0 Gardados para despois

Galicia recupera o tesouro prerromano de Álvaro Gil

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

O torques de Burela, o carneiro alado de Ribadeo, o torques de Riotorto, a arracada de Burela, o torques áureo da Recadieira... Son só algunhas das corenta pezas de ourivaría prerromana que este martes volveron para quedar no Museo de Lugo. Todas elas pertencían ao legado de Álvaro Gil, o enxeñeiro, naturalista e empresario que, tras ser represaliado pola súa vinculación galeguista e republicana, realizou numerosas doazóns á institución museística lucense entre os anos 50 e 80 do século pasado. A finais dos 90 comezaron as tensións entre os herdeiros de Gil e o goberno da Deputación de Lugo, daquela presidido polo popular Francisco Cacharro, unha serie de  "desencontros" que culminaron en 2013 cunha sentenza do Tribunal Supremo que lle recoñecía a familia a propiedade das pezas, as cales abandonaron automaticamente o país. Quince meses despois veñen de facer o definitivo camiño de volta.

O retorno definitivo prodúcese tras meses de negociación coa familia dende o ente lucense, representada no proceso polo seu responsable de Cultura, Mario Outeiro. O propio Outeiro, xunto ao presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e mais Carlos López Gil, en representación da familia, oficializaron o pacto coa sinatura dun contrato de compravenda a través do que a colección pasa a ser propiedade do organismo provincial. Ambas partes estamparon as súas sinaturas, asemade, nun documento no que os herdeiros declaran a súa renuncia a emprender accións legais contra a Deputación para reclamar novas cantidades ou outro tipo de medidas.

A Deputación de Lugo adquire a colección e os herdeiros de Gil renuncian a cobrar danos e prexuízos e mais a emprender novas accións legais

Así as cousas, a Deputación pon sobre a mesa 2,3 millóns de euros -importe fixado na taxación das pezas- que serán abonados anualmente ata 2018 en concepto de adquisición da colección, sobre a que está en marcha un expediente de declaración como Ben de Interese Cultural dende hai máis dun ano. Asemade, a familia recibirá "as cantidades debidas en concepto de custas e gastos xudiciais" por importe de 600.000 euros, "94.000 menos dos que se determinou xudicialmente", indica Outeiro. Asemade, a renuncia dos herdeiros a reclamar "danos e prexuízos" implica non ter que pagar 2,8 millóns de euros, "que era o que a familia tiña valorado".

A negociación

"O mundo da cultura agradecerá no futuro que tomasen esta decisión", di o representante da familia

A sinatura deste martes é o resultado dunha "negociación longa e intensa" que se estendeu durante 19 meses. "O mundo da cultura agradecerá no futuro profundamente que tomasen esta decisión", sinalou durante o acto público o representante da familia quen, subliña coa circunstancia de que "só" Outeiro e mais el "sabemos as moitas horas e reunións discretas que tivemos ao longo de todos estes meses". "Isto frutifica pola confianza que tivemos o un no outro", afirma Carlos López Gil. "Foron unhas negociacións marcadas pola boa sintonía e a total discreción", ratifica o deputado de Cultura.

Besteiro ve saldada "unha débeda histórica"

Nesta liña, Gómez Besteiro coida que o acordo implica "saldar outra débeda histórica coa provincia", comparable á culminación de "compromisos" como "o pago do canon hidroeléctrico, as transferencias sanitarias ou a construción dun centro da UNED". Esta, asegura, foi "unha causa común do goberno e da función pública da Deputación" que se desenvolveu con "discreción" pero dun xeito "transparente", toda vez que se trata "dunha adquisición pública para unha institución pública". "Priorizamos en emprego e servizos sociais, pero tamén somos quen de facer unha adquisición prioritaria para o noso patrimonio cultural", conclúe".

Que a colección teña "a importancia que merece"

Outeiro: "Recuperamos para o pobo galego un destacado tesouro"

Alén das cuestións políticas e económicas tanto Besteiro como Outeiro e a propia familia chaman a poñer o acento na importancia cultural e artística da colección. Trátase, sinala o responsable da área cultural, dunha "magnífica noticia para a cidadanía lucense" pero tamén para o conxunto de Galicia, toda vez que "recuperamos para o pobo galego un destacado tesouro", un "legado dos nosos devanceiros" que é indicativo "dun pasado vizoso dos pobos do noroeste que conformarían posteriormente a Gallaecia romana e, xa despois, o primeiro reino moderno de Europa, o Reino da Galiza".

No mesmo sentido, Carlos López Gil expresa o seu desexo de que "no futuro se lle dea" á colección "máis importancia da que aparentemente ten", toda vez que "fóra de Lugo ou de Galicia non é o coñecida que debería ser". "Agardo que se lle dea a importancia que merece", sinala o herdeiro do filántropo, porque "tería que representar para Lugo o que representa a Dama de Elche para Elche ou Las Meninas para Madrid".

Mario Outeiro explica o acordo coa familia de Álvaro Gil

CC BY-SA Praza Pública

Besteiro sinala que o retorno da colección implica saldar "unha débeda histórica"

CC BY-SA Praza Pública

Torques de Burela

Torques de Viladonga

Pulseira de Urdiñeira

Fragmento do torques de Viveiro

Carneiro alado

Torques de Riotorto

Brazalete de Ourense

Arracada de Burela

Pezas do legado de Álvaro Gil recuperadas para o Museo de Lugo

Algunhas das 40 pezas de ourivaría prerromana do legado de Álvaro Gil recuperadas para o Museo de Lugo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.