0 Gardados para despois

‘Santoalla’, o documental que conta en clave de ‘thriller’ o homicidio de Martin Venfondern

María YáñezMaría Yáñez | @myanllo


O pasado 6 de xullo quedou sentenciado o xuízo polo crime de Santoalla, tamén coñecido como o caso “do holandés de Petín”. Juan Carlos Rodríguez foi condenado a dez anos de prisión polo homicidio de Martin Venfondern en 2010, despois de que un xurado popular o declarase culpable desta morte, fatal desenlace de anos de desencontro entre a única familia que habitaba a aldea de Santoalla e a parella de holandeses que elixiron iniciar alí un proxecto de vida neorrural. Outros dous estranxeiros, os cineastas neoiorquinos Andrew Becker e Daniel Mehrer son os autores dun documental que narra o sucedido case en tempo real, mentres nos ofrece unha ollada nada compracente á idiosincrasia do rural galego.

Non é a primeira vez que Santoalla, en Petín de Valdeorras, aparece no cine. Foi nada menos que a aldea escollida por Chano Piñeiro para rodar Sempre Xonxa no ano 1989. Contan que Jovita González, a veciña que se converteu en escura personaxe protagonista de Santoalla, cociñaba o xantar para o equipo de rodaxe da película de Piñeiro. Vinte e cinco anos despois, ponse diante das cámaras do documental para amosarnos a aldea na que quedaron sós ela, o seu home Manolo e o seu fillo Juan Carlos, xunto co fillo máis vello, Julio, que os vén axudar nos traballos agrícolas. Jovita ten as chaves da ermida de Santa Olalla e é a encargada de mantela limpa e de poñerlle velas á santa.

A vida de Jovita e da súa familia imitábase á de moitas outras que van ficando soas a medida que o resto de veciños abandona as aldeas para ir vivir ás cidades. Todo o que quedaba en Santoalla estaba na práctica para eles. Ata que unha parella de holandeses chegou un verán e decidiu mercar unha das casas que caía a cachos para vivir alí, lonxe da vida complexa das cidades, criando animais e practicando agricultura ecolóxica. Querían darlle a aquel paraíso unha nova vida, traballando coas súas propias mans, tratando de recuperar as terras para que outras persoas no futuro puidesen ver naquela zona un lugar desexable para vivir de maneira tranquila e sinxela, aproveitando o potencial económico dos recursos que lles daba a natureza. Os veciños da outra casa nunca o chegaron a entender. E non tardaron en aparecer os problemas.

'Santoalla' narra a historia de como a parella holandesa decidiu quedar e como a realidade se foi torcendo ata a desaparición do home, da que os principais sospeitosos eran os veciños cos que ela aínda tivo que convivir uns anos

Santoalla, o documental, narra esta historia a partir do testemuño de Margo Pool, a viúva de Venfondern, que no momento no que se inicia a rodaxe, 2012, aínda estaba desparecido. Ela conta como se coñeceron cando eran dous hippies activistas dunha cidade perto de Amsterdam. Como casaron e decidiron viaxar por toda Europa, ata atopar un lugar que lles fixese dicir “este é o noso sitio”. Como empezaron a traballar para acondicionar minimamente a casa e as terras que viñan con ela. E como a realidade se foi torcendo ata a desaparición do seu home, da que os principais sospeitosos eran os veciños cos que ela aínda tería que convivir uns anos.

De Brooklyn a Valdeorras

Jovita González, veciña de Santoalla e nai do condeado por homicidio / © Santoalla

Como acaban dous realizadores de Brooklyn contando esta historia?  Pois tamén de casualidade. O irmán de Daniel, Paul Mehrer, chegara para traballar de voluntario na granxa de Margo e Martin xusto ao día seguinte de que el desaparecera, e estivo coidando do rabaño nos primeiros días da busca. Regresou a Nova York impactado coa historia e alí escribiu un guión de ficción. “Cando viñeron gravar por vez primeira a idea era respaldar ese guión. Atoparon que a historia real era suficientemente potente e decidiron facer unha longa documental”, relata Cristina de la Torre, realizadora audiovisual veciña de Valdeorras, a quen contactaron os cineastas porque precisaban unha tradutora, e que se acabou convertendo nunha peza clave na produción da película. Agora é a encargada de distribuíla en Galicia, alá onde se queira proxectar.

A familia agora sentenciada como culpable non tivo problemas en falar cos cineastas nin en dar a súa versión como testemuñas ante as cámaras

Os directores chegaron por primeira vez á aldea en 2012, cando aínda non se sabía nada do paradeiro de Verfondern, que levaba case 3 anos desaparecido. Gravaron moitas entrevistas, entre elas a Margo, mais tamén a varios membros da familia veciña, sobre a que xa existía a sospeita por parte da viúva. Estes non tiveron problema en falar cos cineastas nin en dar a súa versión como testemuñas diante das cámaras. Agora que os sabemos culpables, impacta a naturalidade coa que falaban do caso ocultando a realidade.

En 2014 o equipo tivo que volver a Santoalla, canda moitos outros cámaras e xornalistas: o corpo do holandés acababa de aparecer, carbonizado desde hai tempo, cabo do seu coche nun monte do concello da Veiga, a uns 20 quilómetros da aldea na que desapareceu. Os directores seguiron gravando e acompañaron a Margo no difícil proceso de recoller e enterrar os restos do seu home, algo que finalmente lle daba paz tras catro anos de incertidume, mentres os principais sospeitosos aínda seguían a vivir a pé da súa casa.

