"Ferrol é unha cidade de creadores de cultura, non só de consumidores de pan e circo"

Eliseo Fernández, á esquerda, na biblioteca do Ateneo © Ateneo Ferrolán

O Ateneo de Ferrol fundouse en 1879 e durante os últimos 135 tivo sempre un papel moi importante na promoción da cultura na cidade, unha actividade só interrompida durante os períodos de ditadura e que nos últimos anos, dende a chegada á alcaldía do popular José Manuel Rey Varela, se atopa seriamente ameazada. En 2008, a raíz dun problema de pingueiras no teito, o Concello decidiu a rehabilitación completa do inmoble, unhas obras nas que investiu 1,2 millóns de euros. Por mor das obras, os fondos do Ateneo -unha biblioteca de dez mil volumes e unha valiosa hemeroteca- tiveron que ser almacenados por unha empresa de mudanzas. A anterior xunta directiva, presidida por Ramón Veloso, chegou a un acordo verbal co concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia, para que fose o Concello quen recuperase os bens do Ateneo con cargo ás arcas municipais.

Porén, en 2011 cambia o goberno municipal e o Concello muda os seus plans, ignorando a súa responsabilidade e o compromiso adquirido. A empresa -Mudanzas Félix- reclama que alguén lle aboe os gastos de transporte e almacenamento e ante a ausencia dun documento escrito que sinalase a débeda do Concello, en setembro do pasado ano o Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Ferrol determinou que o Ateneo debía pagarlle 39 mil euros (os 19 mil iniciais, que cada mes se foran -e seguen- incrementando en case 600 euros máis). O tempo segue pasando e a continuidade da entidade cultural máis activa da cidade está no aire, o mesmo que o futuro dunha parte fundamental do patrimonio da urbe (libros únicos, xornais centenarios, importantes obras pictóricas...), que continúa retido nun polígono industrial e podería ser embargado e vendido nunha poxa.

"Dende febreiro de 2014 levamos pedindo unha entrevista co alcalde para tentar chegar a unha solución que asegure o futuro da entidade e a protección deste patrimonio" -destaca o historiador Eliseo Fernández, presidente do Ateneo- "pero non houbo resposta". "Tamén lles comunicamos á Consellaría de Cultura e á Deputación que o patrimonio do Ateneo estaba en perigo e tampouco tivemos resposta. E o mesmo sucedeu cando nos puxemos en contacto coa Dirección Xeral de Bibliotecas, xa que formamos parte da Rede de Bibliotecas de Galicia", di.

"Creo que máis aló da importancia que isto ten para o Ateneo, esta situación non deixa en moi bo lugar ao propio Concello de Ferrol"- destaca- "Unha entidade cultural de longa traxectoria está en perigo, un patrimonio que pertence a todos os ferroláns tamén está en perigo, almacenado en contedores e coa posibilidade de ser vendido. Resulta moi contraditorio que suceda isto cando por outro lado se está pedindo que Ferrol sexa recoñecida pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade". "Pero sucede con máis cousas: só hai que ver a situación de Ferrol Vello e doutros elementos do patrimonio arquitectónico, o que pasou coa Fábrica de Lápices", engade.

"A única solución inmediata pasaría porque o Concello aceptase a reclamación patrimonial, que fixemos a través do rexistro, que se faga cargo duns gastos que foron xerados por unha obra municipal", destaca. Pero segue sen haber resposta das administracións. De momento, o Ateneo, que conta con 350 socios e socias, prepara distintas iniciativas para conseguir unha certa cantidade de diñeiros que permita pagar a débeda ou, cando menos, unha parte dela, e recuperar parte do patrimonio retido. Dende vender algúns obxectos deste patrimonio, coma cadros e algúns libros, o inicio dunha campaña de crowdfunding, ou un festival de música e artes escénicas para recadar fondos, unha especie de gala solidaria organizada por varias entidades da cidade. "Nós imos facer todo o posible por manter o Ateneo con vida, pero vai depender tamén de que haxa unha resposta popular, que a hai, pero hai que ver se é suficiente", destaca Eliseo Fernández.

