"Vivimos nuns tempos nos que hai unha falta de valores; recuperar a Manuel María é recuperar valores democráticos, o amor á terra e a defensa da lingua. Se non coñecemos a nosa tradición e as nosas orixes, tampouco entenderemos a Manuel María". Con estas palabras, Uxía Senlle reivindicou a figura do poeta da Terra Chá, que será homenaxeado unha vez máis na Coruña, na presentación dunha nova edición de Lúas de Outono, onde a cantante presentará o seu novo traballo, Andando a Terra, no que canta poemas do literato e onde tamén verá a luz o documental Danza do poema emocionado, nun acto aberto á cidadanía e de entrada gratuíta que se celebrará o vindeiro xoves a partir das 20.30 no Teatro Colón.
O traballo de Uxía tenta amosar todas as facetas de Manuel María, "a de labrego e a de home reivindicativo que amaba a terra e o país"
Será, como lembra Uxía, a oportunidade de darlle "un novo agasallo" a Manuel María porque, di, "non hai mellor presente que que vaia medrando a súa obra". A cantante galega, que participa por terceira vez nesta homenaxe anual ao poeta, do que se cumpren oito anos da súa morte, presentará un novo traballo no que canta doce poemas do autor chairego, entre os que se inclúen algúns tan coñecidos e musicados como A Fala, O Carro ou Manual do Señorito. "En todos eles intentei mostrar todas as súas facetas: a de labrego, a do home reivindicativo, así como o seu amor á terra e ao país", destaca.
"Queremos que Manuel María sexa memoria viva, queremos telo presente entre nós; a súa palabra ten absoluta vixencia"
"Queremos que Manuel María sexa memoria viva, queremos telo presente entre nós; a súa palabra ten absoluta vixencia e ten , como el dicía, fundamento de soños e semente de ilusión", engadiu Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, e que destaca a intención de que Lúas de Outono permita "que a sociedade coñeza e goce da palabra viva do poeta".
Na homenaxe tamén se presentará o documental Danza do poema emocionado, de Anxa González Refoxo, baseado en dous libros de poesía infantil do autor (Os soños da gaiola e As rúas do vento ceibe). A obra pretende "non traizoar o escritor e ser fiel á realación que intetna crear cos nenos galegos", explica a guionista, que explica que o propósito do autor non era outro que "espallar o amor a Galiza". Nesta obra, de entre 10 e 12 minutos, mestúrase a danza, a música e a poesía, nun filme no que participan membros do Centro Coreográfico Galego e unha prometedora actriz de tan só once anos.
"Non é para nada simple malia que as obras fosen dedicadas ao público infantil", di Refoxo sobre un documental no que se fixo unha escolma de varios poemas que "se trataron integramente" para manter a esencia da inteción de Manuel María e o seu amor por un país que percorreu "parroquia a parroquia e vila a vila", como lembrou Alberte Ansede.
A viúva de Manuel María denuncia que o Concello da Coruña non lle cedeu á Fundación o Teatro Rosalía de Castro
Saleta Goy, viúva de Manuel María e presidenta da Fundación, agradeceu á vicepresidencia da Deputación da Coruña a cesión do Teatro Colón para a celebración da homenaxe, pero censurou a actitude do Concello da Coruña por non ceder o Teatro Rosalía de Castro, dedicado á poetisa que "era o símbolo insustituíbel para Manuel María e para nós mesmos".
A entrada é de balde e os billetes poderanse adquirir no Colón desde dúas horas antes do comezo da homenaxe
"Denegáronnos o Teatro Rosalía", advertiu Goy, que fixo unha "petición" á Concellería de Cultura do Concello coruñés para que en futuras edicións se permitise o uso dun espazo onde adoitaba levarse a cabo Lúas de Outono. A homenaxe terá lugar o vindeiro xoves a partir das 20.30 horas no Teatro Colón e a entrada será de balde até completar o aforo. Os billetes poderán adquirirse desde dúas horas antes nas taquillas do propio teatro.