Margo Pool, a viúva de Martin Verfondern / © Santoalla

Coa axuda de Cristina de la Torre, Becker e Mehrer puideron acceder así mesmo ao arquivo de TVG e La Región TV, así como a moito material que deixara Martin gravado coa súa cámara. Nel documentaba escenas cotiás da súa vida e do fogar que estaban construíndo, pero tamén os problemas que empezou a ter cos veciños. Esta é unha das principais riquezas do filme, xunto coa fotografía que se para a contemplar a beleza sobrecolledora da paisaxe, para nos facer entender por qué Margo e Martin elixiron vivir alí naquel paraíso que se convertiría no seu inferno.

'Santoalla' estrouse en xullo de 2017 en cines comerciais dos EUA; a fita mesmo foi solicitada polo fiscal e admitida na instrución

Tamén destaca, quizais demasiado, unha música moi de documental televisivo americano, que marca un tono de thriller acaído para contar esta historia, e que se desmarca das tendencias da non ficción a facer un cine máis observacional ou naturalista. A narrativa é clásica neste sentido. Abondo desafiante é a historia en si e o feito de que os acontecementos se fosen desenvolvendo mentres o filme aínda se estaba a gravar. 

De feito, o crime estaba aínda pendente de xuízo cando Santoalla iniciou a súa andaina en festivais no outono de 2016, coa súa estrea no Festival de Edimburgo e mais no Festival de Cine de Ourense. O 7 de xullo de 2017 estreouse en cines comerciais nos Estados Unidos, e tamén tivo unha pequena estrea máis tarde en salas da zona de Valdeorras. Non foi ata o pasado mes de xuño cando o xuízo por fin se celebrou, coa sentenza que se publicou o venres, 6 de xullo. A fita mesmo foi solicitada polo fiscal e admitida na instrución para que o xurado puidese contextualizar o conflito e o lugar, mais finalmente rexeitouna o maxistrado.

Un espello nada benévolo

Imaxe da aldea de Santoalla, en Petín de Valdeorras / © Santoalla

Ademais da presenza fantasmal de Martin Verfondern como protagonista e autor de algunhas das imaxes máis inquietantes do filme, Santoalla ten catro grandes protagonistas: Margo, unha gran narradora, e o retrato da dignidade de quen quixo quedar na aldea a pesar de todo o sufrido, sabendo que tiña dereito e que non fixera nada malo. Jovita, un dos personaxes máis sinistros da historia do noso audiovisual, e o máis estarrecedor é que podería ser calquera veciña da nosa aldea. E Santoalla, o paraíso hippy para uns, a propiedade a custodiar para outros, e o lugar do que fuxir para o resto de veciños que foron abandonando as súas casas e terras en busca dunha vida mellor noutro lado.

Co simpático que nos parece aínda que a xente se pelexe por uns marcos e co pouco que nos gusta que veñan os de fóra a contar as nosas cousas, o retrato que fai Santoalla produce un arrepío de ruindade que non vemos nos “outros”, senón que recoñecemos en nós mesmos

O cuarto protagonista somos nós, os aborixes, vistos desde fóra. Non hai nesta película ningún desprezo por parte dos directores, iso hai que deixalo claro. O tratamento que lle dan á realidade deste lugar e destas familias é do máis respectuoso. Como tampouco hai ningunha condescendencia, e isto é importante porque non estabamos afeitos a velo en ningunha pantalla. Co sacralizada que temos a antropoloxía rural, co moito que mitificamos os avós e as avoas da aldea, co autoexotismo imperante na nosa cultura popular, co simpático que nos parece aínda que a xente se pelexe por uns marcos e co pouco que nos gusta que veñan os de fóra a contar as nosas cousas, o retrato que fai Santoalla produce un arrepío de ruindade que non vemos nos “outros”, como fan os directores, senón que recoñecemos perfectamente en nós mesmos, na nosa tribo.

Hai frases que di a familia culpable que escoitamos mil veces na boca de parentes e veciños nosos. Hai razoamentos que parecen xustificar a sorte do holandés (algo faría!), pero que tamén explicarían algúns motivos de por que o noso rural vai ficando deserto. Entre os que marchan desentendéndose, e os que quedan asumindo un destino de deterioro e abandono constante, calquera se atreve a facer un intento de repoboar o rural. Ou de volver a Galicia. Ou de apostar un peso por este país, máis alá de explotar o seu potencial para a crónica negra, o “terrorismo rural” e o turismo de sucesos. A aldea que foi esquecida tras acoller a rodaxe da longametraxe fundacional do cinema en galego queda agora para sempre asociada a este crime, e mitificada polo poder narrativo dun thriller documental feito, e con boa nota, por un par de cineastas ianquis.

Santoalla pode verse online en Movistar Plus e Vimeo e está incluída no catálogo de Cinemas de Galicia para a súa exhibición en vilas galegas. Este 10 de xullo proxectouse de balde no Patio do Museo Etnolóxico de Ribadavia, dentro do ciclo ‘Marxes fílmicas’.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.