Unha casualidade que torna en retrato. Este venres, unha semana despois da primeira filtración, o cantante Enrique Iglesias estreou oficialmente o novo videoclip da súa canción Noche y de día, financiado con 302.500 euros da Xunta a través dun contrato negociado sen publicidade coa Axencia Turismo de Galicia. O lanzamento da controvertida montaxe, envolta na polémica polo gasto público que supuxo, cadrou no tempo coa publicación no Diario Oficial de Galicia da orde de subvencións para festivais de artes escénicas e de música para todo o 2015. No caso concreto dos festivais musicais as axudas son un 30% inferiores aos cartos destinados á realización do videoclip de Iglesias.
Atendendo ás súas "dispoñibilidades orzamentarias" a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) dota o conxunto da orde con 370.000 euros, dos cales 210.000 euros serven para financiar festivais de música e o resto, para os eventos vinculados ás artes escénicas. Con esta convocatoria, explica a entidade púbica dependente da Consellería de Cultura e Educación, vénse cumprir o obxectivo de "fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega", así como de "achegar recursos" para "aumentar o peso relativo" do sector cultural "no sistema produtivo galego".
Mentres o Executivo autonómico chegou a poñer sobre a mesa ata 350.000 euros para financiar o videoclip de Iglesias a contía destas subvencións a festivais estivo moi por baixo desta cantidade ao longo de toda a lexislatura. Así, os 210.000 euros deste 2015 son exactamente os mesmos do ano 2014. En 2012 e 2013 a dotación destes subsidios quedou en cadanseus 180.000 euros, algo menos da metade do videoclip.
O conselleiro de Cultura e Educación defende o gasto no vídeo, que segundo a oficina do cantante "contribúe a dinamizar a economía do país galego en tempos de crise"
Esta disparidade de cantidades prodúcese apenas dous días despois de que o novo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, fose o encargado de xustificar no Parlamento a achega á produción de Iglesias. A preguntas da deputada do BNG Ana Pontón, que lamentou que se "lle concedan graciosamente ao señor Enrique Iglesias" os "euros que non hai para apoiar a cultura galega", Rodríguez instou a "non mesturar de xeito interesado dúas cuestións diferentes" como son "a promoción turística" e "o apoio ao sector cultural". "Agarden a ver se é positivo ou non para a promoción turística de Galicia", recomendou o conselleiro.
Mentres continúa a polémica polo vídeo, tanto polo gasto como polo seu "sexismo" e porque as imaxes galegas apenas son 45 segundos do total, a produtora do artista especifica que o acordo foi "proposta da Xunta". Nun comunicado remitido á prensa galega e difundido a través da web de Universal Music Spain a "oficina de Enrique Iglesias" sinala que o cantante non cobrou "un centavo" dos 300.000 euros, que foron para a "produción", na que tamén colaboraron "empresas locais". Por este motivo, afirman, a gravación "xerou un importante derrame económico, contribuíndo a dinamizar a economía do país galego en tempos de crise".