 

A importancia para a cultura da cidade

"O Ateneo Ferrolán está tentando contribuír modestamente á revitalizacion de Ferrol, traballando dende o ámbito da cultura", reclamaba o propio Fernández nunha carta aberta dirixida ao alcalde José Manuel Rey Varela, sinalando a importancia dunha entidade tan activa e cunha vontade de apertura a calquera colectivo ou persoa que queira facer uso das súas instalacións. "Nos últimos meses quixemos vivificar o Ateneo, redobrando o número de actividades, para volver ser protagonistas da vida cultural da cidade, despois de dous anos de obras e outro máis de dificultades económicas e na relación co Concello. Queriamos xustificar tamén o gasto que o Concello e nós mesmos fixéramos nas obras de rehabilitación, e demostrar que a existencia do Ateneo é importante", di.

"O Ateneo é moi importante, moito máis nunha cidade en crise como Ferrol. O Ateneo recolle a historia da cidade dos últimos trinta anos, pero mesmo dende máis atrás, dende o século XIX. Mantén viva a única hemeroteca histórica da cidade e por aquí pasaron nos últimos anos moitísimos investigadores que estaban traballando sobre a historia de Ferrol. Ese patrimonio tiña que estar aquí de volta ao día seguinte de rematar as obras. Xa se prexudicou a moitos investigadores, que viñeron consultar fondos que están retidos", engade.

Nese momento a débeda era de 19 mil euros. "Para un Concello como Ferrol 19 mil euros non é tanto, é menos do que recentemente gastou nalgunha actuación máis que cuestionable", di, referíndose á instalación dunha estatua de bronce en homenaxe aos confrades da Semana Santa, cun custe de 20 mil euros. 

"Eles patrocinan un determinado tipo de cultura, pero iso non pode significar ignorar por completo o resto, aí si que percibimos un sectarismo moi forte. Porque ademais a cultura é cultura cando é plural"

Na devandita carta aberta preguntáballe a Rey Varela se se consideraba "a persoa adecuada para encabezar un proxecto aglutinador da sociedade ferrolá", denunciando que "o goberno municipal do Partido Popular ten amosado a súa vontade de executar unha política de castigo cara ao Ateneo Ferrolán", unha actitude sectaria cara ás asociacións que non considera afíns. "Eles patrocinan un determinado tipo de cultura. Iso é lóxico, entendo que cada grupo político aposta por un determinado tipo de cultura, pero iso non pode significar ignorar por completo o resto, aí si que percibimos un sectarismo moi forte. Porque ademais a cultura é cultura cando é plural", afirma Eliseo Fernández.

"A cultura non son só os grandes fastos, son as iniciativas e expresións realizadas dende a base, a que facemos entre todos e todas. De aí o noso lema: 'Somos Cultura'"

"Ata esta lexislatura, na que por primeira vez en moito tempo houbo unha maioría absoluta, ningún goberno dunha cor ou doutra recortara tanto as axudas ao Ateneo e tampouco levara a cabo un ataque tan directo contra a entidade", di. "Pode que teña que ver co carácter dun concelleiro que ten unha visión moi pechada do que debe ser a Cultura en Ferrol. E por iso a súa política exclúe a moita xente, non só ao Ateneo", engade. "Creo que non se está valorando a importancia que o Ateneo ten para a esta cidade, o papel que cumpre no impulso da cultura e para os creadores e creadoras. A cultura non son só os grandes fastos, son as iniciativas e expresións realizadas dende a base, a que facemos entre todos e todas. De aí o noso lema: 'Somos Cultura'. Ferrol é unha cidade de creadores de cultura, non só de consumidores de pan e circo", conclúe.

Eliseo Fernández, á esquerda, na biblioteca do Ateneo © Ateneo Ferrolán
Congreso sobre Hildegart Rodríguez Carballeira, celebrado hai uns meses Dominio Público Ateneo Ferrolán
Cadro realizado en apoio do Ateneo Dominio Público Ateneo Ferrolán
Concentración en defensa da continuidade do Ateneo CC-BY-SA Praza Pública
Edificio do Ateneo Ferrolán © Turgalicia
O Ateneo realizou unha actividade cultural moi importante dende os anos setenta © Ateneo Ferrolán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.