A banda deseñada galega atópase no que probablemente sexa o mellor momento da súa historia. Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) foi testemuña da súa evolución dende a precariedade de medios e o voluntarismo dos anos 70 ata a brillante etapa actual. Lector apaixonado de cadriños, o escritor vilalbés foi pioneiro da incorporación do cómic ás aulas e levou a cabo un entusiasta labor coma divulgador do medio que lle valeu o Premio Ourense de Banda Deseñada en 1992. Unha faceta pouco coñecida da súa traxectoria que repasamos nesta conversa.
"O cine dos pobres, tenlles chamado alguén, e hai moito de verdade niso. Xunto cos escasos libros, a radio e os relatos orais, eran a vía para satisfacer a nosa necesidade de ficcións"
Imaxino que comezaches a ler cómic na túa infancia. Que lembranzas tes daquelas primeiras lecturas?
Na miña casa, os cómics tiñan unha presenza importantísima. Líaos toda a familia, e algúns deles suscitaban moitos comentarios entre nós. Mercabamos tebeos na medida das nosas posibilidades, que eran poucas; mais había un intenso mercado secundario: os cambios e os préstamos. Deste xeito, sempre había tebeos novos para ler. O cine dos pobres, tenlles chamado alguén, e hai moito de verdade niso. Xunto cos escasos libros, a radio e os relatos orais, eran a vía para satisfacer a nosa necesidade de ficcións. Sobre a dimensión social que tiñan naqueles anos, escribín un ensaio, O cesto do Beti, que está recollido no meu libro O rastro que deixamos.
Dos meus favoritos, citarei El Capitán Trueno, El Hombre Enmascarado, Flash Gordon, El Inspector Dan, Batman, Hazañas Bélicas... Dos de humor, máis que as revistas, salientabamos os personaxes: Carpanta, Las hermanas Gilda, La familia Ulises, Doña Urraca... El invierno del dibujante, de Paco Roca, recolle moi ben o contexto en que naceron estes personaxes.
Apocalípticos e integrados ante a cultura de masas, de Umberto Eco, fixo que, cando menos en determinados círculos, os cómics deixasen de ser algo vergozante e acadasen un certo status
Ao contrario do que resultaba habitual naquel tempo, os cómics non foron só un entretemento de infancia, senón que seguiches a ler banda deseñada na idade adulta. Que lembras deste tránsito?
Contra o que era habitual, non os abandonei na adolescencia. Foron anos de lectura de libros, pero os cómics --e as novelas de quiosco-- convivían con eles con naturalidade. Non todos, xaora, senón aqueles que admitían unha lectura máis alá do infantil: desde Flash Gordon a Anacleto, agente secreto; desde Hazañas Bélicas a El Hombre Enmascarado; desde Tintín a Astérix... E tamén Superman e Batman, agás nos anos en que Fraga Iribarne os prohibiu por provocaren nos nenos confusión coa figura de Deus.
Máis adiante comezaron a chegar outros cómics que ampliaron o panorama, sobre todo a través da editorial Buru Lan: Príncipe Valiente, Rip Kirby, Cinco por infinito, o Flash Gordon de Alex Raymond... E a revista El Globo, con materiais USA que xa ofrecían un cómic moi distinto. E non quero esquecer a revista Trinca, onde publicaron autores españois que tamén se dirixían a un lector adulto (coma tal, Haxtur de Víctor de la Fuente ou Manos Kelly de Hernández Palacios). Tamén comezaban a aparecer os cómics da Marvel, aínda que en edicións moi precarias.
E hai que salientar a aparición dun libro decisivo: Apocalípticos e integrados ante a cultura de masas, de Umberto Eco, que Lumen publica en 1965 e eu leo tres anos despois. O libro de Eco fixo que, cando menos en determinados círculos, os cómics deixasen de ser algo vergozante e acadasen un certo status.
Había unha oferta de obras interesantes para un adulto lector de cómic nos anos 60-70?
Xa comentei antes que a oferta de calidade era escasa, como escasa era tamén a miña situación económica. E para conseguir o pouco interesante que nos chegaba era preciso andar á caza del polos quioscos, que eu exploraba minuciosamente. Houbo que agardar ata finais dos anos sesenta para que os cómics --como a novela negra, ou de ciencia ficción, ou de terror-- deixasen de estar mal vistos nos ámbitos progresistas. Así que, en moitas ocasións, os cómics ou a novela de xénero eran como "vicios ocultos" que eu mantiña no ámbito privado. Foi nos anos setenta, sobre todo tras a morte de Franco, para que estes xéneros comezasen a saír da marxinación.
