lingua oficial portuguesa" ou "favorecer e permitir a reciprocidade das emisións televisivas e radiofónicas" entre Galicia e Portugal. Con todo, o texto legal matizaba notablemente a iniciativa orixinal, da que desaparecían os compromisos temporais claros para a súa aplicación.
O tempo foi pasando e aínda que si houbo algún xesto simbólico -en 2015 Núñez Feijóo e Cavaco Silva asinaron un acordo para a adopción do portugués como lingua estranxeira de opción- a realidade é que nos últimos catro anos non houbo apenas avances.
A Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), a Associaçom Galega da Língua (AGAL), Associaçom de Estudos Galegos (AEG) e a Fundaçom Meendinho veñen de facer pública unha carta aberta dirixida ao presidente da Xunta na que sinalan o seu "malestar" polo "seu nulo desenvolvemento xurídico" e na que acusan o Goberno galego de ter "incumprido o compromiso adquirido durante a negociación connosco e cos grupos parlamentarios galegos". As catro entidades sinalan que se produciu "un nivel de aplicación ínfimo e testemuñal, non indo alén de medidas provisionais e parciais, que carecen de orzamento e garantía de continuidade, decepcionando as expectativas xeradas e reducindo ao mínimo a credibilidade do Goberno nesta materia".
Sinalan o seu "malestar" polo "seu nulo desenvolvemento xurídico" e acusan o Goberno galego de ter "incumprido o compromiso adquirido durante a negociación connosco e cos grupos parlamentarios galegos"
A carta critica que neste tempo non se crearon no sistema de ensino público prazas para profesores de lingua portuguesa e denuncia que "se mantén a precariedade dos docentes e do propio ensino do portugués, como antes da aprobación da lei". Critica igualmente que non se levou a cabo a inclusión de contidos en lingua portuguesa nos medios de comunicación públicos, aínda que recoñece que se "rexistran casos positivos e meritorios na TVG, a cuxa Dirección recoñecemos unha sensibilidade notable e iniciativas de valor". "Con todo, trátase de actos esporádicos, illados da política lingüística do Goberno", engaden.
O texto subliña que "outro goberno autónomo, o da Estremadura española, mesmo nin sendo territorio lusófono como Galicia, ten unha actitude e unha política ben distinta en relación á lingua portuguesa, cuxa promoción é incluída no mesmo texto do Estatuto de Autonomía, salientando, desa forma, un nivel institucional máis elevado do que a Lei Paz-Andrade galega".
Tamén se sinalan as eivas no referente ás relacións internacionais, pois "non hai constancia da creación dun só grupo de traballo ou do nomeamento dun cargo especificamente dedicado á Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) ou ás relacións bilaterais con países do espazo lusófono" e "moito menos de políticas estruturais que afecten o goberno no seu conxunto". Lémbrase que a CPLP "iniciou un proceso de ampliación e abertura coa incorporación dun significativo grupo de países observadores" e que "xa mostrou unha sensibilidade e receptividade especiais respecto á posible candidatura de Galicia". Porén, denúnciase que dende a Xunta nada se fixo por impulsar esta posible incorporación.
Houbo "un nivel de aplicación ínfimo e testemuñal, non indo alén de medidas provisionais e parciais, que carecen de orzamento e garantía de continuidade, decepcionando as expectativas xeradas"
O texto remata sinalando que "é chocante e dificilmente aceptable que o seu goberno se presente publicamente como o maior defensor da lusofonía en Galicia [en varias ocasións presumiu de ter aprobado a Lei Paz Andrade], mentres os departamentos de Cultura e Política Lingüística continúan a ignorar patentemente as entidades culturais galegas que manteñen actividades a favor da unidade da lingua e de aproximación cultural en relación ao conxunto dos países do espazo lusófono". Tamén lle critican a Núñez Feijoo que nos últimos catro anos "non teña atopado un espazo na súa axenda para nos recibir".
"É preciso o impulso do Goberno, priorizando o interese xeral sen atender ao de grupos de intereses particulares", conclúe o texto, que sinala que "a aplicación da Lei Paz-Andrade debería deixar de estar condicionada pola conveniencia de grupos de presión que nunca quixeron saber da lusofonía e comezaron, desde o primeiro minuto, a traballar contra esta Lei do Parlamento".