O Valedor lembra a ausencia de estudos que xustifiquen o cambio de uso do Castelo de Monterrei

Interior do Castelo CC-BY-SA Alfonso González

Hai unhas semanas foi o Consello da Cultura Galega o que a través dun informe cuestionou o proxecto hoteleiro defendido polo Goberno galego paea o Castelo de Monterrei. Agora é o Valedor do Pobo quen, en resposta ás queixas presentadas pola Plataforma pola Defensa do Castelo, critica algúns aspectos desta actuación, ao tempo que demanda da Xunta máis información. 

O escrito do Valedor lembra que non hai ningún estudo que xustifique o cambio de uso e que o proxecto non garante o uso cultural e conxunto do recinto

O escrito do Valedor lembra que non hai ningún estudo que xustifique o cambio de uso e que o proxecto non garante o uso cultural e conxunto do recinto: "A Axencia de Turismo non informa sobre cales son os estudos de viabilidade do cambio de uso nin os datos obxectivos polos que se avaliou a conveniencia de adicar parte dos edificios a un uso hoteleiro e, xa que logo, restritivo de calquera outra utilización", sinala. E engade que "Eses estudos deberon levarase a cabo nun tempo extremadamente breve pois con data do 25 de outubro (do 2013) o órgano de contratación xa autorizara o expediente do contrato para a redacción do novo proxecto". O texto esixe "informar sobre o procedemento seguido para avaliar a oportunidade deste cambio. Hai que poñer de manifesto que tanto a renovación construtiva como a funcional existían xa no primitivo proxecto de rehabilitación".

O Valedor destaca tamén que non hai datos obxectivos que xustifiquen que o hotel no castelo vai dinamizar a economía da comarca e pide "explicar o fundamento deste importante investimento público en estudos técnicos e económicos que acrediten o seu impacto na dinamización da comarca".

O Valedor pide "aclarar cales son as vantaxes económicas de acometer a contratación e financiar integramente a rehabilitación de parte dos inmobles para seren cedidos gratuitamente"

Incide igualmente en que a Empresa Pública Paradores, co beneplácito da Xunta, "pretende beneficiarse dunha rehabilitación acometida con fondos propios da Xunta de Galicia (o novo proxecto finánciase cos orzamentos da Axencia, ao ter que prescindir das axudas europeas), xa que a condición para modificar o uso do complexo monumental é a súa gratuidade e sen dereito a percibir ningún tipo de compensación económica pola cesión". O Valedor pide "aclarar cales son as vantaxes económicas de acometer a contratación e financiar integramente a rehabilitación de parte dos inmobles para seren cedidos gratuitamente e sen dereito a percibir ningún tipo de compensación económica pola cesión".

O texto esixe finalmente "garantir o escrupuloso respecto aos fins inicialmente autorizados (dos que se derivaba o libre acceso ao recinto e aos edificios)", o que só pode levarse a cabo -di- pola redacción dun proxecto que tome en consideración todas as cautelas e limitacións sinaladas na autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e desenvolva de forma concreta os seus usos iniciais culturais, divulgativos, etnográficos e museísticos. "Esta é a mellor proba e garantía de que o 83% da superficie edificada e a totalidade da superficie sen edificar da fortaleza será visitable", conclúe.

Interior do Castelo CC-BY-SA Alfonso González

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.