"Houbo que agardar ata finais dos anos sesenta para que os cómics -como a novela negra, ou de ciencia ficción, ou de terror- deixasen de estar mal vistos nos ámbitos progresistas"
Como mudou a situación coa chegada da democracia?
A partir da morte de Franco, o camiño que foran abrindo El Globo, Bang-Troya ou Star lévanos á etapa dourada das revistas: Totem, 1984, Comix Internacional, El Víbora, Rambla, Cimoc, Cairo, Metal Hurlant... Por medio destas publicacións, chéganos unha boa parte do cómic que se fixera noutros países en anos anteriores: Corto Maltés e outras creacións de Hugo Pratt, Moebius, Richard Corben, Comés, Christin e Enki Bilal, Muñoz e Sampayo, Tardi, Breccia... A isto uníase a redescuberta de clásicos como Little Nemo ou Spirit e, sobre todo, a edición das novas fornadas de autores que comezaban o seu camiño, desde Miguelanxo Prado ata Daniel Torres. Unha festa para os adultos que amabamos os cómics, non dabamos mercado e lido tanto material ao noso alcance!
Isto veu acompañado da edición de diversos libros teóricos sobre os cómics, como os de Luis Gasca, Román Gubern, Juan Antonio Ramírez, Antonio Martín, Javier Coma... E así, case sen querer, ademais dun apaixonado pola banda deseñada, acabei convertido nun bo coñecedor da súa linguaxe.
"Desde 1979, que é cando os do Colectivo Avantar publicamos o primeiro libro da serie O Noso Galego, comecei a abordar a utilización didáctica do cómic, trasladando ao papel o que facía na aula"
En 1984 publicas un Para lermos cómics, un libro divulgativo sobre a banda deseñada, a súa historia, linguaxe e recursos dende unha perspectiva galega. Que che moveu a elaborar este traballo?
En anos anteriores (o primeiro creo que é de 1975) eu fora publicando artigos en diversos lugares, explicando a linguaxe dos cómics e defendendo a súa lectura. E desde 1979, que é cando os do Colectivo Avantar publicamos o primeiro libro da serie O Noso Galego, comecei a abordar a utilización didáctica do cómic, trasladando ao papel o que facía na aula. O libro que citas responde a unha colección divulgativa que promovía Xavier Senín desde a Consellería de Cultura: uns manuais breves e de linguaxe sinxela pensados para calquera lector. Senín pediume un sobre cómics, e de aí saíu ese libro, unha achega á socioloxía e á linguaxe da banda deseñada.
Ti fuches docente. Empregaches a banda deseñada como instrumento educativo? Que posibilidades lle ves ao medio neste eido?
Desde o ano 1976 en adiante, empreguei a banda deseñada como unha ferramenta esencial nas miñas clases de lingua. E, ano a ano, a experiencia levoume a experimentar novos camiños e a madurar as miñas ideas didácticas. Foron moitos os cursos que, en Galicia e fóra dela, impartín sobre a utilización didáctica da BD. Todo iso, aínda que máis sintetizado do que me gustaría, quedou reflectido no libro Os cómics nas aulas que, se cadra por saír antes de tempo, non tivo tanta acollida como agardaba.
Sobre as posibilidades educativas, hai que enmarcalas na utilización dos medios de comunicación na aula (xornais, radio, vídeos, cine, cómics...). Creo que o estudo da súa linguaxe e a realización práctica de modelos escolares deses medios constitúe un aspecto esencial do traballo docente. Fuxindo, iso si, de caer na copia e nos estereotipos do mercado, unha práctica que, por desgraza, aínda segue viva.
Hai uns anos Antonio Seijas publicou unha adaptación á banda deseñada do teu libro Cartas de inverno. Que xuízo che merece o traballo de Seijas?
Eu coñecía o traballo de Antonio Seijas, léralle polo menos dous álbums. Cando me falou de que estaba interesado en adaptar Cartas de inverno, a min pareceume moi ben. Así que a miña intervención limitouse a algunhas conversas e máis nada. O guión é del, así como a realización práctica. Eu quedei satisfeito co resultado, xa o digo nun breve prólogo que escribín: está baseado nunha novela miña, pero é unha obra que Seijas soubo facer súa e trasladar moi ben á linguaxe da BD. Creo que o resultado é moi estimable.
