O acordo adoptado polo Parlamento para paralizar definitivamente as obras dos dous edificios pendentes no Gaiás colleu por sorpresa a maioría. Tamén ao BNG, impulsor dunha moción que foi aprobada polos populares malia que tan só uns minutos antes desde as súas bancadas chovían as críticas ás denuncias feitas pola oposición ou á xestión que do Gaiás fixera o Goberno bipartito.
Doce anos máis tarde e 300 millóns de euros despois (oito anos máis dos previstos e case 200 millóns extras de gasto), a Xunta optará por deter unhas obras que foron adxudicadas cando Alberto Núñez Feijóo era vicepresidente do Goberno galego e responsable de Obras Públicas. Agora, como xefe do Executivo, propón unha reviravolta máis para dar outra marcha atrás nun proxecto ao que non sé é difícil atoparlle usos, senón tamén explicación.
Feijóo era vicepresidente no Goberno de Fraga que, en funcións, adxudicou os edificios que agora se paralizan
Foi en 2005, co Goberno de Fraga xa en funcións, cando o Consello da Xunta comprometeu a contratación dos dous edificios que acaban de ser descartados para sempre. Sendo Feijóo segundo e home forte daquel último Executivo de Don Manuel, aprobouse unha adxudicación que non só foi polémica polo que supoñía, senón polas cláusulas millonarias que se incluían para evitar que o novo Goberno progresista frease as infraestruturas. De feito, o bipartito non deu atopado solución a un macrocomplexo ao que procurou novos usos e ao que incluso alguén chegou a pensar na súa destrución. Pero a crise aínda non aterrara con forza e o que xa era un escándalo millonario non o foi tanto en plena bonanza económica.
Coa volta do PP ao poder, Núñez Feijóo non só non cambiou de rumbo, senón que insistiu unha e outra vez en que a Cidade da Cultura sería rematada porque era "unha obra clave para finalizar o Camiño". Así o asegurou ás poucas semanas de chegar a Monte Pío, asumindo incluso as promesas do ex conselleiro Pérez Varela, o mesmo que comprometeu a finalización de todos os edificios proxectados por Eisenman. "Galicia terá dous iconos: a Catedral de Santiago e o Gaiás", dixo en maio de 2009.
Ao chegar ao poder, Feijóo prometeu rematar o Gaiás por ser "unha obra clave para finalizar o Camiño"
Pero a Cidade da Cultura seguía sendo un comecartos sen moito sentido, unha enorme infraestrutura na que se dilapidaban euros e máis euros. En outono de 2011, meses despois da inauguración do complexo, a Xunta decide suspender temporalmente as obras pendentes do Centro de Música e Artes Escénicas e do Centro de Arte Internacional. Un acordo que permitía aforrar case 80 millóns de euros e do que Feijóo presumiu, destacando a renuncia á indemnización por parte das empresas. Pero era unha paralización momentánea que se volvería meditar en 2014.
"Non me sinto especialmente orgulloso de contratar edificios estando en funcións", recoñeceu o presidente seis anos despois da polémica adxudicación
Rectificouse a si mesmo Feijóo, que non só daba marcha atrás no futuro do Gaiás, senón que asumía o erro do anterior goberno conservador por unha adxudicación que agora lle provocaba a el as dores de cabeza. "Non me sinto especialmente orgulloso de contratar edificios estando en funcións", recoñecía tras decidir a paralización dunhas obras que o Executivo onde el era vicepresidente comprometera seis anos antes. A ausencia de Manuel Fraga, daquela xa no Senado, fixo agromar as críticas que en 2005 ninguén se atrevera a manifestar.
Pero o Gaiás seguía e segue consumindo cartos públicos. Nos Orzamentos para este ano 2013 as partidas culturais suman un total de 61,3 millóns de euros. Deste orzamento saen as transferencias que o Goberno galego lle realiza á Fundación Cidade da Cultura, sostén económico principal do complexo, e que son, entre subvencións de capital e subvencións á explotación, de 10,4 millóns de euros. En resumo, 16 de cada 100 euros do orzamento cultural quedan nunha macroinfraestrutura escasa de visitas e de utilidade malia os esforzos da Xunta. Mantela aberta custa case 9.000 euros ao día.
16 de cada 100 euros do orzamento cultural galego van parar á Cidade da Cultura, cuxa apertura diaria supón 9.000 euros ao día
Pero aforrar, afórrase. Segundo os cálculos oficiais, a hipotética execución dos dous edificios agora paralizados suporían 175 millóns de euros para as arcas públicas da Xunta, que agora terá que negociar coas empresas construtoras a cancelación dos contratos. O PSdeG, que se abstivo na votación que insta a deter as obras, advirte de que o pago destas indemnizacións suporán 18 millóns, aínda que o Executivo baixa o prezo ata uns 5 millóns de euros. O lastre é menos, pero soltalo costou doce anos e case 300 millóns de euros. E o que queda por pagar.