A galega Arancha Nogueira e a portuguesa Maria Isabel Fidalgo, premios aRi[t]mar de poesía 2022

A poeta ourensá Arancha Nogueira © cedida

Preto de 4.000 votos premian os poemas 'Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados' e 'Se de repente perto fosse um verbo' da ourensá Arancha Nogueira e a barcelense Maria Isabel Fidalgo no certame aRi[t]mar

O público do certame aRi[t]mar decidiu que o poema Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados, da ourensá Arancha Nogueira, é a mellor poesía do ano 2022 en Galicia e que Se de repente perto fosse um verbo, da poeta barcelense Maria Isabel Fidalgo, é a mellor poesía de Portugal. A iniciativa organizada pola Escola de Idioma de Santiago xa deu a coñecer en marzo as gañadoras do apartado musical, que resultaron ser as viguesas Fillas de Cassandra e agrupación portuense Retimbrar en colaboración con Uxía Senlle.

Case 4.000 votos decidiron galardoar a estas poetas. Tras máis dun mes de deliberacións abertas, quedaron finalistas no caso galego os poemas Se algunha cousa queren comigo, de Lorena Conde, e As amigas, de Yolanda Castaño. E en Portugal, Podia-te chamar Lisrio, de Fernando Machado Antunes, e Faço uma curta viagem, de Maria Teresa Dias Furtado.

O poema Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados afonda no universo poético que Arancha Nogueira propón na obra á que pertence, Antese, XIII Premio de poesía Victoriano Taibo e publicada na Editorial Galaxia, na que a poeta asume o papel de filla. Un poemario creado aínda nun contexto pandémico que reflicte sentimentos universais. "Eses sentimentos de precisar liberdade, de irse construíndo dentro dun espazo que nós mesmas non escollemos mais no que temos que estar... Son cousas bastante universais, penso que poderán ser lidas fóra do contexto pandémico", aseguraba a ourensá en conversa con Praza.gal.

Se de repente perto fosse um verbo parece unha colección de anhelos, sinalan desde a organización do aRi[t]mar. Anhelos que xorden dun condicionante que a poeta pon enriba da mesa coa intención de facer voar a sua imaxinación, ou quizais a súa memoria, ata a cerna da paixón que esperta o contacto humano. A voz de Maria Isabel Fidalgo pertence a unha xeración diferente á de Nogueira, mais ambas son paralelas na fonda intensidade dos seus versos. 

Nesta edición de aRi[t]mar tamén resultou premiada a Associação José Afonso, galardoada co Premio especial do xurado á Embaixada da Amizade Galego-lusófona.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.