Coñecida a túa afección pola banda deseñada e sendo como es escritor, nunca tiveches a tentación de escribir unha historia para ser publicada directamente como cómic?
Agás algunhas curtas colaboracións con Xan López Domínguez, non se me presentou a posibilidade de colaborar con ninguén como guionista, que é o que eu podería facer ben.
"No proceso da escrita están presentes todas as lecturas (e todo o cine) da miña biografía; é inevitable, xa que logo, que estean tamén os cómics"
E consideras que as túas lecturas de banda deseñada influíron na túa escrita?
No proceso da escrita están presentes todas as lecturas (e todo o cine) da miña biografía; é inevitable, xa que logo, que estean tamén os cómics. E non me refiro só ao superficial, como pode ser a inclusión dalgúns heroes do cómic como personaxes de relatos: Spiderman, Batman. Eu creo que sobre todo están presentes nos argumentos e no desenvolvemento das tramas. Os ecos de tantas páxinas de BD andan polos meus libros.
"Co transcorrer dos anos fun vendo como aparecían novos colectivos que se expresaban a través de fanzines cada vez máis elaborados, ata chegar á eclosión destes últimos tempos"
Que opinión che merece a banda deseñada galega actual?
Eu coñecín os anos en que a BD galega era, sobre todo, unha aspiración de futuro. Autores como Xaquín Marín, ou os do Grupo do Castro ou o Colectivo Xofre foron os primeiros gromos do que veu despois. Co transcorrer dos anos fun vendo como aparecían novos colectivos que se expresaban a través de fanzines cada vez máis elaborados, como se creaban revistas que, malia a súa curta vida, ían sinalando o camiño... ata chegar á eclosión destes últimos tempos, coa consolidación de autores que, con seguridade, aínda nos han agasallar con obras excelentes (e penso en xente como Alberto Vázquez, David Rubín, Fran Jaraba, Jacobo Fernández, Manel Cráneo, Antonio Seijas, Kiko da Silva, José Domingo, Fran Bueno... e os que me quedan! Non sei se se pode falar de Idade de Ouro, mais nunca antes houbo un potencial tan grande.
Hai feitos relevantes que axudaron a percorrer ese camiño: a celebración de Viñetas desde o Atlántico, o Premio Castelao de BD, a creación de editoriais específicas (El Patito Editorial é o paradigma), a atención que lle prestan as editoriais xeneralistas, ó éxito de ben autores máis alá do ámbito galego, a creación d'O Garaxe Hermético... E, xaora, o papel referencial que cumpre un autor excepcional como é Miguelanxo Prado.
E o cómic en xeral, que opinas da súa evolución en todos estes anos?
Confeso que, desde hai varios anos, xa me resulta imposible estar ao tanto do que se publica e das tendencias novas que xorden. Hai, iso si, fenómenos evidentes, como é a consolidación do que agora chaman "novela gráfica", que rompe as costuras dos álbums tradicionais, e a multiplicidade de temáticas, algunhas delas impensables hai algúns anos. Para un lector adulto, a oferta é extraordinaria. Pode dicirse que cada ano aparecen uns cantos títulos que merecen perdurar; outros, non: hai moitos argumentos repetitivos que non achegan nada novo.
"Creo que o Ardalén de Miguelanxo Prado é o equivalente ao que significou Citizen Kane no cine"
Galegos ou non, cales son os teus autores de cómic predilectos e as túas obras de cabeceira?
En primeiro lugar, Miguelanxo Prado, e non o digo porque sexa galego. Creo que o seu Ardalén é o equivalente ao que significou Citizen Kane no cine. Saliento tamén a Enki Bilal, sobre todo os álbums feitos con Pierre Christin (como As falanxes da Orde Negra ou O barco de pedra), e boa parte do traballo de Hugo Pratt e Moebius. Admiro tamén a Alan Moore (Watchmen ou From Hell son extraordinarios) e a Étienne Davodeau. Dos españois, Max, xa desde os tempos de El Víbora, Carlos Giménez e Paco Roca.
Ademais deses autores, hai logo diversos títulos que releo con gusto: Maus, de Art Spiegelman; Little Nemo in Slumberland, de Windsor McCay; Príncipe Valiente, de Harold Foster; algúns álbums de Tintín ou de Spirit... E, como antes dixen, cada certo tempo bates con títulos que, por unha ou outra razón, salientan por riba da media. Coma tal, Predicador (Garth Ennis e Steve Dillon), Los años dulces (Jiro Taniguchi), Logicomix... Por fortuna, hai moito bo para ler!