Os premios aRi[t]mar celebran, con récord de participación, a mellor cultura galego-portuguesa do ano

A gala da edición 2023 de aRi[t]mar celébrase este 10 de outubro en Compostela ©

Os premios aRi[t]mar de música e poesía galego-portuguesas, que chegan á súa oitava edición, entréganse este martes 10 en Santiago de Compostela. Será nunha gala no Auditorio de Galicia, no que serán recoñecidas, no apartado musical, os temas Lisístrata, máis coñecida como Varre Vasoira, de Fillas de Cassandra, e Maçazinha do grupo portugués Retimbrar cos que colaborou a cantante galega Uxía. 

Na gala, que terá lugar este martes en Compostela, recibirán o seu premio e actuarán Fillas de Cassandra e o grupo portugués Retimbrar, cos que colaborou Uxía

No ámbito poético, as creacións máis votadas foron “Mamá fala linguaxes de documentos predeterminados” de Arancha Nogueira, e “Se de repente perto fosse um verbo”, da poeta portuguesa María Isabel Fidalgo. Ademais, a premio especial a amizade galego-lusófona recaeu na Associação José Afonso, que leva máis de 30 anos difundindo os valores deste artista, tamén desde a delegación galega. O público que queira asistir á Gala na que os premiados recollerán o galardón e actuarán poderá facelo libremente, ata completar a capacidade do Auditorio de Galicia.

Na presentación da gala, hai uns días, Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta destacou que "este proxecto sorprende pola calidade e polo nivel das propostas e pola transcendencia no ámbito da lusofonía”. Pola súa parte, Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, salientou “o carácter popular do evento e como a cidananía de Compostela toma a gala como propia”, ademáis de subliñar o carácter de descubrir novas propostas “marcadas polo feminismo, o amor e o espíritu de renovar”.

No apartado poético os galardóns son para a galega Arancha Nogueira e a lusa María Isabel Fidalgo

aRi[t]mar é un proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, que conta co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Santiago, Agrupamento de Cooperación Transfronteiriza Galiza - Norte de Portugal, Deputación de A Coruña e Instituto Camões. Ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.

Ademais, recoñécese o labor da Associação Jose Afonso na promoción da amizade entre os dous pobos.

O director de aRi[t]mar, Gonzalo Constenla, subliñou que “a participación segue a medrar cada ano e este ano bateu o récord de participación popular”. Este ano foron máis de 6.000 persoas as que votaron en cadansúa modalidade, de música e poesía, participando e coñecendo propostas recentes de ambos lados do Miño.

O director de aRi[t]mar, Gonzalo Constenla, subliñou que “a participación segue a medrar cada ano e este ano bateu o récord de participación popular"

De feito, a votación do apartado musical rexistrou un récord de participación, con milleros de persoas escollendo as súas cancións favoritas editadas no ano 2022 en galego e portugués. O Lisístrata de Fillas de Cassandra foi o tema máis votado en galego, un traballo no que as viguesas combinan tradición e novas sonoridades electrónicas nun traballo dedicado "a todas as que foron feitas de olvido" no que a mensaxe feminista é unha das claves.

Na presentación da gala Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta destacou que "este proxecto sorprende pola calidade e polo nivel das propostas e pola transcendencia no ámbito da lusofonía"

Mentres, a mellor música do ano en Portugal foi o tema Maçãzinha, da agrupación portuense Retimbrar en colaboración con Uxía Senlle, un "bo exemplo do TugaBeat, nome co que os mesmos Retimbrar definen a súa música, unha mistura de sons folk, populares e de outras moitas orixes coa sempre imperante presencia da percusión tradicional lusa", destaca a entidade organizadora.

O segundo e terceiro lugar foron, no caso galego, para SÉS (Para Cando Eu Morra) e a dupla Xoel López & Baiuca (Paxaro Do Demo). En canto á música portuguesa, o podio completouse con A Garota Não (Dilúvio) e Miguel Araújo (Dança de um dia normal).

En canto á poesía, o público do certame aRi[t]mar decidiu que o poema Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados, da ourensá Arancha Nogueira, é o mellor do ano 2022 en Galicia e que Se de repente perto fosse um verbo, da poeta barcelense Maria Isabel Fidalgo, é a mellor poesía de Portugal.

Case 4.000 votos decidiron galardoar a estas poetas. Tras máis dun mes de deliberacións abertas, quedaron finalistas no caso galego os poemas Se algunha cousa queren comigo, de Lorena Conde, e As amigas, de Yolanda Castaño. E en Portugal, Podia-te chamar Lisrio, de Fernando Machado Antunes, e Faço uma curta viagem, de Maria Teresa Dias Furtado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.