O pasado 31 de outubro estreábase nos cines O Apóstolo, película de stopmotion dirixida por Fernando Cortizo. Atrás quedaban anos de traballo, non poucos atrancos e non menos dificultades. A película, que conta con actores como Paul Naschy, Carlos Blanco ou Luís Tosar no seu elenco, afronta agora un novo obstáculo na distribución: das oitenta salas nas que se ía proxectar na fin de semana de estrea en todo o estado, só en 25 se puido ver. Pese a todo, o seu director amósase satisfeito polo resultado dunha fita na que se retratan as lendas galegas máis escuras. Cortizo fala en Praza do futuro d'O Apóstolo, da súa próxima distribución internacional e das dificultades do audiovisual nun contexto de crise tan xeral como asfixiante.
"Nunca quixemos meternos nunha coprodución cunha firma grande porque sabíamos o que nos podían pedir. “Ten que haber un romance, metédelle por aí unha mascota simpática, ten que ser máis para nenos...”
O Apóstolo ten un aquel de película maldita?
[Ri] Non o sei realmente. A ver, cando nós comezamos co proxecto queríamos facer unha película novidosa en moitos aspectos. Un deles foi no ámbito do financiamento, xa que puxemos en marcha unha especie de campaña de crowdfunding. Ademais, tamén era a primeira película de stopmotion que ía chegar aos cines e fíxose con moita liberdade. Nunca quixemos meternos nunha coprodución cunha firma grande porque sabíamos o que nos podían pedir. “Ten que haber un romance, metédelle por aí unha mascota simpática, ten que ser máis para nenos...”, todas esas recomendacións ían aparecer e non queríamos meternos nesas leas. Realmente custounos moito comezar e temos a sensación de que hai xente que non lle gustou que fósemos capaces de facela con socios. Puxéronnos moitos atrancos.
Despois, en pleno 2010, houbo moitos problemas, moitos atrasos nos pagamentos e no financiamento. Ao final decidimos tomar unha estratexia que foi ir a diversos festivais. Conseguir o apoio de diferentes festivais. E foi moi ben o asunto. Por exemplo, en Moscova nunca antes seleccionaran no apartado oficial unha película de animación e O Apóstolo foi escollida. Despois fomos a Bos Aires e gañamos un premio, en Sitges gustou a película, foi unha resposta marabillosa, tamén estivemos en Londres.... Basicamente tiramos pola opción de demostrar en festivais que a película tiña calidade, que lle gustaba a xente. Despois, na chegada aos cines, tivemos unha sorpresa de última hora e quedamos con cara de parvos.
Esa sorpresa foi á hora da exhibición. En principio estaba prevista a súa estrea en oitenta salas e só se puido ver realmente en 25. Que pasou? Cal foi a distribuidora?
"Uns din que se comprometeran esas salas e os cines din que non chegaron as copias necesarias. Sexa como sexa, os que pagamos todo isto somos nós"
A distribuidora é Aquelarre Films, que é coa que asinamos. Despois eles negociaron coas cadeas para botala nos cines e chegou un momento en que pasou o que pasou. E agora tiran balóns fóra e uns acusan aos outros. Uns din que se comprometeran esas salas e os cines din que non chegaron as copias necesarias. Sexa como sexa, os que pagamos todo isto somos nós. Era unha data moi sinalada, unha ponte longa e fixemos un gasto en publicidade. Imaxino que por ser a ponte, moitos cines preferiron ter a James Bond en dúas salas en vez de ter nunha a 007 e noutra, O Apóstolo.
Van levar a cabo medidas legais?
Polo momento non o sei, estamos aínda mirando e pelexando para que saia nos cines que se asinaron. Se sae, aínda que sexa con atraso, poderemos aceptalo. Buscamos estrear ben a película e que a xente a vexa. Mira, o mínimo que se pode pedir é que se poida ver o noso cine sen tantos atrancos. Parece que todo está programado para que o cine que se fai aquí sexa simplemente un cine minoritario, un cine friki. Parece, a verdade. E parece que as películas españolas teñen moita máis limitación para poder verse, moitos obstáculos. E teñen menos percorrido. E despois dánse circunstancias curiosas, porque vas por aí fóra e noutros países sorpréndese do nivel que pode haber acó. E podes comparar a situación con outros países. En Francia, por exemplo, hai unha protección diferente. Hai un 30% de cota de pantalla para o cine francés, pero en España simplemente é o 5%. En fin, é o problema de sempre, non estou a descubrir nada novo. Agora nós buscamos que a película chegue á xente, que se poida ver.
"Ves que hai un sistema establecido no que non podes entrar, que non che deixan e ves como no exterior si que valoran o traballo de forma diferente"
Hai sensación de parto doloroso?
