Catro inéditos de Rosalía, un achado histórico que deita máis luz sobre a súa obra

Manuscrito inédito dun poema en galego de Rosalía © RAG

"É un día grande para o rosalianismo universal". Con esta frase, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, deu conta da importancia que a descuberta supoñía. A insititución presentou este xoves na súa sede novos textos manuscritos inéditos de Rosalía de Castro: un poema en galego da súa primeira etapa poética, así como varias pezas manuscritas en castelán máis dos seus derradeiros anos, das que dalgunha se tira formarían parte dunha obra que non acabou de de ver luz, Postrimerías. Un achado "valiosísimo" que non será un epílogo, senón, tal e como recoñeceu a RAG, o comezo duns descubrimentos que poderían rematar nun "acontecemento maiúsculo": a posible aparición de Historia de mi abuelo, un libro homenaxe que desaparecera tras o falecemento da autora.

A RAG destaca o "valiosísimo" conxunto achado, que deita máis luz sobre a obra de Rosalía de Castro

A descuberta dos novos textos correu a cargo do profesor -e secretario da RAG- Henrique Monteagudo e da profesora María Xesús Lama, que interveu no acto a través de vídeoconferencia tras un problema coa conexión aérea, e aos que acompañou Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. Todos destacaron o "valiosísimo" dun conxunto de achado que coincidiu coa celebración durante o pasado ano do sesquicentenario da publicación de Cantares Gallegos.

"Parecía difícil pensar que aparecerían textos inéditos", recoñeceu Monteagudo, que explicou que a descuberta chegou durante o traballo que el mesmo, xunta a Lama, facía para publicar un álbum rosaliano que recollese pezas manuscritas da autora. Foi durante esa recollida cando se atoparon os manuscritos inéditos, no seu caso un poema en galego que fora depositado xunto con outros da autora no Arquivo Municipal da Coruña polas propias fillas de Rosalía e a petición do que era alcalde da Coruña, e despois presidente da RAG, Manuel Casás, a mediados dos anos 20.

O poema en galego fora depositado no Arquivo Municipal da Coruña pero pasou desapercibido para Murguía e para diversos estudosos

"O texto é probablemente un esbozo en dezaseis versos dun poema máis extenso, que polo seu feitío recorda aos publicados en Cantares Gallegos", explicou o secretario da Academia, que sitúa a data aproximada da escrita na década de 1860 e que destaca a importancia da descuberta ao reparar no feito de que os últimos manuscritos galegos inéditos de Rosalía datan de 1953. "Era descoñecido e este folio pasou desapercibido para o propio Murguía e tamén para os estudosos deste fondo", engade Monteagudo sobre un poema (Dinche o corazón na man) que lembra a pezas dos Cantares, aínda que non é un cantar popular, e que é un diálogo entre dous namorados.

Tamén presentou a outra descuberta a profesora da Universidade de Barcelona, María Xesús Lama, que fixo unha análise sobre os inéditos en castelán que estaban custodiados no propio Arquivo da RAG, dentro nunha serie que fora maioritariamente publicada xa no seu libro En las orillas del Sar. Pero sendo todo o conxunto de interese considerable, tanto pols variantes das versións publicadas como polo estudo grafolóxico, "é o último manuscrito o que chama a atención polo extraordinario valor da información que ofrece ese encabezamento e a nova persepctiva que deita sobre as poesías finais engadidas por Murguía ao preparar a segunda edición de En las orillas del Sar".

Un dos poemas en castelán descubertos revelan a intención de Rosalía de publicar Postrimerías, da que tiña conciencia de que sería a súa última obra

Segundo Lama, o poema agora recollido demostra a intención de Rosalía de publicar unha nova obra, xa que formaría parte dun proxecto para un novo libro. Porque no propio manuscrito pódese ver o título da futura obra, Postrimerías, que "delataba a conciencia da autora de que sería o derradeiro". É  un poema "terriblemente funesto, tétrico e arrepiante", como lembrou Monteagudo.

A profesora María Xesús Lama engadiu que o achado deste poema que formaría parte da última obra de Rosalía fai que "cobre sentido" aquela frase que se lle atribúe a Murguía e que lle tería dito ás fillas cando, por vontade da autora, decidiron queimar os seus manuscritos: "Habéis quemado la gloria de ella y la fortuna vuestra". "Seguramente, tiña miotos máis poemas para este libro, pero decidiu destruílos", engadiu a profesora.

"Seguramente, tiña miotos máis poemas para este libro, pero decidiu destruílos", di María Xesús Lama sobre Postrimerías

Para o presidente da Fundación Rosalía de Castro, todos estes textos "son unha contribución moi valiosa, un ramo excepcional ao ano do sesquicentenario da publicación de Cantares Gallegos, que supuxo unha verdadeira treboada rosaliana, cunha multitude de actos ao longo de todo o país que amosa que o proxecto de Rosalía para Galicia segue vixente".

Alonso Montero advirte da próxima aparición de Historia de mi abuelo, unha obra desaparecida de Rosalía que podería estar nas mans dunha familia compostelá

Pero non serán as últimas descubertas. Así o advertiu Xesús Alonso Montero, que asegura que "sen dúbida aparecerán algúns inéditos máis" e que avanzou que a RAG está a piques de confirmar o achado dun libro perdido de Rosalía de Castro, que se sabe que foi escrito pero que nunca apareceu. Trataríase, "probablemente", de Historia de mi abuelo, unha obra de homenaxe ao seu avó e que foi un dos manuscritos que desapareceu ao morrer a autora. "Sería  un acontecemento maiúsculo e de moita máis magnitude aínda", aclarou o presidente da Academia, que avanzou tamén que o ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, tamén puxo nas mans da institución "textos rosalianos moi importantes" que serían presentados no futuro.

Manuscrito inédito dun poema en galego de Rosalía © RAG
Anxo Angueira, Alonso Montero e Monteagudo, na presentación dos textos inéditos de Rosalía © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.