Do 24 ao 26 de agosto Combarro (Poio) acollerá a décima edición do Festival Armadiña Rock. Os concertos terán lugar na Praza da Chousa, pero toda a vila vestirá de festa durante toda a semana para celebrar unha cita que pouco a pouco se foi consolidando no circuíto galego de festivais do verán. O pasado ano máis de novel mil persoas pasaron polo festival.
The Lakazans, Ses, La Pegatina e Skandalo GZ actuarán o venres. O sábado a quenda será para A Banda da Loba, Sonoro Maxín, Amparanoia, Banda Xangai, Terbutalina, Dudecán e Zenzar. E o domingo Voodoo pechará os concertos.
Ademais, haberá pasarrúas a cargo de Fanfarria Furruxa, Balkan Paradise Orchestra, Batucada Os Queimatasas ou Pinguela de Terra de Montes polo recinto histórico de Combarro. Celebraranse tamén concertos infantís, haberá espectáculos de circo e clown e tamén teatro de rúa.
Outro dos motivos para achegarse a Combarro durante esta fin de semana será a exposición Músicas Galegas Ilustradas, un proxecto de Laura Romero, que tamén estará sobre o escenario o sábado co seu grupo Zënzar. Na presentación do festival, hai dúas semanas, destacouse a presenza de mulleres músicas que pasarán polo escenario desta edición. "A visibilización da muller no sector musical é, precisamente, un dos obxectivos do festival", destacaron os seus responsables.
A programación inclúe tamén unha mesa redonda de debate sobre 'O Rock Galego'. E tamén proxeccións de curtametraxes, as pezas gañadoras no III Festival de Curtas Armadiña. O Armadiña coincide tamén coa celebración do III Concurso de balcóns, patíns e solainas, no que un gran número de recunchos de Combarro se engalanan, amosando un aspecto aínda máis espectacular. Os premios do certame entregaranse o domingo, pouco antes de dar por finalizado o festival. Un festival, por certo, que é de balde, organizado pola ACDeM Armadiña, e que inclúe a posibilidade de acampar de forma gratuíta no lugar da Reiboa, a pouca distancia do lugar de celebración do mesmo.
Os concertos terán lugar na praza da Chousa, un espazo que na actualidade aínda depende de Portos de Galicia, pois era utilizado como peirao décadas atrás. A propia ACDeM Armadiña e outras sete entidades reclaman a desafección do lugar, de xeito que pase a depender do Concello de Poio, que é quen na práctica se está a ocupar xa do seu mantemento, limpeza e iluminación.
O festival, patrocinado por Estrella Galicia, presentou hai unhas semanas o seu spot promocional, titulado "Con Sentidiño", co que a organización quixo facer unha chiscadela á serie Fariña. Nel aparece a veciñanza de Combarro traballando arreo durante a madrugada nunha misteriosa “descarga” que moito ten que ver coa edición número dez do destacado evento musical. Os braceiros, encarnados principalmente por membros da asociación Armadiña, están liderados pola actriz Isabel Risco, colaboración especial da peza, que foi elaborada grazas á colaboración dos realizadores José Aragunde e Juan Barcia.