Un palmarés de Cineuropa

Fotograma de 'Mommy', de Xavier Dolan Dominio Público Praza Pública

The end. Coa entrada de decembro, o cinéfilo compostelán despide Cineuropa e encóntrase condenado a transitar o deserto que vén despois do verxel de novembro. Comeza así outro ano de seca ata a seguinte edición, unha espera que se fai máis curta cos oasis do cineclube, a promesa de Numax ou a chegada de estreas comerciais como A esmorga. En calquera caso, é momento de facer balance e celebrar o visto; o público, único xurado de Cineuropa, elixiu de xeito inequívoco The salt of the Earth como mellor filme desta edición cun 9,11 de nota media. Ademais do documental de Wim Wenders, as máis valoradas polos espectadores foron O noso último verán en Escocia (8,29) na Sección Oficial, Mommy (7,60) en Panorama Internacional e What we do in the shadows (7,68) en Fantastique Compostela.

Que Cineuropa conte co único criterio do público ten o seu lado positivo e o seu negativo, o bo é que o resultado é democrático, prácticamente unánime e o malo que sen un palmarés non temos a oportunidade de debater, aplaudir ou indignarnos co fallo do xurado. Para remediar isto, e como o exercicio da crítica non pode ser senón provocativo, propoño un palmarés ficticio, persoal e, por suposto, transferible composto por tres filmes en cada unha das seguintes categorías: película penínsular, banda sonora, fotografía, guión, director e mellor película. Un palmarés rebatible e modificable que non ten máis propósito que facer balance e achegar algún que outro motivo para non deixar de falar de cine. É un xogo, unha escusa e un convite ao lector: aquí vai un palmarés de Cineuropa.

Mellor película penínsular

Un dos compases que ofrecemos para non se perder en Cineuropa era o penínsular, dende Galicia, España e Portugal chegaban suficientes razóns para estar atento ao cine máis próximo e ante todo o visto, esas razóns nos convenceron. A maxistral dirección do portugués Pedro Costa en Cavalo dinheiro ou o humor incómodo pero necesario de Negociador, poderían levar con igual mérito o recoñecemento pero Las altas presiones de Ángel Santos deu motivos dabondo para elixila por riba das demais películas. Sendo conservador, é o mellor filme galego do ano.

Mellor banda sonora

Ou máis ben mellor momento musical, en Cineuropa puidemos ver algunhas escenas que elevan a súa dimensión a ritmo de determinados temas. É o caso de Mommy de Xavier Dolan que se vale do clásico de Oasis Wonderwall para unha secuencia clave ou dos galegos Unicornibot que aparecen nunha escena moi ben resolta de Las altas presiones. Pero se hai que elixir un momento musical, pola súa relevancia e potencia visual, ese non pode ser outro que cando soa Diamonds de Rihanna en Bande des filles.

Mellor fotografía

Entre a sutileza das sombras e a expresividade pictórica, hai un puñado de películas que iluminaron as butacas do Teatro Principal de xeito especial. Falamos dos claroescuros que dominan Cavalho dinheiro ou os magníficos planos secuencias de A pigeon sat on a branch reflecting on existence que recordan ás pinturas de Edward Hopper. Nesta liña, destaca o traballo que fai o director de fotografía Dick Pope en Mr. Turner, o biopic sobre o pintor inglés está iluminado de tal forma que as obras pictóricas se funden coa propia película nunha asemellación de artes asombrosa.

Mellor guión

Indiscutible aquí a emocionante historia que nos trouxeron os irmáns Dardenne con Deux jours, une nuit, o seu habitual compromiso social pero potenciado coa adrenalina dun cine político urxente. Ademais, entre as grandes historias que vimos non podemos deixar de citar Leviathan de Andrey Zvyagintsev, intensa e simbólica no seu retrato dunha Rusia corrupta e rural; ou de Kreuzweg, que compara a vida dunha adolescente coa de Jesucristo.

Mellor director

Podería ser Miroslav Slaboshpitsky polo salto ao baleiro que fai en The Tribe ou Xavier Dolan pola súa capacidade visual en Mommy; pero a mellor dirección non está asinada a dúas mans senón a catro: Wim Wenders e Juliano Ribeiro Salgado, responsables de The salt of the Earth. Un exemplo de como achegarse á fotografía a través do cine e polo camiño transmitir un torrente de emocións.

Mellor película

Sinalar a unha película por riba das demais nun festival como Cineuropa, con máis dunha ducia de grandes obras, é case unha temeridade. Cada espectador ten a súa favorita e aquí o interesante é debater e defender as bondades de cada elección, pero hai unha obra que este ano tocou o ceo. Rozando o cume quedan dúas películas: a rusa Leviathan que ten a prestancia e a entidade dunha obra sen fisuras e Turist que é capaz de emocionar con recursos mínimos grazas á súa lucidez e o seu enxeño. No alto, pola súa relevancia, impacto e risco: Mommy de Xavier Dolan, a obra cumio dun director que con 25 anos dinamitou os patróns da postmodernidade. Consciente de si mesmo e da súa habilidade discursiva, Dolan bombardéanos cunha historia melodramática e barroca, tanto que haberá quen se descolgue e non queira xogar con el. Quen o siga verase sorprendido polos seus recursos e a súa facilidade para alcanzar o sublime. Mommy é máis que unha gran película, é historia do cine.

Fotograma de 'Mommy', de Xavier Dolan Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.