Espazos culturais independentes de toda España reúnense na Coruña

Algúns dos integrantes do colectivo Dominio Público Proxecto Cárcere

O Proxecto Cárcere da Coruña acollerá esta semana, entre o venres e o domingo, o IV Encontro da Rede Transibérica de Espazos Culturais Independentes, baixo o título de “Espazos, a importancia do lugar”. O evento, que se celebrará no Instituto Anxel Casal, no barrio de de Montealto reúne diversas iniciativas e espazos culturais da península, que compartirán experiencias e novas prácticas de crear cultura en diálogo coas comunidades nas que se establecen ofrecendo escollas únicas á marxe do status quo e dos “packs culturais” institucionais.

A Rede Transibérica está formada polo propio Proxecto Cárcere (A Coruña), Espacio Tangente (Burgos), Nau Ivanow (Barcelona), El Hacedor (Burgos) e Zawp (Bilbao). Nesta edición do encontro escolleuse A Coruña como escenario polo traballo que está levando a cabo o Proxecto Cárcere para recuperar para a cidadanía e para usos culturais o vello edificio da prisión provincial, cada vez en peor estado de conservación, ao igual que se está a facer en Málaga ou Murcia.

O tema deste ano, destacan os seus organizadores, xirará ao redor "da importancia dos espazos culturais en si mesmos, a importancia dos espazos culturais como espazos". "Máis aló daquilo que conteñen os espazos e que, en definitiva, os converte en lugares de vida, o propósito esta vez é pór en valor todos aqueles aspectos que, de maneira accidental, xorden como consecuencia da existencia ou actividade destes lugares, todo aquilo que é provocado por eles sen ser o seu obxectivo principal. Os espazos culturais como contextos nos que suceden cousas e constrúese o que non existe", din.

O evento comezará o venres, cun debate-diálogo titulado “É viabel un Centro Sociocultural e da Memoria no Cárcere da Torre?” que se centrará na importancia que poden ou non ter o espazo, o cáracter público e o proceso de participación cidadá da iniciativa e a súa autoxestión. O debte será precedido por "unha acción artístico-reivindicativa" diante do antigo cárcere provincial. Sobre esta acción os seus organizadores non anticipan máis que "será algo moi amarelo e redondo".

A xornada do sábado será máis práctica, coa exposición de proxectos, iniciativas e actividades realizadas ou previstas para os vindeiros meses, "explorando iniciativas posibeis tanto no ámbito rural como no urbán, e as dificuldades e solucións da xestión dos espazos culturais independentes". A xornada rematará cun concerto, a partir das 22.30 horas na sala Mardi Gras, coas actuacións de Ruta 77 e Festa Pop Think in!. Finalmente, o domingo celebrarase a asemblea das entidade membro da Red Transibérica.

 

Ideas para a apertura do cárcere

Ante a proximidade das eleccións municipais de maio, os integrantes de Proxecto Cárcere elaboraron un documento con ideas para a apertura e utilización pública da vella prisión, para presentarllo ás distintas candidaturas que concorren aos comicios na Coruña. As ideas céntranse en torno a seis conceptos principais (Proxecto Cárcere, autoxestión, participación cidadá, financiamento, edificio e uso público), co significado que lle dá Proxecto Cárcere a cada concepto na apertura do cárcere a cidadanía:

  • Proxecto Cárcere: Proxecto Cárcere funcionaría durante a fase inicial de posta en marcha da proposta como facilitadora do proceso participativo e negociacións entre institucións e cidadanía aportando os seus coñecementos, experiencia e filosofía.
  • Autoxestión: Entendemos a autoxestión como a autonomía da cidadanía en determinar os contidos, a toma de decisións e a organización do cárcere.
  • Participación cidadá: Entendemos a participación cidadá como un proceso no que os diferentes axentes sociais/cívicos da cidade/barrio contribuen ao ideario e funcionamento do cárcere. O dereito a participar no cárcere existe en canto a persoa ou colectivo contribúen ao funcionamento diario do cárcere e desaparece no momento en que deixan de contribuir a él. Estableceríanse unha serie de contra-normas polas que se regularía a convivencia e usos do espazo. Exemplo: non-machismo, non-racismo…
  • Financiamento: Poderíase financiar a progresiva rehabilitación do edificio e do seu uso real a través de crowfunding, obradoiros-taller, subvencións a diferentes institucións públicas/privadas, aportacións das iniciativas cohabitando no cárcere, etc. O financiamento de cada proxecto ou actividade concreta que se desenvolvera no edificio sería responsabilidade das persoas promotoras de cada iniciativa.
  • Edificio: O total do edificio debería ser cedido á auto-xestión e uso da cidadanía. Apóstase por manter a estrutura orixinal do edificio e iniciar un proceso gradual de restauración e mantemento do mesmo baseado en principios de adaptabilidade, sustentabilidade, participación e baixo custo.
  • Uso Público: O uso do cárcere sempre sería público con acceso libre e gratuíto e respondería as necesidades das veciñas do barrio de Montealto en particular e do resto da cidade e contorna en xeral.
Antigo cárcere provincial da Coruña CC-BY-NC-SA BorjaRS
Instalación de Nau Ivanow, en Bacelona Dominio Público Praza Pública
Zawp, en Bilbao Dominio Público Praza Pública
Espacio Tangente, en Burgos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.