O peche do MAC na Coruña acrecenta a crise dos espazos de arte contemporánea en Galicia

Fachada do MAC, antigo MACUF © Fundación Naturgy

O Museo de Arte Contemporánea (MAC) da Coruña (anteriormente coñecido como Macuf, Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa) pechará as súas portas proximamente. O centro, propiedade da Fundación Naturgy (antiga Gas Natural) finalizará as súas actividades o vindeiro 30 de decembro, ficando a cidade sen un dos seus principais espazos culturais, que abriu as súas portas no ano 1995. Naturgy semella estar reformulando a acción da súa fundación, abandonando a súa actividade museística e cultural e centrándose na "acción social". De feito, tamén o Museu del Gas de Sabadell podería pechar as súas portas.

O MAC mantiña unha importante actividade, acollendo varias exposicións cada ano, así como concertos, cursos e obradoiros, ademais de actividades infantís e convocatorias (residencias, bolsas...). En total, dez persoas traballan no MAC, e Naturgy indica que serán destinadas a outros espazos de traballo da Fundación. Así mesmo, reúne unha valiosa colección de arte propiedade orixinalmente de Unión Fenosa, unhas 700 obras produto das bienais de arte contemporánea que a compañía eléctrica galega organizaba dende o ano 1989 e doutras adquisicións. Dando por feito o peche, está sobre a mesa o futuro desta colección, a súa integridade e a posibilidade de que fique en Galicia.  

Dende a Consellería de Cultura laméntase o peche ("non é unha boa nova", recoñece) e asegúrase que o Goberno galego está a xa a manter "conversas" con Naturgy para que a colección quede no país. O obxectivo da Xunta é que este patrimonio cultural fique en Galicia "mediante un comodato ou préstamo, por un mínimo de 25 anos e renovable polo que Naturgy mantería a propiedade e a Xunta sería a usufrutuaria", sendo recolocado nalgún dos espazos da rede museística galega. "Á vista da decisión da empresa propietaria dos fondos, a Consellería ten interese en que a colección quede en Galicia e complemente as coleccións xa existentes nos museos de arte contemporáneo, de referencia, na nosa Comunidade. A rede museística da Xunta dispón de varias opcións que poden servir de referencia e ímolas avaliar", explica.

O obxectivo da Xunta é que a colección do MAC fique en Galicia a través dun acordo de préstamo, sendo recolocada nalgún dos espazos da rede museística galega

Mentres, dende o Concello da Coruña avógase pola continuidade do museo e pola permanencia da colección na cidade. Afírmase que o Goberno municipal xa está en conversas con Naturgy para acadar este obxectivo.

 

Crise dos espazos de arte contemporánea

O peche do MAC engádese á situación de crise que están a vivir outros espazos de arte contemporánea en Galicia, comezando polo MARCO de Vigo, que veu reducido notablemente o seu orzamento nos últimos anos e que vai sumar 12 meses sen Dirección (en novembro de 2017 abandonou o cargo Iñaki Martínez Antelo). O MARCO, ademais, podería ser de ser un centro de arte contemporánea para acoller todo tipo de mostras, segundo anticipou en varias ocasións o alcalde Abel Caballero.

De igual xeito, o pasado mes de setembro o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) celebrou o seu 25 aniversario cun orzamento que quedou reducido á metade: era de 1,6 millóns de euros ao ano ata 2010 e ronda os 750.000 euros desde 2013. Ademais, a partida concreta para a adquisición de obras ficou nunha sexta parte (era duns 600.000 euros ata 2010 mentres que na actualidade é de 100.000 euros ao ano).

Hai uns meses, preguntado pola situación de incerteza que estaba a vivir o MARCO, o artista Antón Patiño reclamaba un maior esforzo para que Galicia avanzase "nas claves da contemporaneidade". "Galiza ten un relativo atraso no eido do mundo da imaxe, das artes. Sempre estivemos moi mergullados no mundo literario mais excluíndo ás vangardas. Temos que dar o salto do século XIX ao XXI", dicía. De igual xeito, a finada Berta Cáccamo reivindicaba unha idea de muse "non como contedor unicamente, senón como centro de investigación, e de cultura, e de debate e de intercambio de ideas".

Outros centros artísticos galegos, coma o MARCO vigués ou o CGAC compostelán reduciron nos últimos anos o seu orzamento e programación

Así mesmo, Agar Ledo, ex-responsable de exposicións do museo vigués destacaba que "a situación do MARCO o que fai é amosar a enorme fraxilidade das estruturas culturais". "As nosas estruturas culturais cando nacen, fano de forma moi precaria. Faise un investimento moi forte en aparencia, nos edificios, pero ese investimento non se aplica á parte fundamental de todo museo, que é o capital humano, que é o que vai producir os contidos", lembraba, concluíndo que "en lugar de crear ese coñecemento dende dentro, optamos por alugalo fóra, subcontratando os servizos e as producións". "Se nós non producimos a nosa propia historia, se non contamos os nosos relatos, non nos imos sentir representados por eles", engadía.

 

O MAC acolleu ata a semana pasada a mostra 'Historietas do Tebeo' © Fundación Naturgy
Interior do MAC © Fundación Naturgy
O MAC acollía tamén concertos, obradoiros e cursos © Fundación Naturgy
Os concertos didácticos e as actividades infantís formaban tamén parte da programación habitual do MAC © Fundación Naturgy

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.