0 Gardados para despois

A 'Tertúlia' do Barlovento, revisitada

Alfredo FerreiroAlfredo Ferreiro


Alcalá é hoxe un autor consagrado que conta cunha lista moi nutrida de premios e obras relevantes, entre as que figuran auténticos long sellers como A nosa cinza, para moitos unha das biblias escolares na hora da primeira comuñón literaria en galego, xunto coas cantigas medievais e obras do teor d' A esmorga, Os vellos non deben de namorarse, Memorias dun neno labrego, O porco de pé ou Arredor de si. Mais este profesional das telecomunicacións e da xestión de recursos europeos desde hai tempo con barbas brancas, autor pispireto de artigos de opinión e ao tempo virtuoso narrador de novela histórica ten un pasado rebuldeiro froito do seu compromiso sincero coa liberdade creativa. E Tertúlia foi o epicentro da súa burlesca crítica a un sistema literario galego nacente, sendo por iso o albo do furacán que as “vacas sagradas” que el criticaba na obra mandaron, como deusiños furiosos contra as pretensións libertarias do escritor, para que a obra, que agora será reeditada e publicada en simultáneo por Praza Pública e Palavra comum, non puidese gañar o Premio Blanco Amor, tal e como semellaba cantado para varios intervintes.

Efectivamente todo aconteceu así, como se chegou a saber por xente mais ou menos discreta e por algunha que sen ningún reparo difundiu as accións máis vergoñentas, para a súa indignidade. Ese foi o caso de Marino Dónega, membro da RAG e conselleiro de cultura no período preautonómico, quen se sentiu especialmente ofendido pola obra debido á crítica institucional que contiña, e que non parou até que sachou os tres votos que precisaba para vencer os dous sólidos votos a favor do resto do xuri. Mais a cousa non había de finalizar aí: cando mesmo os responsábeis dos suplementos literarios xa estaban a redactar que gañaba o seguinte premio, o Edicións Xerais, de novo no último momento ficou apartado. E cando finalmente o romance é publicado por Sotelo Blanco, o editor pasa a ser rixamente advertido de que se reedita a obra poderá verse sometido a unha seca de subvencións.

A obra, como en poucas semanas terá o público novo a oportunidade de comprobar, introduce temas de interese perenne, por moito que nos pese, aínda que non todos os aspectos se poderán valorar de idéntico modo hoxe que nunha época que aínda arrastraba os modos franquistas como pallas coladas ao cu. Ou si? Vexamos: a xerontocracia dos axentes culturais institucionais; as capeliñas e cadeas de favores entre próceres e recomendados do sistema literario; a asumida españolidade e a pobreza intelectual de moitos vultos da cultura; unha reflexión sobre o plaxio ou a ética do escritor; a limpeza dos premios literarios; a cuestión ortográfica, pois usa catro normativas distintas; a cuestión da tradición literaria ideal, española ou lusófona. E isto sen contar que moitas das personaxes, algunhas baseadas en famosos factótums da cultura, serán facilmente recoñecíbeis polas súas funcións no sistema, outras coñecidas por un nome similar ao real e algunhas probabelmente ficarán ocultas para a maioría nunha primeira vista de ollos, até porque se trata de mesturas de atitudes ou de persoas reais da altura.

A nova versión da obra, 'Tertúlia revisitada', será publicada en simultáneo por Praza e Palavra comum

O propio Alcalá levaba desde os 70 tomando notas sobre a vida cultural galega, e aínda así quixo aclarar que nunca pretendeu usalas para escarnecer ninguén cos datos que lle terían servido para facer corar máis de un, senón que a súa vontade era apoiarse na realidade para crear un relato burlesco que se cinguise ao gozo literario e captase o lector cunha atrevida combinación do sério e do humorístico. Mais o poder, ese poderciño que podía presionar para que unha obra incómoda ficase na berma, detida propositadamente na autoestrada que un premio prestixioso supón, actuou como de todo autoritarismo se espera: usou as súas influencias políticas e as razóns extraliterarias lograron cortar o paso a unha obra singular. Porque o poder non ten sentido do humor cando a súa autoridade resulta cuestionada, como se na súa simpleza tivese presente, como Sócrates e os bufóns de toda época defendían, que son as cousas realmente serias as que deben ser tomadas con humor, xa que carecemos da profunda seriedade que a súa natureza na verdade impón.

Mais como unha verdadeira atitude de out-sider nunca de todo se perde, agora o Alcalá está disposto a publicar unha nova versión so o título de Tertúlia revisitada. O plan de publicación inclúe ofrecer para consulta toda a batería de documentos da súa controvertida polémica, a disposición do autor para tratar estes temas e outros que foren pertinentes e a publicación dun cuestionario enviado a un grupo heteroxéneo de persoas, todo antes da publicación da obra en entregas semanais.

Se ben a obra literaria de Alcalá por regra pode atoparse en galego na Editorial Galaxia, unha parte crecente da obra traducida ao castelán está a ser divulgada en formato dixital nas máis coñecidas plataformas de venda desde un blogue específico.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.