A Plataforma en Defensa da Casa da Xuventude reactívase e pide o cese de Mercedes Valeiras

Casa da Xuventude de Ourense © http://neko.koiora.net/

A mediados do pasado ano botaba a andar a Plataforma en Defensa da Casa da Xuventude de Ourenseformada por usuarios e usuarias a título individual, por representantes de colexios profesionais, colectivos ecoloxistas, sindicatos estudantís e por formacións políticas. Nacía para reivindicar o valor de varias décadas de bo funcionamento dunha entidade que dende os anos setenta foi un motor para a cultura e o asociacionismo xuvenil na cidade, ademais dun exemplo de coxestión a cargo dos propios usuarios e usuarias. Naceu tamén para denunciar as eivas da actual xestión, especialmente trala designación como directora de Mercedes Valeiras, funcionaria do Centro de Menores de Montealegre e curmá de Alberto Núñez Feijoo.

A Plataforma está a organizar asembleas e encontros abertos, "unificando e xuntando información" para, a partir da vindeira semana, poder facer públicas as reivindicacións e iniciativas da Plataforma, "co principal obxectivo" de conseguir a dimisión de Mercedes Valeiras, así como a supresión do seu posto de coordinadora de actividades, a conseguinte restitución dos plenos poderes da Dirección do centro, e a reactivación do Consello de Xestión con todas as súas funcións coxestoras, "logrando un órgano de goberno participativo e democrático e recuperando un espazo pensado para a mocidade de Ourense".

Destacan que desde a chegada de Mercedes Valeiras á Casa, primeiro como directora e actualmente como coordinadora de actividades, "posto creado ad hoc para ela mesma" -denuncian- "vivimos o desafiuzamento da xuventude ourensá deste espazo". "O seu mandato, por riba da dirección do lugar, implicou que toda actividade que non fose do seu agrado morrese, ou ben marchase" -sinalan- "A excesiva burocratización para solicitar un espazo, a negación de partidas orzamentarias para actividades culturais sen ningún tipo de argumento ou a petición de obxectos persoais para poder facer uso dos ordenadores, son algunhas da infinidade de trabas que se viven a diario no agora chamado Espazo Xove de Ourense".

Desde a chegada de Mercedes Valeiras á Casa, primeiro como directora e actualmente como coordinadora de actividades "vivimos o desafiuzamento da xuventude ourensá deste espazo"

A Plataforma quere tamén poñer en valor a traxectoria da Casa, e sinalan que "un referente nacional da magnitude da Casa da Xuventude de Ourense, conseguido durante anos de traballo, non pode facerse murchar en cuestión de meses". Para facer fincapé no bo funcionamento anterior deste espazo lanzaron unha iniciativa para que a xente enviase vídeos de menos dun minuto explicando que significara a casa para eles. "Continuaremos esixindo unha solución até que actividades como o Outono Fotográfico, o Maio Xove ou as Teatradías volvan encher Ourense de xuventude", din. 

"Un referente nacional da magnitude da Casa da Xuventude de Ourense, conseguido durante anos de traballo, non pode facerse murchar en cuestión de meses"

Conclúen que "diversos son os motivos que nos animan a continuar nesta loita mais, sobre todo, a ilusión e a necesidade de ter un espazo do noso, pensado por e para nós". "Se, durante anos, xeracións de mozas ourensás pasaron pola Casa da Xuventude para realizar actividades, coñecer xente, formarse e medrar, foi precisamente porque unha boa xestión do espazo facilita e fai posible o desenvolvemento cultural e social, mellorando as nosas competencias en eidos que non se aprenden na escola", destacan. A Plataforma fai tamén un chamamento "a todas as organizacións e asociacións políticas, sindicais, sociais e culturais da cidade a amosar publicamente o seu apoio á Plataforma, así como a implicarse da actividade da mesma".

Casa da Xuventude de Ourense © http://neko.koiora.net/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.