25 anos do CGAC: De “poñer a Galicia no mapa” a manterse coa metade do orzamento de hai unha década

O director do CGAC, Santiago Olmo, ensina a Feijóo o depósito de fondos do museo Dominio Público Xunta de Galicia

“Fraga era así como parece que era, pero díxome: 'Temos que pór a Galicia no mapa, e iso teno que facer vostede desde a súa condición de conselleiro de Cultura'”. Así lembra Daniel Barata, titular desa área no primeiro goberno de Manuel Fraga, a orde xenérica que este lle deu a el e aos seus compañeiros de executivo ao chegar ao cargo en 1990 e que no seu caso concretouse, entre outros feitos, na inauguración en 1993 do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) como xeito de “favorecer a entrada de Galicia no circuíto artístico internacional”, segundo declara a propia institución.

O museo celebra o seu aniversario lembrando a xénese do proxecto de Álvaro Siza durante o primeiro mandato de Manuel Fraga e reclamando máis apoio político

Este xoves Barata foi un dos protagonistas do acto co que se celebrou o 25 aniversario do CGAC, no que o seu director, Santiago Olmo, volveu pedir ante o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apoio económico para manter un dos sinais de identidade do centro, a adquisición de novas obras para o seu fondo. Porque se o orzamento de funcionamento xeral do CGAC caeu á metade coa crise (era de 1,6 millóns de euros ao ano ata 2010 e ronda os 750.000 euros desde 2013), a partida concreta para a adquisición de obras reduciuse a unha sexta parte (era duns 600.000 euros ata 2010 mentres que na actualidade é de 100.000 euros ao ano). Unha das xustificacións que se ofreceu durante a visita que Feijóo e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, realizaron ao depósito do CGAC foi a da revalorización hoxe acadada por numerosas das obras adquiridas no seu momento, que se poden considerar como un investimento exitoso.

O director do CGAC, en primeiro termo, ensina a Feijóo os fondos do centro Dominio Público Praza Pública

Durante a súa intervención, Barata lembrou algunhas anécdotas do proceso de construción do CGAC, unha das obras máis recoñecidas internacionalmente do arquitecto portugués Álvaro Siza. Segundo o daquela conselleiro de Cultura, Siza quería que as liñas modernas do seu edificio se camuflasen o antes posible coa contorna histórica de Santiago na que irrompía, polo que pediu un tipo de granito italiano cuxa cor se asemellaría máis ás pedras dos edificios circundantes. Barata negouse, dixo, porque entendía que en Galicia hai pedra dabondo como para ter que importala e só sería necesario esperar algúns anos máis mentres o seu proceso de envellecemento natural a asemellase á cor dos edificios veciños. “En 25 anos aínda non está, pero estará noutros 25”, bromeou.

Feijóo incidiu na importancia que o núcleo expositivo no centro de Santiago que forman o CGAC e o Museo do Pobo Galego terá de cara ao Xacobeo 2021

Pola súa banda, Feijóo salientou na súa intervención o rendible que foi o custo que no seu momento tivo o CGAC, de entre “500 e 700 millóns de pesetas”, de 3 a 4 millóns de euros daquel momento, que contrapuxo co feito de que esa mesma cantidade será a que custe agora a prevista ampliación nuns 800 metros cadrados do veciño Museo do Pobo Galego para acoller unha nova sección de historia contemporánea e autonómica. O presidente incidiu na importancia que o núcleo expositivo no centro de Santiago que forman os dous museos terá de cara ao Xacobeo 2021, cuxo tirón turístico está a converter Feijóo nunha das principais liñas de actuación do seu agora renovado Goberno para os dous anos que lle restan de mandato.

Feijóo intervén no aniversario do CGAC acompañado polo seu director, a concelleira de Cultura de Santiago, o conselleiro e Daniel Barata Dominio Público Xunta de Galicia

Sobre a propia función do CGAC, o presidente salientou que “máis alá da condición efémera dunha parte da produción contemporánea, a arte de hoxe é o patrimonio de mañá e, en consecuencia, temos o deber de impulsala, apoiala e conservala”. Feijóo tamén salientou a importancia que supuxo no seu momento a iniciativa de crear o CGAC, para o que pediu desbotar a idea ou sensación de que “a Historia ás veces pénsase que empeza cun mesmo”. O presidente lembrou a primeira exposición coa que abriu as súas portas o CGAC en 1993, unha mostra sobre “a artista viveirense Maruja Torres”, dixo, trabucando o apelido da pintora surrealista Maruja Mallo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.