A homenaxe itinerante a Xabier P. DoCampo comeza na Coruña contando contos para lembralo

Xabier P. Docampo, en 2011 nunha das imaxes da iniciativa 'Cociñando ao Pé da Letra' CC-BY-SA Culturgal

Este venres, coincidindo co aniversario do seu nacemento, terá lugar na Coruña a primeira edición de Polavila Docampo, unha homenaxe pública e itinerante que terá un carácter anual e que se celebrará en cada ocasión nunha provincia distinta

O 26 de xuño de 2018 finou na Coruña Xabier P. Docampo aos 72 anos. Van alá case seis anos e a súa lembranza permanece e axigántase nas súas moitas, moitísimas amizades e nos milleiros de lectores e lectoras -de varias xeracións- dos seus libros. Este venres, coincidindo co aniversario do seu nacemento, terá lugar a primeira edición de Polavila Docampo, unha homenaxe pública e itinerante que terá un carácter anual e que se celebrará en cada ocasión nunha provincia distinta.

A primeira homenaxe será na Coruña, no Fórum Metropolitano (Rúa Río de Monelos, 1) preto do cal residía, nunha xornada de actividades na que participarán poetas, músicos, narradoras e narradoras orais, cantoras, escritoras e escritores e outras amizades. Os actos, con entrada libre, comezarán ás seis da tarde e desenvolveranse ata a noite.

Homenaxe a Xabier P. DoCampo celebrada no ano 2019 no Teatro Rosalía de Castro © @EstherG_S - Moito Conto

Poetas, músicos, narradoras e narradores orais, cantoras, escritoras e escritores e outras amizades participarán nunha gala chea de contos, pois como o propio Docampo dicía: "o acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia"

Ás 18 horas terá lugar a apertura da Polavila cunha exposición bibliográfica sobre Xabier DoCampo -no vestíbulo do Fórum Metropolitano- que amosará tamén as adhesións recibidas de bibliotecas escolares, pois nos centros de ensino os seus libros estiveron durante moitos anos entre os máis lidos. Ás 18.15 comezará na sección infantil da Biblioteca do Fórum Metropolitano a sesión de contos Vouche contar un conto, para a que se require inscrición previa. Despois, ás 19 horas, celebrarase no vestíbulo do Fórum Metropolitano unha lectura pública e continuada do libro Catro Cartas (Xerais) a cargo de amizades de Xabier DoCampo.

Conducida por Paula Carballeira, Lois Pérez e Isabel Risco, na gala participarán Daniel Puente Bello, Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Antonio García Teijeiro, Antía Otero, Francisco Fernández Naval, Mercedes Queixas, Irene Penas, Concha Blanco, María da Pontragha, Antonio Reigosa ou Uxía

A parte máis destacada da Polavila Docampo comezará ás 20 horas no auditorio do Fórum Metropolitano. A Gala Polavila Docampo 2024, con entrada libre ata completar a capacidade do auditorio, estará conducida por Paula Carballeira, Lois Pérez e Isabel Risco e nela participará un gran número de creadores e creadoras e de amizadores do autor, nunha xornada chea de contos e historias, pois como o propio Docampo dicía: "o acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia".

Así, contará coa presenza dos membros da Xeración Lamote Paco Martín, Fina CasalderreyXavier Senín. Escoitaranse os poemas de Mans na voz de Daniel Puente Bello, ao que seguirán as voces das poetas Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Antonio García Teijeiro e Antía Otero. Haberá lecturas de textos de Xabier por parte dalgunha das súas amizades: Francisco Fernández Naval, Mercedes Queixas, Irene Penas e Concha Blanco. Rematará a gala cunha rolda de contos de medo de Lois Pérez, María da Pontragha, Antonio Reigosa e Paula Carballeira. A música correrá a cargo da cantora Uxía.

Cartel da primeira edición da iniciativa Polavila Docampo © Polavila Docampo

Ademais, durante todo o mes de abril a sala de cinema Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano renderá homenaxe ao escritor a través da súa programación

Ademais, durante todo o mes de abril a sala de cinema Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano renderá homenaxe ao escritor a través da súa programación

Así mesmo, xa este pasado martes 2 de abril, Día do Libro Infantil e Xuvenil, celebrouse na Biblioteca do Fórum Metropolitano un encontro cos clubs de lectura das bibliotecas municipais  coa participación de María Xesús Fernández (crítica e tradutora de LIX), Xosé Cobas (ilustrador) e Martin Pawley (crítico de cinema).

En maio de 2019 Xabier P. DoCampo recibiu unha homenaxe no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

En maio de 2019 Xabier P. DoCampo recibiu unha homenaxe no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Aquel acto, Na voz da amizade, foi organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB) e presentado por Yolanda Castaño. Nel interviron Paco Martín a  Xavier Senín, desde Fina Casalderrey a Suso de Toro, Alfonso García Sanmartín, Chus Fernández, Paula Carballeira, Manuel Bragado, Xosé Manuel Pereiro ou María Canosa. Foi "un acto de amor público e íntimo", nunha xornada na que, ademais, colocouse unha placa na casa na que DoCampo viviu durante anos na Coruña.

"Botamos de menos o amigo e o compañeiro que traballaba en proxectos colectivos para este país e botamos de menos o seu falar esperanzado e ilusionante", sinalaba nesta entrevista Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, que destacaba que "por moi indignado que puidese estar por moitas cousas, sempre había unha compoñente de ilusión esperanzada no futuro".

Placa colocada na porta da casa na que vivía Xabier P. DoCampo na Coruña © AELG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.