0 Gardados para despois

"Se a enfermidade de Rosalía fose máis lenta, hoxe teriamos un libro máis dela"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A profesora da Universitat de Barcelona María Xesús Lama foi unha das investigadoras que participou no último achado de manuscritos inéditos de Rosalía de Castro. A Real Academia Galega (RAG) presentou hai unha semana un poema en galego e tres en castelán, unha descuberta "valiosísima" que indica que a escritora preparaba pouco antes da súa morte Postrimerías, o seu último libro. Son estes textos en español os que analizou Lama, que cualifica de "extraordinaria" a información que sobre a última etapa literaria da autora nos ofrecen estes escritos.

Como atopou eses inéditos?

Atopeinos percorrendo os arquivos. Fun ao da RAG para ver o que alí había e ensináronme unha carpeta cunha serie de materiais. O que me parecía interesante recibino en arquivo dixital, xa en 2012. A Academia ten o proxecto de facer un álbum cos manuscritos de Rosalía, revisaron todo o que alí tiñan e Henrique Monteagudo atopou tamén estes materiais e veu que había alí unha solicitude miña para dalos a coñecer e, respectando este proceso, chamoume para participar na presentación porque era un material que eu xa tiña traballado.

"Non se espera que haxa moitos máis inéditos de Rosalía; algo pode aparecer, pero non se agarda"

Agárdase que se atope algún inédito máis?

Non se espera que haxa moitos máis. Algunha cousa máis pode aparecer, pero non se agardan moitos máis materiais inéditos por iso de que Rosalía mandou queimar as súas obras ao morrer.

Como de importante é este achado?

A importancia é a de ver que ela tiña un proxecto dun libro novo, máis aló de que atopemos dous ou tres poemas máis. O que é un milagre é que, igual que se retallaron noutros manuscritos outras partes, non se tivese retallado aquel pedaciño onde pon “del tomo inédito Postrimerías”. Se fose retallado, non teriamos esa noticia. Serían tres poemiñas máis, algún fragmentario, e aínda por riba non saberiamos que formban parte dun libro novo. É algo extraordinario porque Rosalía publica o seu último libro en 1884 e morre en 1885, polo que todos tiñamos máis ou menos claro que todo o que escribira ao final o recompilara en En las orillas del Sar.

"O importante do achado é comprobar que Rosalía preparaba un libro novo, algo extraordinario co que non se contaba"

Cambia o concepto que se tiña do seu final literario...

O que isto nos dá é unha noticia de que ela seguía escribindo e non só iso, senón que tiña o proxecto de acabar un volume. Se a enfermidade chegase a ser máis lenta, seguramente chegaría a haber un libro de poemas máis e creo que isto é o importante da descuberta.

Os poemas foron cualificados na súa presentación como "terríbeis" ou "funestos".

Isto se cadra temos que relativizalo porque o dixemos dunha maneira moi contundente. É certo que son versos descarnados, pero non moito máis que outros que coñecemos e que xa están publicados en En las orillas del Sar ou incluso en Follas Novas. Xa hai alí poemas moi contundentes no escepticismo vital. Estes tres descoñecidos están nesa liña basicamente, e tampouco é que acheguen nese aspecto unha gran novidade.

"Pode que outros poemas que apareceron soltos formasen parte do que conformarían esta última obra, pero iso haberá que dilucidalo"

É posible que aparezan máis poemas dese Postrimerías?

É moi difícil. O que si nos serve isto é para recompoñer, entender e dar coherencia a outros poemas soltos que hai, ademais dos que Murguía introduciu na segunda edición de En las orillas del Sar. Seguramente formarían unha unidade nese libro con outros poemas que xa se atoparon en publicacións soltas. Pode que algúns poemas que apareceron soltos nalgunha publicación, datados nos últimos anos da súa vida, e que non se incluíron en En las orillas del Sar, están na liña que conformaría ese último volume, pero iso terémolo que ir dilucidando con calma.

Por que Rosalía mandou queimar o que quedaba da súa obra?

Iso non o saberemos nunca. Pertence aos misterios insondables. Era unha persoa moi independente e cun criterio moi claro e moi firme. Debía ter unha boa razón para facelo. Non a saberemos nunca e teremos que respectala.

O presidente da RAG anunciou a posibilidade de atopar unha obra inédita de Rosalía, Historias de mi abuelo, que estaría en mans dunha familia de Compostela.

Non teño nin idea de se é ou non probable que apareza ese manuscrito. Agardo que, se é verdade que hai unha familia que o ten, que se confirme, pero non sei se o dato é fiable ou ata que punto está comprobada a existencia dese manuscrito. Rosalía anunciou que estaba escribindo esta obra nunha notiña de Cantares Gallegos, pero moitas veces os escritores anuncian obras que logo non se fan realidade. Antes de que Alonso Montero anunciase isto, máis ben tendía a pensar que o probable é que non o tivese escrito nunca, pero a vida dános moitas sorpresas e oxalá esta sexa unha delas.

"Atopar 'Historias de mi abuelo' claro que sería un acontecemento maiúsculo porque ademais sería un xénero diferente aos que Rosalía cultivou"

Sería un "acontecemento maiúsculo" como o definiu Alonso Montero?

Claro que sería un acontecemento maiúsculo. É un libro completo de Rosalía, pero ademais sería unha obra que pertence a un xénero diferente, que non é nin poesía nin prosa, que é o que maioritariamente escribiu, senón un libro de crónicas, de memorias... Sería moi, moi importante. Sería probablemente un testemuño sobre a súa historia familiar e do século XIX a partir da súa crónica familiar porque o seu avó foi militar. Sería moi interesante, por suposto.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.