Manuel María, un Día das Letras da xente e mais da fala

Manuel María, nunha imaxe difundida pola RAG © Real Academia Galega

Redención tras o affaire Filgueira? A Real Academia Galega fixo público este sábado o resultado da votación para designar a persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2016. Tras a polémica escolla do pasado ano as figuras que compuñan a terna desta volta, Xela Arias, Ricardo Carvalho Calero e Manuel María, auguraban un panorma carente de grandes controversias. Finalmente, unha votación en segunda volta ditaminou que a figura sinalada fose a de Manuel María, unha lembranza do tan prolífico como comprometido autor chairego que augura un vindeiro Día das Letras centrado, en boa medida, na defensa da lingua propia, e no que, no entanto, o número de homes homenaxeados ascende xa a 52, mentres que no caso das mulleres o contador segue conxelado en 3.

"Recuperar a Manuel María é recuperar valores democráticos, o amor á terra e a defensa da lingua", afirmaba hai tres anos a cantante Uxía Senlle na presentación de Andando a terra, o traballo no que percorre parte do amplo traballo do poeta da Terra Chá, comarca lucense que "se non a inventou, polo menos definiuna e remarcouna para sempre", en verbas de Alfonso Blanco Torrado, crego de Pardiñas. Os versos chairegos do Manuel nado en Outeiro de Rei no 1929 salfiren toda a súa obra e tamén o seu discurso de ingreso na Academia que agora o homenaxea: A Terra Chá: poesía e paisaxe.

A construción poética da Terra Chá e dos seus lugares ata o máis miúdo son unha parte fundamental da enorme obra de Manuel María

A construción poética da Terra Chá e dos seus lugares ata o máis miúdo, como o regato do Cepelo, é un dos compoñentes máis senlleiros da enorme obra de Manuel María, autor que dende moi novo comezou a entrar en contacto con persoeiros como Carvalho Calero, Luís Pimentel, Anxel Fole ou o seu amigo Uxío Novoneyra. Os anos de instituto achegárono aos faladoiros intelectuais de Lugo, como o do Méndez Núñez, e no tempo da 'mili' en Compostela no do Café Español, polo que tamén transitaban escritores, intelectuais e activistas políticos da clandestinidade de diversas procedencias e xeracións, dende o xornalista Borobó a Ramón Piñeiro, de Fermín Bouza Brey a Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Manuel Beiras.

O autor mantivo durante toda a súa vida un gran compromiso político e co asociacionismo cultural de base

Todos eses contactos e influencias serviron para fortalecer un compromiso político que xa exercía a finais dos anos 50, cando comezou a exercer como procurador dos tribunais e cando xa era fundador da Editorial Xistral, a mesma que lle daría nome á libraría que mantivo aberta en Monforte xunto á súa dona, Saleta Goy. O movemento da Nova Canción Galega, a UPG, o BN-PG e, máis tarde, o BNG, foron os espazos nos que desenvolveu labor político mentres, simultaneamente, ofrecía apoio a multitude de iniciativas culturais de base. A política está, obviamente, tamén moi presente nas súas letras, tanto na lírica como no ensaio ou nas súas colaboracións con diferentes medios de comunicación.

Ata o seu falecemento na Coruña, en setembro de 2004, Manuel María recibiu multitude de homenaxes no país e tamén fóra del. Dende 2007 a figura e a obra do autor presérvase e espállase dende a fundación que leva o seu nome, que dende 2013 desenvolve a súa actividade dende a Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei.

Manuel María, na libraría Xistral nos anos 70 © Fundación Manuel María - Arquivo Familiar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.