"Ao final, dúas persoas que representaban ideas tan contrapostas acabábanse atopando". Con esta reflexión comezou o galego Manuel Fernández-Valdés a argallar o documental Fraga y Fidel, sin embargo. Presentado onte en Pontevedra,, recolle a intensa visita de dous días que en 1992 realizou o daquela líder cubano a Galicia para visitar a casa na que nacera seu pai en Láncara (Lugo), unha viaxe que tivo "pouco de oficial e diplomática" e que acabou por converterse "nunha festa, pero unha festa televisada".
O documental reflexiona sobre o achegamento persoal de dous políticos de ideas antagónicas
A fita reflexiona sobre o achegamento persoal de dous políticos con ideas antagónicas, sobre o esvaecemento das diferenzas entre dous homes que acabaron recoñecéndose na mesma figura do fillo de galego emigrante e na súa peculiar personalidade. "A partir desa idea, moi acoutada en dous días de viaxe, parecíame que se podía reflexionar sobre a relación que mantén a sociedade co poder e sobre a realidade de dúas ideoloxías enfrontadas, e fracasadas, representadas nestes dous personaxes", asegura o pontevedrés Fernández-Valdés, que colleu a idea do documental a partir dun artigo sobre aquel encontro do xornalista galego Manuel Jabois.
"A visita tivo pouco de oficial ou diplomática; foi unha festa televisada e folclórica", di o director
O filme recolle declaracións de varios dos protagonistas que viviron de perto aquela viaxe de Fidel Castro, desde dirixentes da Xunta, ata veciños e familiares do líder cubano, pasando por traballadores do hotel onde se hospedou ou camareiros que o atenderon. Entre uns e outros descúbrese o carácter "folclórico" dunha visita que "tivo pouco de oficial ou diplomática". "A política quedou en nada", recorda Fernández-Valdés, que repara na "tristeza" que supuxo aquela festa retransmitida pola televisión, pero que tamén destaca "o positivo" dun encontro no que "dous líderes políticos se están emendando a si mesmos". "Acábanse atopando para que todos rematemos por pensar que se cadra as ideas políticas non separan tanto o ser humano", engade.
Porque é ben certo que aquilo tivo pouco (ou ningún) resultado, máis aló das múltiples anécdotas, algunhas surrealistas, que arrodearon unha axenda chea de homenaxes e celebracións preparada por Manuel Fraga, fillo de emigrantes e nado en Cuba. O ex presidente da Xunta plantexouno así, como unha festa continua.
"O humor estivo presente... Non facía falta moito pola mestura de Caribe, polbo, gaitas, queimada ou salsa"
"Foi un momento no que o humor estivo moi presente, ao igual que unha chea de anécdotas e detalles curiosos", reflexiona o director, que advirte de que "tampouco facía falta forzar moito a situación". "Houbo unha mestura de Caribe, polbo, gaitas, queimada, dominó, salsa... Iso foi dabondo", destaca.
Entre aquel surrealista ambiente, aparecen tamén múltiples personaxes, como aquela curmá de Fidel doída porque o líder cubano visitou unha parte da familia, pero non a súa, ou o daquela muller que aínda garda a taza onde lle serviu café ao antigo revolucionario. "Converteuse nun visitante célebre co que cada un dos veciños quería ter os seus cinco minutos", asegura. De diplomacia, nada.
"O documental convida tamén á reflexión de ata que punto os líderes políticos teñen dereito a viaxar desa maneira ou decidir que durante 48 horas deixan de ser representantes institucionais para gozar de festas e bailes ante todo o mundo", engade Fernández-Valdés, que xunto ao seu equipo pasou un ano debullando todo o material xornalístico e de imaxes sobre aquel xa mítico encontro.
Logo de debutar coa longametraxe Manuel y Elisa, Manuel Fernández-Valdés, máster en Documental de Creación da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, aborda agora o documental con estas dúas históricas figuras. Fraga y Fidel, sin embargo, foi seleccionado o ano pasado para optar á Caracola de Alcances á mellor película documental na sección oficial da 44ª Mostra Cinematográfica do Atlántico, organizada polo Concello de Cádiza. A súa produción corre a cargo de Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Bambú Producciones, con Raimundo Riestra como axudante, Carlos Vásquez e Enrique Baró como cámaras, encargándose da montaxe Fernando Carmena, do son Juan J. Gay e do desenvolvemento, Fernando Carmena e Santiago Brey.