"Manter o labor de Benito Losada a prol da cultura en Ourense é un deber cidadán"

Exposición nunha das edicións anteriores das Xornadas © manuel bartual

Durante as últimas tres décadas as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense situaron esta cidade como un referente a nivel galego e español no mundo do cómic. A iso contribuíu, sobre todo, o impulso que lles deron Benito Losada e outras persoas dende a Casa da Xuventude, un exemplo de promoción cultural e de xestión democrática, que se atopa en fase de desmantelamento dende o falecemento de Losada en 2011. Porén, mesmo mantendo unha actividade máis reducida, as Xornadas de BD nunca deixaron de celebrarse, e este ano chegan á súa 26ª edición, coorganizadas pola Asociación Benito Losada e a libraría Sindicato do Cómic.

De feito, os responsables do Sindicato do Cómic asumirán o vindeiro ano a organización das Xornadas, xunto con Anxo Losada, fillo de Benito Losada. O obxectivo, destaca Ricardo Rodríguez, é que recuperen a visibilidade e a actividade que tiveron durante anos: “as Xornadas tiñan moita importancia, eran unha referencia, cando menos a nivel galego, pero foron perdendo forza. Queremos que volvan ser o que eran". Rodríguez destaca igualmente que “no certame deste ano xa se presentou máis xente que o ano pasado, vese calidade”. 

“As Xornadas tiñan moita importancia, eran unha referencia, cando menos a nivel galego, pero foron perdendo forza. Queremos que volvan ser o que eran"

Xosé Lois Vázquez (Asociación Benito Losada) tamén se congratula deste relevo e afirma que "agora é responsabilidade deles, o único innegociable é o mantemento do premio Benito Losada, e seguro que van propoñer cousas moi interesantes, vai ser un impulso". Vázquez explica que “a familia de Benito e persoas próximas a el, coma eu mesmo ou Xavier Paz, adquirimos o compromiso de que, unha vez fóra da Casa da Xuventude, había que salvar, sobre todo, dúas cousas: o Outono Fotográfico e a Semana de BD".

"Non deu tempo a organizar nada antes da súa morte, pero mantivemos o compromiso. Pensamos en crear unha estrutura que nos axudase a facelo, tanto legal como moralmente, que ía ser a Fundación Benito Losada e que finalmente decidimos crear como asociación, lanzada en réxime de autoconvocatoria de amigos e colaboradores, nomeadamente da xente que viña colaborando con Benito. Durante tres anos logramos manter as Xornadas en marcha, cunha actividade mínima, e creando o Certame Benito Losada de BD", relata.

"O grande acerto de Benito é o acerto do método. Era unha persoa absolutamente creativa e desinteresada, cunha moral impecable e unha ética cidadá a proba de bombas"

Xosé Lois Vázquez enxalza o labor realizado durante anos por Benito Losada, sobre todo o impulso cultural que realizaba dende a Casa da Xuventude, e a súa forma de xestionala: "As persoas nunca traballamos soas. O grande acerto de Benito é o acerto do método. Era unha persoa absolutamente creativa e desinteresada, cunha moral impecable e unha ética cidadá a proba de bombas. Era unha persoa formada na democracia como valor, a pesar de ter crecido na ditadura, e iso aplicouno de forma estrita, con prácticas asemblearias". "Por exemplo, a Casa da Xuventude de Ourense tiña un consello reitor de  mozos e mozas, que agora xa non existe, co obxectivo de que os propios usuarios e usuarias da Casa tomasen as decisións na entidade", conta.

"Até agora manter esta actividade era xa un deber cidadán porque situaba a Ourense no mapa galego da cultura, pero agora con moita máis razón: porque todo ese sistema está sendo desmontando"

"Estamos asistindo á desmontaxe do sistema democrático. Neste momento é imprescindible que baixo ningún concepto se perdan estas ancoraxes", alerta, ao tempo que fai un chamamento a protexer as estruturas e procesos impulsados por Losada: "Manter esta actividade era xa un deber cidadán porque situaba a Ourense no mapa galego da cultura, pero agora con moita máis razón: porque todo ese sistema está sendo desmontando, estase cercenando economicamente toda a actividade cultural e atacando as vidas de millóns de persoas". "Estamos pola democracia, polos modelos abertos e por promover a cultura. Aspiramos a que o labor de Benito Losada non se perda, a que se manteña a súa memoria e a esa riqueza cultural", conclúe.

 

Un mes de actividades

As actividades dedicadas ao mundo da banda deseñada comezarán este mesmo sábado co terceiro aniversario da libraría Sindicato del Cómic

As actividades dedicadas ao mundo dos cadriños comezarán este mesmo sábado co terceiro aniversario da libraría, unha festa na que dende as 18.30 horas actuará o grupo Avecrem, o Hematocrítico del Arte presentará o seu libro homónimo e que se pechará cun combate de debuxantes, semellante ás realizadas nos últimos dous anos na Coruña.

O 10 e 11 de outubro, no Café Cultural El Pueblo terá lugar o AU/OU Autoedición Ourense, un encontro no que se autores e colectivos de banda deseñada de toda Galicia presentarán os seus traballos, fancines e creacións. Entre eles: Barbamigos, Ismael López, Porno, Cristian Fujón, Compota de Manatí, Sergio Covelo, Colectivo Gigante, Nuria Figueirido, Kike Díaz, Alfonso Rodríguez, Troquel ou Eres Tonto.

Unha semana máis tarde, o 18 de novembro, entregaranse os premios do Certame Benito Losada de BD e o Premio Ourense á mellor iniciativa do ano de banda deseñada. O Benito Losada premiou este ano a Alicia Jaraba Abellán e a Diego Blanco López, na categoría de maiores de 17 anos; e na de menores de 17 a Cristian Fojón (gañador tamén nas dúas últimas edicións), cunha mención de honra a Ismael López. O Premio Ourense recoñecerá este ano a Enrique Torreiro, que estivo moitos anos vinculado ás Xornadas. Xosé Lois Vázquez explica que Torreiro “é unha persoa nova, pero leva moitísimos ano no mundo da BD. Era a man dereita de Benito Losada na organización das xornadas. Todo o que se facía no mundo do cómic en Ourense estaba Enrique detrás; teórico, historiador e coleccionista de cómic, cunha cultura moi vasta".

O Premio Ourense recoñecerá este ano a Enrique Torreiro, que estivo moitos anos vinculado ás Xornadas

Ademais, as Xornadas inclúen, como todos os anos, varias exposicións de banda deseñada, que se poderán ver ao longo do mes de outubro. Do 17 ao 30 de outubro, na antiga Casa da Xuventude (hoxe Espazo Xove) poderase ver a mostra Purín de Ortiga, de Dani Xove. E do do 6 de outubro ao 2 de novembro, no Museo Municipal, exporanse os traballos gañadores nos certames Cómic INJUVE 2013 e Benito Losada 2013.

Cartaz da edición 2013 das Xornadas Dominio Público Praza Pública
Actividades do 'Sindicato del Cómic' no seu terceiro aniversario Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.