"Non se pode ter unha política lingüística na que se premia a quen despreza o idioma"

Xurxo Borrazás Dominio Público Praza Pública

"A nai de todos os obxectivos é conter a lingua galega como emblema da nosa cultura" escribe Xurxo Borrazás no Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro que o vindeiro 26 de marzo lerá na gala de entrega dos Premios María Casares. "Non teñen nada contra o polbo á feira, a praia da Lanzada, o Pórtico da Gloria, o albariño de Cambados ou a romaría da Franqueira. Son os primeiros en chorar cando escoitan unha gaita. O que non aturan é a diferenza da lingua. De maneira que a representación de Galiza prefiren deixala en mans de Enrique Iglesias, David Meca, ou Marina Castaño", di.

"Non teñen nada contra o polbo á feira, a praia da Lanzada, o Pórtico da Gloria, o albariño de Cambados ou a romaría da Franqueira. O que non aturan é a diferenza da lingua"

O narrador sinala que recibiu con “auténtica honra” o ofrecemento da directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) para realizar este manifesto dedicado ao teatro, engadindo que o une unha “vinculación moi forte tanto a nivel persoal como estético”. De feito, a pesar de que nunca se adentrou como autor -"nin nunca pensei en facelo", di- Borrazás si formou parte de compañías de teatro amador, nos seus tempos universitarios, representando varias obras.

No Manifesto, Borrazás realiza unha defensa da profesión e subliña moitas das dificultades polas que atravesa en Galicia, en boa medida por mor da política levada a cabo pola Xunta: "Ao teatro non hai que cortarlle os pés senón darlle patadiñas nas canelas e regalarlle ás de chumbo para que non voe. Obrigar a que cada representación se convirta nunha epopea". "Este Goberno ataca a cultura que se conecta coa lingua” -destaca- “Dende que Feijoo é presidente, o teatro galego perdeu 800 mil euros de recadación, cantidade semellante á que nese período levou a Confederación de Empresarios de Galicia en axudas á normalización lingüística, unha confederación de empresarios que vén de desprezar a lingua”.

O autor salienta a mobilización sostida e a posición crítica que dende hai anos manteñen en Galicia os e as profesionais: “As críticas nunca son suficientes, cando hai ataques coma os que está a recibir a cultura galega, o que pasa é que ás veces cansa estar sempre nesa batalla”, di. Borrazás subliña as características que fan do teatro unha profesión particularmente dura e exposta aos ataques exteros: “O teatro é unha expresión cultural máis social, pois necesitas de máis elementos para levar a cabo a túa actividade, comezando por unha sala. E tamén máis física, a diferenza de por exemplo a literatura, na que os creadores escribimos nas nosas casas. No teatro non, estás enriba do escenario, fisicamente, carnalmente, pos a túa vida en xogo simplemente para existir”.

"Non se pode ter unha política lingüística na que se premia a quen despreza o idioma, hai que darlles axudas a quen xa a utiliza, non a medios de comunicación que a usan de maneira ritual ou que a desprezan”

Que se pode facer? Que estratexias se poden adoptar para reverter a situación e conseguir que a cultura galega sobrevivae progrese? “É a pregunta do millón. Pois se cadra habería que comezar por que dirixa a política cultural xente que queira a cultura de Galicia, que dirixa o país xente que queira o país, e o problema é que boa parte da poboación non lle concede demasiada importancia a iso”, di Borrazás. “Todos van dicir que as mellores praias do mundo están en Galicia, pero a diferenza está na lingua. Actuar sobre a lingua é fundamental. Non se pode ter unha política lingüística na que se premia a quen despreza o idioma, hai que darlles axudas a quen xa a utiliza, non a medios de comunicación que a usan de maneira ritual ou que a desprezan”, conclúe.

Xurxo Borrazás Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.