Hai unha sensación agridoce. Doce porque hai moitos socios, un total de 610, que quedaron encantados. Despois as críticas son boas, aínda non escoitei unha mala da película. Tamén é triste porque falamos dun traballo longo, con moitos artistas galegos e españois que traballaron nun proxecto ilusionante como era este e ves todos os atrancos que houbo. Ves que hai un sistema establecido no que non podes entrar, que non che deixan e ves como no exterior si que valoran o traballo de forma diferente. Por iso fóra estamos a pechar vendas. E aquí pareces un raro. Eu só quero que a película se vexa.
Falemos da distribución internacional. Que vendas hai por fóra?
En América Latina temos un contrato global para chegar a mil salas. É un contrato que vén de lonxe, leva tempo asinado. E en Estados Unidos falta pouco para asinalo. Evidentemente non vai ter unha distribución como pode ser a de James Bond, pero si que hai posibilidades en diferentes circuítos. Hai moitas posibilidades de distribución e hai xente que a quere. Tamén hai ofertas que chegan de varios sitios, pero aínda non están pechados.
"John Goodman e Gary Oldman está pechados. Barállanse outros nomes e parece que Benicio del Toro podería estar no proxecto para poñer a voz de Ramón, o protagonista."
Hai un tempo falárase dos posibles actores que ían dobrar a versión inglesa. John Goodman, Gary Oldman, Marin Landau... Que foi de todo aquilo?
En principio, John Goodman e Gary Oldman está pechados. Aínda non se gravou, pero seguen interesados neste guión. Barállanse outros nomes e parece que Benicio del Toro podería estar no proxecto para poñer a voz de Ramón, o protagonista. Pero os actores finalmente decidiranse cando se pechen as vendas e se vexa o orzamento que hai.
E que datas hai de estreas?
Se pechamos pronto o de Estados Unidos, podemos falar para a volta de Nadal. Quizais en febreiro ou marzo. Non o sei seguro porque, ao chegar a este nivel, estas cousas xa non dependen directamente de ti.
"O crowdfunding é para proxectos limitados, non vas poder facer unha película de oito millóns con esa técnica"
É máis fácil tentar algo con crowdfunding neste momento que agardar pola subvencións?
O crowdfunding é para proxectos limitados, non vas poder facer unha película de oito millóns con esa técnica. Nós conseguimos 260.000 euros deste xeito. En Galicia, unha película de ficción pódeche custar 800.000 euros. Se consegues parte con crowdfunding, xa gañaches moito. Un gran problema que temos é despois atopar fiestras para a película, chegar ás salas. Pasa con moitas películas galegas que non chegan aos cines porque non hai respaldo. Con moitas fitas pasa que se chega un problema serio. Fanse películas que despois quedan nun caixón. A subvención chegou a ter un problema no sentido de que se fai unha película que non chega a ningures. Vívese dunha subvención e despois a produción queda no armario. Hai que facer películas de calidade, unha cultura que sexa de calidade e que despois teña fiestras para espallarse.
Buscar financiamento agora mesmo resulta ben difícil para comezar unha película ou calquera proxecto en xeral...
Eu neste caso, fágome unha pregunta: Até que punto a cultura é unha das primeiras cousas que podemos sacrificar? Evidentemente, eu nunca sacrificaría primeiro a educación ou a sanidade, pero é que a cultura é unha parte fundamental do que somos. É o noso I+D, é ser un país con novos talentos. Vivir nun país sen cultura converteranos en man de obra barata para o exterior. A cultura é moi importante na vida da xente, todos pasamos moito tempo en relación coa cultura: lendo libros, lendo noticias, escoitando música, vendo películas, estando diante da televisión... Todo iso é cultura, tamén é cultura. Como se pode dicir que iso non é necesario? É que a cultura é o que fai que sexamos un país! Que nos fai ser galegos ou ser españois ou formar parte dun país? O que nos distingue é a cultura. Cortar niso é un perigo. E recórtase en cultura empregando a crise, pero a crise non se emprega para pechar o senado ou as deputacións. E ese debate está na rúa.
"Un país sen sanidade e educación gratuíta nin cultura que fale de nós... Para que queres formar parte del?"
Pero os recortes desta crise van sempre na mesma dirección. Un país que recorta na sanidade, na cultura, na educación... Quen quere formar parte dese país? Un país sen sanidade e educación gratuíta nin cultura que fale de nós... Para que queres formar parte del? Para que constrúa pontes? Todos os países o fan. Se é por iso, marcho para outro e xa está. A crise non foi provocada polos cidadáns, foi provocada polos mesmo que agora buscan salvar o seu cu. E eses cargan aos cidadáns coas débedas... E din que era porque vivíamos por riba do que podíamos. Pois serás ti, porque eu vivía mal, como vivo agora.