A xuíza condena un menor pola morte de Jimmy e dá validez ao testemuño que implica máis ultras

Mural en homenaxe a Jimmy CC-BY-SA Praza Pública

O Xulgado de Menores Número 4 de Madrid condenou por un delito de homicidio a seis anos de internamento en réxime pechado e dous anos de liberdade vixiada ao menor acusado da morte do afeccionado do Deportivo Francisco Romero Taboada, Jimmy. O relevante é que o xuíz dá validez ao testemuño da testemuña protexida, polo que declara culpable a Álvaro C. G., líder das mocidades dos ultras de extrema dereita do Atlético de Madrid e principal acusado neste procedemento, dos delitos de homicidio, rifa tumultuaria e posesión ilícita de armas. A condena é menor á petición da Fiscalía, que reclamaba oito anos de internamento e tres de liberdade vixiada.

A primeira sentenza do caso 'Jimmy' dá validez ao relato da testemuña protexida e que apuntou catro persoas como autores da morte do afeccionado deportivista

Esta primeira sentenza é a primeira do caso Jimmy, pero só no proceso que se segue contra os menores. É o Xulgado de Instrución Número 20 de Madrid o que instrúe a causa principal, na que hai un cento de imputados pero ningún deles acusado de homicidio. O ditame emitido este luns dá unha volta ao caso, xa que o xuíz dá por valido o relato da testemuña protexida e que apuntou catro persoas como autores da morte do seareiro deportivista: o menor agora condenado, outro seareiro imputado polo xuíz de instrución e dous dos catro ultras que foran postos en liberdade -e con moita polémica- o pasado mes de maio por "falta de probas" malia a "estupefacción" da policía e os detallados datos, imaxes e indicios derivados da investigación das forzas de seguridade

No caso dos outros dous menores, o xuíz impuxo a Javier Pedro C.N. a pena de 60 horas de traballo por un delito de rifa tumultuaria e a Isaac D.C. un ano de liberdade vixiada como autor dun delito de rifa tumultuaria e doutro de posesión ilícita de armas. Ambos recoñeceron os feitos na vista oral que se celebrou do pasado 25 de xaneiro.

Así, a sentenza destaca que o testemuño desta testemuña protexida é válida por varias razóns: ausencia de incredibilidade subxectiva, verosimilutde dos feitos denunciados e persistencia na incriminacións. E engade, ademais, que a súa demora á hora declarar está "en gran parte xustificada polo lóxico temor a posibles represalias" contra el, o que non poría en dubida a súa credibilidade, "cuxo testemuño é sinceramente convincente". 

De feito, hai algo máis dun mes o xuíz decretou o ingreso en prisión de dous detidos por ameazar e coaccionar a testemuña protexida a través de mensaxes e visitas ao seu posto de traballo. Cando menos un deles, alcumado Búfalo, fora un dos detidos pola morte de Jimmy que fora logo posto en liberdade polo xuíz que leva o caso.

A sentenza achega mensaxes que demostran que o Frente Atlético quedara para a acción violenta e a xuíza considera que ambos grupos quedaron para pegarse

Na sentenza do Xulgado de Menores, a maxistrada considera probado que con motivo do partido de Liga entre Atlético e o Deportivo, que se celebrou o 30 de novembro de 2014, "afeccionados radicais de ambos os dous equipos", que defenden ideoloxías contrarias, citáronse ás 8 horas a través das redes sociais e de mensaxes de teléfonos "co único fin de agredirse mutuamente". Baixo consignas "armados até os dentes", "sen dúbidas e con moito odio", "Atlético ou morte", centos de afeccionados do equipo branquivermello acudiron ao lugar da cita, entre eles os tres menores condenados, sinala o auto. Insiste nesta teoría malia que os Riazor Blues insisten na "emboscada", así como as investigacións policiais, que non acharon probas desa suposta quedada nas conversas e mensaxes telefónicas, aínda que no ditame agora publicada asegúrase que os afeccionados deportivistas saíron de madrugada coa consigna de "arrasar Madrid". 

Álvaro e Isaac portaban senllas defensas extensibles mentres que Javier Pedro levaba un pau. O tres, de común acordo co resto de participantes que ían gran parte deles armados, acometeron de forma indiscriminada os numerosos afeccionados do Deportivo, que actuaban de igual forma, "movidos ambos os grupos polo odio á afección rival e aos ideais con que estes simpatizan".

Precisa que nun momento da liorta, Álvaro, "tras observar como un mozo maior de idade golpeaba na cabeza a Jimmy, e que este caía ao chan, valéndose da defensa extensible que portaba golpeoulle con esta na zona abdominal e, con ánimo de causarlle a morte, continuou propinándolle golpes axudado por tres maiores". Acto seguido e a propósito do seu crítico estado, algúns deles lanzárono ao río Manzanares. O xuíz destaca que Jimmy morreu como consecuencia dos golpes recibidos na cabeza e abdome. A sentenza recolle tamén as conversas de whatsapp nas que Álvaro se intercambiaba dous días antes mensaxes con outro amigo nos que quedaba claro que quedaran para a acción violenta.  

Captura de imaxe dunha gravación dos altercados © TVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.