Antes de coller o lapis dixital, Antonio Seijas lava as mans de xeito concienciudo. Faino pero “non chega a categoría de manía”, calcula. O debuxante acostuma a traballar na escuridade. Aínda no verán, pecha as persianas e acende o flexo. Ás veces prende candeas. E neste ambiente converteu a novela Cartas de inverno (Xerais) de Agustín Fernández Paz en banda deseñada. Atrapou o clima e pasou a alma dos personaxes a trazos tanxibles: Tareixa, Adrián, Xabier Louzao. Durante todo este tempo, cadaquén puxéralles a faciana que a subxectividade lles brindou, agora Seijas quixo amosalos a través das súas propias sensacións. Como calquera lector. “Non deixa de ser a miña visión da novela”, asegura o debuxante. Unha visión persoal. E así o entende tamén Fernández Paz que considera que “o lector dunha novela ten que recrear o mundo que o autor tenta transmitir a través das palabras”. “A de Seijas é unha creación que toma a miña como punto de partida, mais que ten unha existencia autónoma. Paréceme moi ben que sexa así”, di o escritor.
As orixes do proxecto agroman cando Seijas recibe o encargo de Xerais de ilustrar a cuberta para a vixésima edición de Cartas de inverno
As orixes do proxecto agroman cando Seijas recibe o encargo de Xerais de ilustrar a cuberta para a vixésima edición de Cartas de inverno. “Dende o primeiro intre saltoume a idea de debuxala. Cativoume a súa ambientación, a súa estrutura a xeito de matrioskas rusas, a historia dentro da historia... É unha obra redonda”. Logo, en 2007, Antonio gaña o Premio Castelao de Banda Deseñada co seu Un hombre feliz e, ao ano seguinte coincide co escritor no xurado. Falaron daquela portada, e Seijas reactivou as ganas. A produción arranca en 2009 co apoio “ilusionado do propio autor da novela e Manuel Bragado, editor de Xerais”, apunta o debuxante.
Durante todo o proceso creativo, Seijas apostou por non despistar ao lector do fío esencial do texto, “era preciso facer unha adaptación o máis fiel posible, non apartar aos lectores do camiño”. El era consciente de que a complexidade residía na propia estrutura, no seu esquema epistolar, porque “non é doado debuxar unha carta sen que perda o seu celme”. Está claro que o libro non está pensado coma un guión e así o indica o propio Fernández Paz que aínda que é consciente de que a súa afección “apaixonada” pola banda deseñada pode contaxiar ao texto, asegura que nunca o contemplou así.
A novela de Agustín Fernández Paz leva tempo sendo un clásico da narrativa galega contemporánea. Será por isto que estamos afortunadamente condenados a atoparnos con ela para sempre. Dá igual o formato
Toda a interpretación é responsabilidade da lectura do debuxante: o contorneo da ficción, o traslado da atmosfera. Preocupáballe non deixar escapar as sensacións. “Dáme un pouco o mesmo se unha man está máis ou menos perfilada ou se unha liña non vai tan recta como debera. O que precisaba é que unha páxina transmitira tristura ou desacougo, frialdade ou soidade...”. El quería repartir emocións a través das imaxes e non é doado. “Non é o mesmo a linguaxe escrita que a linguaxe verboicónica propia da banda deseñada –sinala Fernández Paz-. E, aínda que nos textos Seijas vai moi pegado á novela, reproducindo en moitos casos anacos textuais, o certo é que as imaxes e a montaxe da páxina xogan un papel decisivo”. De feito, no limiar do álbum, feito polo propio escritor, dísenos que o resultado era ese que Seijas buscaba: “A tensión creada coas palabras trasládase ás imaxes e á montaxe das viñetas. Os estados de ánimo atopan a súa correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor”.
O escritor anuncia que unha “pequena produtora galega está a traballar para levala ao cine”
A novela de Agustín Fernández Paz leva tempo sendo un clásico da narrativa galega contemporánea. Será por isto que estamos afortunadamente condenados a atoparnos con ela para sempre. Dá igual o formato. De feito o escritor anuncia que unha “pequena produtora galega está a traballar para levala ao cine”. “E a min paréceme ben”, conclúe. Mais polo de agora toca deixarse atrapar de novo pola atmosfera de Cartas de Inverno baixo os trazos do lapis dixital que Antonio Seijas acostuma a manexar “coas mans limpas coma un cirurxán”, como quen manipula un bisturí.